Celebramos o Día do Software Libre en Mugardos

Os trasnegos sumarémonos á comunidade de O Zulo de Mugardos para celebrar o «Software Freedom Day 2010», o día do Software libre que se celebra este 18 de setembro.

A AC O Zulo de Mugardos, dentro do «Ciberencontro Kernel 2010», quixeron convocar a todas as comunidade do software libre galegas para celebrar con eles este evento, dentro do marco do Kernel 2010. O SFD é unha festividade pensada para:

  • “divulgar os beneficios que supón (tanto técnica, social e economicamente) o emprego de “FOSS” – aplicacións informáticas de código aberto e libres,nos eidos da educación, administración, ámbito doméstico, empresarial, técnico, …”
  • o fomento da igualdade de oportunidades mediante a tecnoloxía e o seu uso libre
  • promover o diálogo construtivo sobre o dereito e responsabilidade da sociedade á liberdade da cultura e da información

O Proxecto Trasno, coma o resto de comunidades do software libre galega, estaremos alí para unirnos á celebración.

As actividades previstas para ese día, que comezará ás 11:00 horas, son:

  • Presentación oficial distribución do sistema operativo para computadores con poucos recursos, GALPon MiniNo 1.2. Desenvolvida polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon). A súa potencialidade e prestacións.
  • Obradoiro de instalación de GALPon MiniNo en computadores antigos,procedentes da renovación de equipos do Concello de Mugardos e que finalmente doará o Concello a asociacións e entidades sen afán de lucro.
  • Foro – debate «O FOSS, “software e cultura libre” na sociedade do século XXI» , coa participación de representantes dos GULs (Grupo de usuarios de Linux e software libre) de Galicia.

Premio Trasno á mellor curta en galego do I Festival de curtametraxes Cinestable

O 5 de agosto tivo lugar en Ordes o I Festival de curtametraxes Creative Commons Cinestable, organizado pola asociación Inestable e que pretende promover a creación de obras libres ou creative commons. Entraron a concurso 11 curtametraxes e Trasno participou aportando un premio de 200 € á mellor curtametraxe en galego. Os outros premios eran o do xurado (600 €) e o do público (100 €).

O xurado trasnego con Dolores Iglesias, directora da curta pemiada como mellor en galego, RC14

O xurado de Trasno estivo formado por Miguel Branco, Xosé Calvo e Xabier Villar. O obxecto deste premio era promover a creación artística con licenzas libres en lingua galega e para isto tivéronse en conta o uso que se facía do idioma e a atención á corrección lingüística, sen valorar outros elementos, para os que estaban pensados os outros premios. Realmente, das 11 curtas, 10 estaban en galego. O xurado decidiu concederlle o premio a RC14, de Dolores Iglesias, unha historia centrada arredor dun reloxeiro que sospeita da súa muller e para a que prepara unha vinganza.

RC14, o noso favorito

 

Trasno no «Ben Falado!»

O espazo televisivo do Ben falado! de hoxe estivo adicado ao Proxecto Trasno.  O xa veterano programa da grella da TVG Ben falado! é un microespazo diario de cinco minutos adicados á lingua galega e presentado por Xesús Ferro Ruibal,  académico do centro Ramón Piñeiro.  O capítulo emitido hoxe, día 29 de Xullo,  foi rodado en Maio contando coa colaboración dalgúns dos membros do proxecto e nel tivemos a oportunidade de facer un pequeno repaso ao que é o noso proxecto e da dirección na que esperamos que avance.

Este vídeo, coma o resto dos contidos da canle, está dispoñíbeis en CRTVG televisión á carta.

Desexamos que o espazo servira para darnos a coñecer ao público xeral e para divulgar o noso labor no eido da lingua. Agardamos que, dun xeito ou outro, vos anime a colaborar connosco.

Dende trasno queremos agradecer a amabilidade e profesionalidade de todo o equipo do Ben falado!, moi especialmente  á Maria Carballeira.

 

O Proxecto Trasno estivo nas VII Xornadas de Software Libre de Mugardos

A veterana Comunidade do Zulo de Mugardos, que traballa dende o 2003 puxando polo software e a cultura libre, quíxonos convidar este ano ás súas VII Xornadas de Software Libre, que se celebraron este pasado 26 de Xuño na casa do Concello de Mugardos.

Alí puidemos desfrutar do programa preparado que incluía:

  •  Achegamento a Ubuntu 10.04 – Oscar Amor
  • Drupal, máis que un xestor de contido – Alberto Permuy
  • Presentación Asociación Comunidade O Zulo
  • Procesos de localización ó galego – Miguel Bouzada e Miguel Branco do Proxecto Trasno
  • P2P: estado actual, Somos todos piratas? – Carolina Montero
  • Dominios interoperábeis. A convivencia é posíbel: Sistemas libres e privativos. Asociación Ghandalf (Roberto Vieito)
e como non, desfrutar da compañía da xente da comunidade. Dende o Proxecto Trasno agradecémoslle ao Concello de Mugardos e aos amigos da Comunidade do Zulo a súa amabilidade e simpatía. Para calquera que se acerque a Mugardos agora podémoslle recomendar unha visita ao peirao e o polbo que se prepara na vila.
As xornadas foron retransmitidas en liña ao vivo.
1 5 6 7