Líberase GALPon MiniNo v2.0, unha distribución de GNU/Linux para equipos con poucos recursos hardware

GALPon, o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra celebra hoxe o seu décimo aniversario. Para conmemorar o día liberan a nova versión da súa distribución GALPon MiniNo v_2.0 aka Ártabros e estréanlle unha nova web, construída sobre Drupal. E como non, téñenchenola ao cento por cento na nosa lingua galega!.

Un pouco da historia de GALPon Minino

O proxecto da distribución GALPon Minino nace en abril de 2008 da confluencia de dous proxectos coincidentes no seu propósito: Galpon Mini + Minino. Iníciase coa idea de construír unha distribución actualizada, en galego e castelán, para ordenadores reciclados provintes da Universidade de Vigo (Grupo de Reciclaxe informático da Universidade de Vigo GRUVI). Con iso, nace o Minino: unha distro co o obxectivo de executar GNU/Linux coa máxima ergonomía e os mínimos recursos hardware.

Novidades de GALPon MiniNo v2 Ártabros

A primeira e máis notábel é o emprego de Debian Wheezy como base e a adopción do escritorio de LXDE. A pesar de que o anterior escritorio IceWM era máis lixeiro, quedábase atrás para algunhas necesidades actuais, polo que o equipo de desenvolvemento optou por «optimizar» LXDE no canto de seguir engadindo módulos a IceWM. Está dispoñíbel con 2 núcleos: linux-image-3.2.0-3-686-pae para ordenadores máis modernos e linux-image-3.2.0-3-486 para ordenadores antigos.

Conta con dous instaladores: un instalador sinxelo para novatos, aos que só se lles pregunta pola linguaxe predeterminada, e un avanzado, coas ferramentas necesarias para os que precisen dun control total da instalación.

Ademais do galego, castelá e inglés, neste lanzamento incluese o catalán como idioma no instalador.

Cabe destacar:

  • que se incorpora xestión de Bluetooth e compatibilidade con modems 3G
  • a configuración de «Tor» para usala co navegador Midori (navegación anónima)
  • a opción para «restaurar» toda a configuración inicial do escritorio
  • a opción de escritorio «Estilo Gnome»
  • a configuración automática de impresoras segundo sexan conectadas, sempre que o controlador (driver) estea instalado
  • a opción de «restaurar» toda a configuración inicial do escritorio
  • que se incorpora un «Pseudo Exposé» e sombras nas xanelas
  • a integración de «cronopete»
  • e que inclúe pcmanfm, o administrador de ficheiros, que ten capacidades para navegar por redes samba, ftp e sftp.

Requisitos mínimos

Requisitos mínimos para uso cotiá, incluída a navegación web:

  • Procesador de 1.0 GHz
  • 256 MB de RAM
  • Disco ríxido de 3,6 GB

Requisitos mínimos para uso de escritorio, cunha mínima experiencia web:

  • Procesador de 500Mhz
  • 128Mb RAM
  • Disco ríxido de 2,5 GB

Descarga

O GALPon Minino v2.0 podédelo descargar dende minino.galpon.org/gl/descargas.

Os nosos parabéns

Dende o Proxecto Trasno queremos felicitar a GALPon polos seus dez anos promovendo o software libre en Galicia e polo excelente traballo nesta nova versión de GALPon MiniNo. E en particular, darlle as grazas ao tamén trasnego Miguel Anxo Bouzada polo seu traballo en desenvolvemento e localización ao galego desta distribución.