Dispoñíbel AbiWord 3.0 con moitas melloras

AbiWord, o pequeno e eficiente procesador de textos libre, popular especialmente entre as distribucións e entornos de escritorio lixeiros, chega cunha nova versión (a última estábel foi no 2010), que incorpora a tan agardada compatibilidade con GTK +3.X, algo que permitirá aproveitar todas as vantaxes destas bibliotecas multiplataforma.

Ademais podemos salientar outras melloras como:

  • Traducido a máis idiomas (o galego, unha vez máis abrangue a totalidade do aplicativo, así como o instalador en Windows)
  • Introduce unha nova ferramenta chamada «Bordos e sombreado», moi útil á hora de delimitar unha selección ou engadir unha cor de fondo a un parágrafo
  • Edición de libros en formato EPUB
  • Compatibilidade con RDF
  • Compatibilidade con protocolos como Jabber/XMPP/Google Talk/Conversas do Facebook, SIP, MSN, Yahoo/AIM e IRC. Isto permite acceder facilmente aos documentos doutros usuarios, o que é moi útil para os traballos colaborativos.
  • Un feixe de pequenas melloras (double-buffering , compatibilidade mellorada con DOCX e ODT, etc )

O código fonte e os binarios para Windows, están dispoñíbeis para a súa descarga. En días vindeiros teremos dispoñíbeis os binarios nos repositorios da maioría de distribucións GNU/Linux.

Nova actualización da lista de memorias de tradución en formato TMX

O Proxecto Trasno acaba de rematar unha gran actualización da lista de memorias de tradución en formato estándar TMX (Translation Memory eXchange) e que se poñen a libre disposición de todas aquelas persoas interesadas.

Nesta actualización incluíronse memorias de novos proxectos así como actualizacións das memorias de algúns proxectos xa estaban anteriormente na lista. Estas memorias de tradución inclúen traducións de software libre realizadas directamente polo Proxecto Trasno ou por outros colectivos ou persoas alleas ao Proxecto Trasno. No momento de publicar esta nova o número de palabras totais supera ás 8.500.000 palabras cun aumento superior ao millón de palabras, e o número de cadeas aproxímase as 1.500.000 cadeas cun aumento de máis de 150.000 cadeas. A compilación abrangue xa máis de 250 ficheiros TMX o que supón un incremento de máis de 100 ficheiros, o que moi probabelmente converte a esta compilación de traducións de software libre ao galego na máis extensa que existe a día de hoxe.

Esta lista de memorias de tradución continuarase ampliando no futuro, incorporando traducións de outros proxectos de software libre, así como versións máis actualizadas das memorias xa existentes.

Todas estas memorias de tradución están dispoñíbeis para a súa libre utilización, o que permitirá que as traducións nos diversos proxectos de localización de software libre realizados ao abeiro do Proxecto Trasno sexan máis homoxéneas e se realicen de forma máis rápida.

Ademais ao dispoñer dunha base de traducións tan ampla a creación e asentamento de terminoloxía será máis fácil e rápida o que permitirá obter terminoloxía de maior calidade. Dita terminoloxía publícase na páxina de recursos terminolóxicos do Proxecto Trasno en formato TBX (TermBase eXchange) de forma libre para que a empreguen todas aquelas persoas interesadas.