Nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego

Dende o Proxecto Trasno informámosvos do lanzamento dunha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego e o seu engadido para o navegador Mozilla Firefox.

Hunspell para o galego: versión 13.10 «Padre Sobreira»

A nova versión do corrector ortográfico Hunspell é a 13.10 «Padre Sobreira». Estivo baixo a coordinación de Antón Méixome e con importantes contribucións de Adrián Chaves. Con iso, temos unha moi relevante actualización do corrector e que podemos empregar xa con LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird e Google Chrome. Funciona ademais noutros aplicativos privativos, como é o caso de Mac OSX, InDesign, memoQ, Opera e SDL Trados (mais que non aconsellamos por motivos filosóficos e de bloqueo que lle fan á nosa lingua).

O corrector Hunspell é a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego. As novidades que trae consigo esta versión son:

  • A refabricación do código de xeración do dicionario
  • Terse engadido novas fontes, especialmente derivadas da Galipedia; (toponimia e onomástica), unidades, * marcas e terminoloxía informática
  • A incorporación de suxestións da comunidade
  • Terse engadido ducias de regras de suxestións para erros frecuentes
  • A corrección de erros de morfoloxía e afinación de determinadas conxugacións verbais
  • Unha completa recollida de datos históricos sobre o desenvolvemento

Como se instala?

En LibreOffice ou OpenOffice engádese o corrector como unha extensión máis. En LibreOffice Word teríamos que facer clic en “Ferramentas” -> “Xestión de extensións” e seleccionar o ficheiro descargado antes (hunspell-gl-13-10.oxt.zip). Nese momento realízase a instalación. Comprobade que no Xestor de extensións o corrector estea activado e que cando se queira usar o corrector que a lingua do documento sexa o galego (na barra inferior da xanela de LibreOffice e OpenOffice indícase a lingua do documento).

Engadido para Mozilla Firefox

Grazas ao traballo de damufo podemos instalar o engadido para Mozilla Firefox e termos a esta nova versión do corrector traballando no noso navegador web.

Achéganos as dúas versións deste lanzamento: a “comunidade” que inclúe achegas da comunidade e outra que só contén os termos recollidos polo VOLGa (Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega). Están dispoñibles para descargar aquí:

Pode ser de utilidade para os ususarios que queiran ter as dúas versións do corrector instaladas, facerse co Dictionary Switcher para poder intercambiar o modelo de corrección que necesitamos.

Paquete .deb para instalación automática en sistemas operativos da familia Debian

En preparación da man de Fran Diéguez e que estarán dispoñíbeis no repositorio de código libre SourceForge:

Como nos podes axudar?

O Proxecto Trasno é unha comunidade aberta, nada no ano 1999, que nos adicamos a traducir o software libre á lingua galega. Ademais disto, realizamos algúns proxectos de desenvolvemento, como xestores de memorias de tradución ou a mellora do corrector ortográfico. Quéreste unir a nós?

En canto ao corrector ortográfico, as vosas achegas son moi importantes: podédesnos axudar a melloralo. Para iso,

  • Asegurádevos de instalar correctamente a última versión do corrector
  • Se atopades un erro, comprobádeo dúas veces. Acudide ao dicionario e a outras fontes bibliográficas e asegurádevos de que si que é un erro. É un termo que aparece marcado como un erro pero non o é?. Ou o contrario, é un termo que o corrector non o subliña pero que si que o é?.
  • Se hai ese erro informádenos del escribindo ao correo “proxecto (at) trasno.gal” ou directamente dende as nosas redes socias. Dádenos a información completa: dicídemos a frase na que descubristes ese erro ou definide o termo que vexades que falta.

Con iso, nas seguintes versións do corrector mellorarémolo grazas ás vosas achegas.

Ligazóns

Proxecto en Gitlab