Trasno colabora no Fiadeiro de localización de software libre na USC

Os trasnegos aledámonos de colaborar no vindeiro Fiadeiro de localización de software libre realizado na Universidade de Santiago de Compostela. Convidámosvos a vos matricular e aprender coa axuda de Enrique Estévez e Antón Méixome.

A comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría desenvolverá o “IV ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de Software Libre”  en colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Proxecto Trasno para promocionalo uso de SWL na USC e a localización de aplicativos a nosa lingua. Con máis detalle, preténdese:

  • Fornecer a formación técnica para a localización ao galego de software libre
  • Contar con software que se use na USC en galego, mediante procesos de localización
  • Impulsar a comunidade universitaria de localización
  • Impulsar o uso do galego
  • Impulsar o coñecemento e o uso do software libre

Realizarase en tres xornadas no mes de abril e consistirá en 6 horas de formación nas que logo se acometerá outras 9 máis a tradución ao galego de aplicacións de software libre, baixo a supervisión do profesorado do Fiadeiro.

O prazo de matricula estará aberto do 26 de marzo ao 15 de abril de 2012. Con este curso poderase acceder ao recoñecemento de créditos de libre elección, dun diploma de asistencia por 15 horas, e de constancia da experiencia de traducións. Mesmo se lle outorgará un premio á parella que máis cadeas traduza e con máis calidade. Dispoñedes de máis información e de como incribirse na páxina da USC do fiadeiro.

Concesión dos Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n)

Coincidindo coa celebración da Trasnada 11.1 en Vigo, vimos de publicar as conclusións do Xurado dos Premios aos mellores PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n).

Transcribimos as partes fundamentais da acta do Xurado:

Composición do Xurado

  • D. Oscar Diaz Fouces é profesor titular do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Dirixe o Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución.

  • D. Iván Area Carracedo é profesor titular do Departamento de Matemática Aplicada II. Foi vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo. Foi coordinador do Proxecto Ronsel.

  • D. Felipe Gil Castiñeira é profesor titular do Departamento de Enxeñaría Telemática na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Ata o ano 2010 foi coordinador do equipo de tradución ao Galego de Ubuntu

  • D. Roberto Vieito Raña, designado pola Oficina de Coordinación FLOSS en delegación da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación da Xunta de Galicia

Actúa como Secretario, sen voz nin voto, do mesmo

  • D. Miguel Anxo Bouzada, na súa calidade de Vicepresidente da «Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno»

Declaración dos gañadores dos Premios

Por unanimidade do Xurado, declarase gañador do primeiro «Premio ao mellor PFC de desenvolvemento en aplicativos libres para a localización (l10n)» dotado cunha contía de 600,00€, ao único proxecto presentado, correspondente a:

Título do proxecto:

«Desenvolvemento de aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web Django»

Nome e apelidos do autor:

Leandro Regueiro Iglesias

Datos do director do proxecto:

David Cabrero Souto

Por non teren sido presentados máis proxectos declarase deserto o segundo premio dotado cunha contía de 400.00€.

Asinado, en Vigo a 10 de novembro de 2011

Miguel Anxo Bouzada

Secretario do Xurado

Nota: a dotación económica deste premio está patrocinada pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ao abeiro do Convenio de colaboración entre esta Secretaría e as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.

Trasno estará na Xuventude Galicia Net, en ExpoOrdes e na Noite Drupal e GNU/Linux esta fin de semana

Aos trasnegos espéranos unha fin de semana con intensa actividade xa que estaremos presentes nos tres eventos de relevancia na comunidade galega.

Este Sábado 16 estaremos no Stand Promocional da comunidade galega do Software Libre que haberá na área de entrada á Xuventude Galicia Net 2011, evento que indo xa na súa decimosegunda celebración é a maior xuntanza informática galega. Alí estaremos todo o día promocionando o software libre e ensinando o noso traballo. Ademais contaremos con dous relatorios de entrada libre:

  • “11 anos de informática en galego”, un relatorio-debate na que se analizarán estes 11 anos de traballo comunitario traducindo ao galego e as perspectivas de futuro.
  • “Obradoiro de localización”, unha sesión de iniciación á tradución de software libre na que se pretende dar unha rápida noción de como comezar a traducir.

