Dende o Proxecto Trasno informámosvos do lanzamento dunha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego.
A nova versión do corrector ortográfico Hunspell é a 18.07 «Francisco Mirás» en homenaxe ao primeiro estudoso que elaborou o que se pode chamar a primeira gramática galega. O desenvolvemento foi coordinado por Antón Méixome e con imprescindibles contribucións de Adrián Chaves. Ambos agradecemos á comunidade tamén as súas achegas. O dicionario contén agora 230.125 entradas e suxestións (fronte ás 85.974 da versión do ano 2013) polo que agardamos que siga sendo un apoio para todos aqueles que se preocupan pola calidade da nosa lingua.
Trátase pois dunha moi relevante actualización do corrector e que podemos empregar xa con LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird e Google Chrome. Funciona ademais noutros aplicativos privativos, como é o caso de Mac OSX, InDesign, memoQ, Opera e SDL Trados…
O corrector Hunspell é a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego.
Nos próximos días iremos completando esta nova e publicando as correspondentes versións dos complementos que facilitan a instalación automática para LibreOffice, Firefox, Debian, etc.
De momento… e para os que os que queiran probar os ficheiros base de corrección ortográfica, pódese descargar o seguinte arquivo: hunspell.zip Contén os ficheiros .aff e .dic que deben substituír aos que teñas instalados (normalmente haberá que renomealo para que teñan o nome canónico, así gl.dic > gl_ES.dic e gl.aff > gl_ES.aff).
- Paquete debian de test: hunspell-gl-es_18.07~beta-0ubuntu1_all (descargar e extraer o .deb do arquivo zip). Descargalo en facer dobre clic sobre el para lanzar o administrador de software.
- A instalación manual en Ubuntu consiste en situalos en
/usr/share/hunspell/gl_ES.aff
/usr/share/hunspell/gl_ES.dic
Nota: é unha versión beta, polo que de xurdir algún problema, agradecemos que nolo comuniquedes en comentarios desta nova