AbiWord, o pequeno e eficiente procesador de textos libre, popular especialmente entre as distribucións e entornos de escritorio lixeiros, chega cunha nova versión (a última estábel foi no 2010), que incorpora a tan agardada compatibilidade con GTK +3.X, algo que permitirá aproveitar todas as vantaxes destas bibliotecas multiplataforma.
Ademais podemos salientar outras melloras como:
- Traducido a máis idiomas (o galego, unha vez máis abrangue a totalidade do aplicativo, así como o instalador en Windows)
- Introduce unha nova ferramenta chamada «Bordos e sombreado», moi útil á hora de delimitar unha selección ou engadir unha cor de fondo a un parágrafo
- Edición de libros en formato EPUB
- Compatibilidade con RDF
- Compatibilidade con protocolos como Jabber/XMPP/Google Talk/Conversas do Facebook, SIP, MSN, Yahoo/AIM e IRC. Isto permite acceder facilmente aos documentos doutros usuarios, o que é moi útil para os traballos colaborativos.
- Un feixe de pequenas melloras (double-buffering , compatibilidade mellorada con DOCX e ODT, etc )
O código fonte e os binarios para Windows, están dispoñíbeis para a súa descarga. En días vindeiros teremos dispoñíbeis os binarios nos repositorios da maioría de distribucións GNU/Linux.