A trasnada 14 será en Pontevedra

No Proxecto Trasno continuamos coas xuntanzas que chamamos as «Trasnadas». Nestes xuntas dedicámonos a pechar debates sobre terminoloxía en tradución

de software libre, debater novos eidos de traballo, pero especialmente, recibir a os que queirades comezar a traducir software libre ao galego.

Onde é?

Google Maps 2014-11-17 20-28-29

A oitava trasnada, a Trasnada 14.o será este vindeiro día 22 de novembro no “Centro Social do Gorgullón” na boa vila de Pontevedra, grazas á colaboración da Asociación Veciñal Eduardo Pondal

A sesión da mañá comezará as 10.30 e durará ata a 14.00. Está destinada por unha parte á celebración da asemblea da asociación  e por outro a todos os que estamos no campo de localización e queiramos propoñer ou debater terminoloxía a empregar.

Simultaneamente (de 12.00 a 13.00) ensinaremos como configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre, ou resolver dúbidas que precisedes.

En que consiste a trasnada?

A trasnada sérvenos como unha sesión de traballo para lograr acordos e planificar o futuro dos proxectos de localización nos que traballamos (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice). Como noutras ocasións, e buscando producir traducións de calidade, o tema de debate fundamental será a actualización das normas de estilo e a terminoloxía neste ámbito da tradución.

Por outra banda, será un espazo público ao que se pode achegar quen queira coñecer o proxecto ou colaborar connosco.

DSC_0510

Pódese seguir a través da rede?

Os interesados no evento póden colaborar polas canles IRC do proxecto (#proxectotrasno en freenode). As novas que se vaian producindo iranse subindo aos nosos perfís nas redes sociais. Estade moi atentos ás redes e animádevos a interactuar connosco ese día! A través delas difundiremos os resultados tanto da asemblea como dos propios debates.

Owncloud, a nube autónoma en galego

Da man de Miguel Bouzada, tradutor e co líder do equipo de tradución damos a coñecer que o software Owncloud está xa adaptado ao galego ao 100% na súa nova versión 0.6 en desenvolvemento e que resulta un complemento que recomendamos como alternativo a solucións de código privativo tipo Dropbox.

O sistema Owncloud é unha solución autónoma e de software libre para a «nube» persoal ou para un grupo de persoas que necesitan compartir ficheiros de calquera tipo, especialmente os habituais na ofimática: documentos, gráficos, música, etc. e xa coñecemos varios casos de utilización intensiva entorno colaborativo no noso país, como por exemplo a Oficina de Software Libre das universidades galegas integrada no CIXUG.

Estamos a falar da edición colaborativa! E en galego! Esta función integrase nunha aplicación chamada «Documentos ownCloud» e será parte do ownCloud 6. A xente pode ver e editar os seus documentos de texto ODF directamente no navegador, dentro do seu ownCloud. Outra cousa interesante é que pode convidar aos usuarios da mesma ownCloud para traballar conxuntamente no mesmo documento con vostede. Ou pode enviar ligazóns de convite por correo-e ás persoas fóra do seu servidor para colaborar con vostede no documento.

O equipo de tradución integrado por varios membros de Trasno así como outros tradutores voluntarios atraídos pola utilidade deste software leva traballando silandeiramente desde hai varios meses e coordínase a través do sistema de tradución en liña Transifex: https://www.transifex.com/projects/p/owncloud/language/gl/

A nova versión do sistema Owncloud trae importantes novidades, en palabras do responsable do seu desenvolvemento :

Benvidos a «Documentos ownCloud»

Nos últimos meses traballouse nunha función que será moi útil e popular. Todo o desenvolvemento ocorreu nun repositorio público en GitHub, pero non falamos diso en público e talvez non era obvio para a xente que o atopaba por casualidade.

Varias persoas poden navegar ao mesmo tempo no mesmo documento con diferentes cursores, e vostede pode ver os cambios que se realizan polos diferentes usuarios en diferentes cores. Cada usuario é identificado polo nome e pola imaxe avatar que introducimos en ownCloud 6.

Integramos esta característica coa colaboración dos nosos amigos de KO GmbH . A parte navegador baséase en WebODF cunha nova infraestrutura ownCloud para cargar, gardar, compartir documentos e un sistema para distribuír os cambios do documento.

Esta característica é especial en varios aspectos:

  • Funciona unicamente no seu servidor. Non hai comunicación con servizos centralizados como Google; polo que os seus datos sempre están protexidos contra calquera vixilancia externa.
  • Non se introducen novos requisitos no servidor. Abonda con botar andar o ownCloud e poñer un documento na raíz de documentos do servidor web e xa temos o noso propio servidor de edición colaborativa. Isto é moito máis doado de instalar e executar que, por exemplo Etherpad.
  • Todos os documentos baséanse en ficheiros ODT aloxados no seu ownCloud. Isto significa que vostede pode sincronizar os seus documentos no escritorio e abrilos co LibreOffice, Calligra, OpenOffice ou Microsoft Office 2013 en paralelo. Ou pode acceder a eles a través de WebDAV, se o prefire. Obtén tamén todas as outras características do ownCloud como o control de versións, o cifrado, recuperar e así sucesivamente. Isto é moi especial, penso.
  • Todo o código é software completamente libre. O PHP e os compoñentes de JS publícanse baixo a licenza AGPL. Isto é diferente á maioría das outras solucións. Algúns deles afirman ser de código aberto, mais co uso de Creative Commons como unha licenza de código que non é software libre.

Teña en conta que isto é só a primeira versión desta gran función. Non todos os elementos ODT son compatíbeis, mais estamos traballando en mellórala considerabelmente no futuro. Imos investir dun xeito moi especial nisto porque creemos que esta é unha característica moi importante, e que é moi útil para a xente.

