Categoría: escritorio
Owncloud, a nube autónoma en galego
Da man de Miguel Bouzada, tradutor e co líder do equipo de tradución damos a coñecer que o software Owncloud está xa adaptado ao galego ao 100% na súa nova versión 0.6 en desenvolvemento e que resulta un complemento que recomendamos como alternativo a solucións de código privativo tipo Dropbox.
O sistema Owncloud é unha solución autónoma e de software libre para a «nube» persoal ou para un grupo de persoas que necesitan compartir ficheiros de calquera tipo, especialmente os habituais na ofimática: documentos, gráficos, música, etc. e xa coñecemos varios casos de utilización intensiva entorno colaborativo no noso país, como por exemplo a Oficina de Software Libre das universidades galegas integrada no CIXUG.
Estamos a falar da edición colaborativa! E en galego! Esta función integrase nunha aplicación chamada «Documentos ownCloud» e será parte do ownCloud 6. A xente pode ver e editar os seus documentos de texto ODF directamente no navegador, dentro do seu ownCloud. Outra cousa interesante é que pode convidar aos usuarios da mesma ownCloud para traballar conxuntamente no mesmo documento con vostede. Ou pode enviar ligazóns de convite por correo-e ás persoas fóra do seu servidor para colaborar con vostede no documento.
O equipo de tradución integrado por varios membros de Trasno así como outros tradutores voluntarios atraídos pola utilidade deste software leva traballando silandeiramente desde hai varios meses e coordínase a través do sistema de tradución en liña Transifex: https://www.transifex.com/projects/p/owncloud/language/gl/
A nova versión do sistema Owncloud trae importantes novidades, en palabras do responsable do seu desenvolvemento Frank Karlitschek :
Benvidos a «Documentos ownCloud»
Nos últimos meses traballouse nunha función que será moi útil e popular. Todo o desenvolvemento ocorreu nun repositorio público en GitHub, pero non falamos diso en público e talvez non era obvio para a xente que o atopaba por casualidade.
Varias persoas poden navegar ao mesmo tempo no mesmo documento con diferentes cursores, e vostede pode ver os cambios que se realizan polos diferentes usuarios en diferentes cores. Cada usuario é identificado polo nome e pola imaxe avatar que introducimos en ownCloud 6.
Integramos esta característica coa colaboración dos nosos amigos de KO GmbH . A parte navegador baséase en WebODF cunha nova infraestrutura ownCloud para cargar, gardar, compartir documentos e un sistema para distribuír os cambios do documento.
Esta característica é especial en varios aspectos:
- Funciona unicamente no seu servidor. Non hai comunicación con servizos centralizados como Google; polo que os seus datos sempre están protexidos contra calquera vixilancia externa.
- Non se introducen novos requisitos no servidor. Abonda con botar andar o ownCloud e poñer un documento na raíz de documentos do servidor web e xa temos o noso propio servidor de edición colaborativa. Isto é moito máis doado de instalar e executar que, por exemplo Etherpad.
- Todos os documentos baséanse en ficheiros ODT aloxados no seu ownCloud. Isto significa que vostede pode sincronizar os seus documentos no escritorio e abrilos co LibreOffice, Calligra, OpenOffice ou Microsoft Office 2013 en paralelo. Ou pode acceder a eles a través de WebDAV, se o prefire. Obtén tamén todas as outras características do ownCloud como o control de versións, o cifrado, recuperar e así sucesivamente. Isto é moi especial, penso.
- Todo o código é software completamente libre. O PHP e os compoñentes de JS publícanse baixo a licenza AGPL. Isto é diferente á maioría das outras solucións. Algúns deles afirman ser de código aberto, mais co uso de Creative Commons como unha licenza de código que non é software libre.
Teña en conta que isto é só a primeira versión desta gran función. Non todos os elementos ODT son compatíbeis, mais estamos traballando en mellórala considerabelmente no futuro. Imos investir dun xeito moi especial nisto porque creemos que esta é unha característica moi importante, e que é moi útil para a xente.
Pode atopar máis información sobre esta función, incluíndo un vídeo de demostración e todas as outras novas características do ownCloud 6 aquí:
Documentos ownCloud é parte da Beta 1 do ownCloud 6 que pode descargar aquí:
Grazas á gran comunidade ownCloud que integrou esta anovadora característica. Un agradecemento especial aos nosos amigos de KO GmbH. É un pracer traballar con vostedes. E grazas a ownCloud Inc., que patrocina o desenvolvemento de software libre.
ownCloud é construído por unha gran comunidade cun proceso de desenvolvemento completamente aberto. Todos son benvidos a unirse a nós e axudar a construír software que pode protexer a todos nós da vixilancia externa. Se quere que o mundo sexa un pouco mellor, únase a nós en https://owncloud.org.