Os trasnegos aledámonos de colaborar no vindeiro Fiadeiro de localización de software libre realizado na Universidade de Santiago de Compostela. Convidámosvos a vos matricular e aprender coa axuda de Enrique Estévez e Antón Méixome.
A comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría desenvolverá o “IV ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de Software Libre” en colaboración do Servizo de Normalización Lingüística da USC e o Proxecto Trasno para promocionalo uso de SWL na USC e a localización de aplicativos a nosa lingua. Con máis detalle, preténdese:
- Fornecer a formación técnica para a localización ao galego de software libre
- Contar con software que se use na USC en galego, mediante procesos de localización
- Impulsar a comunidade universitaria de localización
- Impulsar o uso do galego
- Impulsar o coñecemento e o uso do software libre
Realizarase en tres xornadas no mes de abril e consistirá en 6 horas de formación nas que logo se acometerá outras 9 máis a tradución ao galego de aplicacións de software libre, baixo a supervisión do profesorado do Fiadeiro.
O prazo de matricula estará aberto do 26 de marzo ao 15 de abril de 2012. Con este curso poderase acceder ao recoñecemento de créditos de libre elección, dun diploma de asistencia por 15 horas, e de constancia da experiencia de traducións. Mesmo se lle outorgará un premio á parella que máis cadeas traduza e con máis calidade. Dispoñedes de máis información e de como incribirse na páxina da USC do fiadeiro.