Pode atopar máis información sobre esta función, incluíndo un vídeo de demostración e todas as outras novas características do ownCloud 6 aquí:

https://owncloud.org/six

Documentos ownCloud é parte da Beta 1 do ownCloud 6 que pode descargar aquí:

ownCloud 6 beta 1

Grazas á gran comunidade ownCloud que integrou esta anovadora característica. Un agradecemento especial aos nosos amigos de KO GmbH. É un pracer traballar con vostedes. E grazas a ownCloud Inc., que patrocina o desenvolvemento de software libre.

ownCloud é construído por unha gran comunidade cun proceso de desenvolvemento completamente aberto. Todos son benvidos a unirse a nós e axudar a construír software que pode protexer a todos nós da vixilancia externa. Se quere que o mundo sexa un pouco mellor, únase a nós en https://owncloud.org.

Os fillos de OpenOffice.org: OpenOffice 4.0 e LibreOffice 4.1, facéndose maiores

openoffice-orgA Fundación Apache anuncia a publicación da súa edición 4.0, que é a primeira versión pública desde hai 18 meses cun feixe de novidades entre as que salienta a nova barra lateral herdada da suite de IBM Lotus Symphony e melloras no tratamento de ficheiros antigos, gráficos e imaxes que se integran respectando transparencias, fondos e novas funcións de compatibildade da folla de cálculo, entre outras moitas que recomendamos consultar consultar na Nota de edición

Ao grupo de tradución ao galego prácelle anunciar que está dispoñible para o seu uso coa interface 100 % traducida ao galego e que se pode descargar desde o web oficial do proxecto que xa integra a nova imaxe de marca desta suite que foi durante moitos anos a principal referencia de software de produtividade ofimática de código aberto.

Pola súa parte, The Document Foundation, responsable da suite libre de oficina LibreOffice, tamén publica a súa nova versión 4.1 que incorpora melloras para a compatibilidade entre ficheiros de formato privativo e un gran número de novas funcionalidades como a rotación de imaxes, o asistente de creación de álbums de fotos e a moi agardada incorporación dos tipos de letra no ficheiro de exportación para evitar desaxustes de presentación cando se abren os documentos noutros equipos distintos do que utilizamos para crear documentos e arranxos derivados da caza de erros que tivo lugar durante este pasado mes.

Todo está perfectamente explicado na páxina de funcionalidades da 4.1 e no wiki de LibreOffice que mantemos os membros o NL galego. Os usuarios galegos tamén teñen á súa disposición LibreOffice traducido completamente nesta nova versión e para calquera dos principais sistemas operativos de escritorio: Linux, Mac e Windows

Facéndose maiores… fronte a unha competencia estancada

Presentación do Proxecto Trasno en Touro

Proxecto Trasno en TouroProxecto Trasno realizou unha presentación sobre a tradución ao galego de software libre no C.P.I. Fonte Díaz en Touro o mércores 29 de Maio. Leandro Regueiro e Xabier Villar  fixeron unha presentación das nosas actividades á que asistiron unhas trinta persoas, entre alumnos e profesores, ás que se lles falou sobre o software libre e cultura libre, o Proxecto Trasno e o labor que realiza, e como se localiza software libre.

Sen software libre non habería Tuenti!

Así falouse de por que é útil o software libre desde o punto de vista do alumnado e tamén do profesorado, revelándolles que en realidade xa o veñen usando, pensando que só é software gratuíto cando o importante é a liberdade e seguranza que lles ofrece por ser libre.

Que o software libre non lle trae máis ca servizos accesíbeis e beneficios científicos e culturais quedou ben claro polo que tamén se fixo fincapé na oportunidade que lles ofrece para contribuír xa incluso sendo só usuarios e comunicando os erros de funcionamento ou tradución, que é o facemos en Trasno.

Alén do software libre, a cultura libre

Tamén se falou da norma ética e cultural que está detrás da comunidade que apoia e que permite dispoñer de proxectos como a Wikipedia ou repositorios musicais como Jamendo, libros de todas as temáticas, filmes, etc. Non só ciencia e traballo senón tamén cultura e ocio. Non podía quedar de lado, unha pequena referencia á actividade que está producindo nestes momento un grande impacto como o desenvolvemento do hardware libre: Arduino, RaspberryPi, impresoras 3D, etc.

Volvendo á tradución, por que?

Proxecto Trasno explicoulles o feixe de razóns polos que esta actividade resulta de gran interese para todos, xa que vivimos nunha sociedade informatizada:

  1. Aprender
  2. Facilitarnos a vida
  3. Beneficio propio
  4. Altruísmo
  5. Entretemento
  6. Satisfacción persoal
  7. Independencia cultural
  8. Porque se pode, sobre todo se é software libre.

Os asistentes recibiron tamén información sobre as ferramentas que se utilizan nas traducións asistidas por computador (TAC, ou CAT polas súas siglas en inglés), os recursos lingüísticos xerados porque como dixo un dos relatores «creamos recursos, creamos idioma, creamos futuro».

Finalmente déronse a coñecer os medios cos que conta a comunidade galega de tradutores de software libre para organizarse e colaborar, sobre todo a través na nosa lista de correo á que calquera se pode subscribir en http://trasno.net/lista-de-correo-2/ e fíxose o correspondente chamamento á participación na comunidade máis aberta e inclusiva que van coñecer, a do software libre ofrecéndolles ser parte dos que usan, galeguizan, difunden, proban ou desenvolven recursos, programas ou servizos con software libre..

Esta actividade forma parte das actividades que Proxecto Trasno realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.

1 2 3