Asi mesmo, dende a tarde deste Venres 15 ao Domingo 17 estaremos acompañando á asociación Inestable de Ordes no seu stand na feira multisectorial ExpoOrdes 2011 e XXII Festa do Champiñón. Se se repiten as cifras do ano pasado, máis de cincuentamil persoas pasarán pola feira, que o maior evento anual da comarca. Alí poderas contactar connosco e mostrarche a nosa labor e mesmo montarmonos un taller de localización improvisado. Por descontado, desfrutarás de todas as sorpresas preparadas polos inestables!.

Por último, non nos podemos esquencer de que tamén estará algún trasnego na Noite Drupal e GNU/Linux que organizan os do Zulo de Mugardos. Aos amigos do Zulo desexámoslle o mellor do evento. Dende logo entre receitas de cociña e baazares, promete esta primeira edición.

Se che interesa coñecernos, non perdas a oportunidade de acudir a calquera dos eventos e presentarte!.

Presentación do manual «Comezar con Ubuntu»

O pasado 14 de decembro,  reuníronse no Salón de Actos da Casa de Cultura os promotores da primeira edición do manual de Ubuntu en lingua galega. Tanto don José Andrés Freire en representación da área TIC da USC como dona Vitoria Rei Mariño, tenenta de alcalde de Dodro e anfitrioa, salientaron a satisfacción por ver o produto xa publicado e dispoñíbel para a súa distribución e uso por todo tipo de público, así como agradeceron o financiamento que se obtivo da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Interveu tamén don Miguel Branco Vázquez como presidente da AC Proxecto Trasno que fixo fincapé no interese de dar continuidade a este tipo de iniciativas en que, polo interese xeral colaboran tanto a Administración como entes cívicos. Remataron a quenda de intervencións os responsables dos servizos técnicos do Concello e da USC implicados así como don Miguel Bouzada como representante dos tradutores voluntarios.

A obra «Comezar con Ubuntu 10.04», que agora sae editado en papel, é unha guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu. O manual, que tamén se pode obter de balde pola Internet axudaralle aos usuarios noveis a familiarizarse coas tarefas diarias deste potente sistema: navegar polo web, escoitar música ou escanear documentos. Poñendo énfase na sinxeleza ao seguir as instrucións, e é axeitado para todos os niveis de experiencia. Escrito cunha licenza de código aberto, o manual conta coa correspondente versión electrónica, accesible dende a web propia desta, que é de balde para descargar, ler, modificar e compartir.

Comezar con Ubuntu 10.04 é un proxecto de colaboración entre a Concellaría de Dodro, a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela e a AC Proxecto Trasno, que forneceron o persoal técnico tanto lingüístico como informático e que chega ao soporte en papel financiado pola Deputación da Coruña, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e a Xunta de Galicia, e que xa ten asegurado unha nova reimpresión ao abeiro do convenio cos grupos de usuarios de software libre coa SX de Modernización e Innovación Tecnolóxica da cal AC Trasno é asinante.

Constitúe esta obra unha boa mostra de colaboración entre as distintas institucións, que facilitan a asesoría técnica e lingüística e medios para a impresión, e a sociedade civil, que sacou este proxecto de tradución tecnicamente complexo. As arredor de 5000 liñas do manual (resultado dun corpo de tradución de 9000 liñas) a penas foi traducido a un par de linguas máis. Con este acto formal as tres entidades implicadas na edición comezarán agora a distribución das súas propias reimpresións do Manual en función das necesidades que ten cada unha e do diverso público para o que se fixo.

Considérase que tanto a implantación na rede de locais socioculturais do Concello de Dodro, as aulas libres da USC así como os cursos de formación da Asociación Trasno serán os primeiros en recibir este material. Sen dúbida a implantación do programa Abalar (baseado no mesmo sistema operativo) será unha fonte de demanda importante para este tipo de materiais e así se espera que se poida seguir mantendo actualizado de cara ao futuro.

1 3 4 5 6 7