Orixe do Proxecto Trasno

As orixes do Proxecto Trasno están en dous grupos que traballaban por separado.

Na primavera de 1999 nace o grupo Gzlinux, fundado por Manuel A. Fernández Montecelo e Nuno André Novo (WoDeN), para dedicarse á tradución de documentación (guías e manuais).

Por outra banda, en xullo de 1999 iníciase no GPUL (Grupo de programadores e usuarios de Linux da Universidade da Coruña) un subproxecto, coordinado por Jacobo Tarrío, para a tradución das utilidades de GNU e de programas libres en xeral (A elección foi moi democrática ;-D).

Ámbolos grupos evolucionaron por separado ata que a principios do 2000 membros dun e doutro, así como xente que traballaba independentemente destes grupos, decidiron fusionarse nun único grupo. 

Este novo grupo, o nacente Proxecto Trasno, serviu dende entón como punto de referencia para todo aquilo relacionado coa galeguización do software libre.

Sobre o por que do nome do grupo, non é nada en concreto. Foi unha proposta de Francisco X. Vázquez Grandal que tras unha votación saíu elixida como nome do proxecto. Intentóuselle buscar algún xeito que definise o proxecto a partir de “trasno” mais non se conseguiu nada acaído. Ás veces tense dito de broma o sermos os “TRAdutores Sen NOme”.

Se queres afondar máis, podes consultar o arquivo da lista de correo, desde a primeira mensaxe.