GALPon, o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra celebra hoxe o seu décimo aniversario. Para conmemorar o día liberan a nova versión da súa distribución GALPon MiniNo v_2.0 aka Ártabros e estréanlle unha nova web, construída sobre Drupal. E como non, téñenchenola ao cento por cento na nosa lingua galega!.

Un pouco da historia de GALPon Minino
O proxecto da distribución GALPon Minino nace en abril de 2008 da confluencia de dous proxectos coincidentes no seu propósito: Galpon Mini + Minino. Iníciase coa idea de construír unha distribución actualizada, en galego e castelán, para ordenadores reciclados provintes da Universidade de Vigo (Grupo de Reciclaxe informático da Universidade de Vigo GRUVI). Con iso, nace o Minino: unha distro co o obxectivo de executar GNU/Linux coa máxima ergonomía e os mínimos recursos hardware.
Novidades de GALPon MiniNo v2 Ártabros
A primeira e máis notábel é o emprego de Debian Wheezy como base e a adopción do escritorio de LXDE. A pesar de que o anterior escritorio IceWM era máis lixeiro, quedábase atrás para algunhas necesidades actuais, polo que o equipo de desenvolvemento optou por «optimizar» LXDE no canto de seguir engadindo módulos a IceWM. Está dispoñíbel con 2 núcleos: linux-image-3.2.0-3-686-pae para ordenadores máis modernos e linux-image-3.2.0-3-486 para ordenadores antigos.
Conta con dous instaladores: un instalador sinxelo para novatos, aos que só se lles pregunta pola linguaxe predeterminada, e un avanzado, coas ferramentas necesarias para os que precisen dun control total da instalación.
Ademais do galego, castelá e inglés, neste lanzamento incluese o catalán como idioma no instalador.
Cabe destacar:
- que se incorpora xestión de Bluetooth e compatibilidade con modems 3G
- a configuración de «Tor» para usala co navegador Midori (navegación anónima)
- a opción para «restaurar» toda a configuración inicial do escritorio
- a opción de escritorio «Estilo Gnome»
- a configuración automática de impresoras segundo sexan conectadas, sempre que o controlador (driver) estea instalado
- a opción de «restaurar» toda a configuración inicial do escritorio
- que se incorpora un «Pseudo Exposé» e sombras nas xanelas
- a integración de «cronopete»
- e que inclúe pcmanfm, o administrador de ficheiros, que ten capacidades para navegar por redes samba, ftp e sftp.
Requisitos mínimos
Requisitos mínimos para uso cotiá, incluída a navegación web:
- Procesador de 1.0 GHz
- 256 MB de RAM
- Disco ríxido de 3,6 GB
Requisitos mínimos para uso de escritorio, cunha mínima experiencia web:
- Procesador de 500Mhz
- 128Mb RAM
- Disco ríxido de 2,5 GB
Descarga
O GALPon Minino v2.0 podédelo descargar dende minino.galpon.org/gl/descargas.
Os nosos parabéns
Dende o Proxecto Trasno queremos felicitar a GALPon polos seus dez anos promovendo o software libre en Galicia e polo excelente traballo nesta nova versión de GALPon MiniNo. E en particular, darlle as grazas ao tamén trasnego Miguel Anxo Bouzada polo seu traballo en desenvolvemento e localización ao galego desta distribución.