O pasado 14 de decembro, reuníronse no Salón de Actos da Casa de Cultura os promotores da primeira edición do manual de Ubuntu en lingua galega. Tanto don José Andrés Freire en representación da área TIC da USC como dona Vitoria Rei Mariño, tenenta de alcalde de Dodro e anfitrioa, salientaron a satisfacción por ver o produto xa publicado e dispoñíbel para a súa distribución e uso por todo tipo de público, así como agradeceron o financiamento que se obtivo da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Interveu tamén don Miguel Branco Vázquez como presidente da AC Proxecto Trasno que fixo fincapé no interese de dar continuidade a este tipo de iniciativas en que, polo interese xeral colaboran tanto a Administración como entes cívicos. Remataron a quenda de intervencións os responsables dos servizos técnicos do Concello e da USC implicados así como don Miguel Bouzada como representante dos tradutores voluntarios.
A obra «Comezar con Ubuntu 10.04», que agora sae editado en papel, é unha guía para principiantes do sistema operativo Ubuntu. O manual, que tamén se pode obter de balde pola Internet axudaralle aos usuarios noveis a familiarizarse coas tarefas diarias deste potente sistema: navegar polo web, escoitar música ou escanear documentos. Poñendo énfase na sinxeleza ao seguir as instrucións, e é axeitado para todos os niveis de experiencia. Escrito cunha licenza de código aberto, o manual conta coa correspondente versión electrónica, accesible dende a web propia desta, que é de balde para descargar, ler, modificar e compartir.
Comezar con Ubuntu 10.04 é un proxecto de colaboración entre a Concellaría de Dodro, a Oficina de Software Libre da Universidade de Santiago de Compostela e a AC Proxecto Trasno, que forneceron o persoal técnico tanto lingüístico como informático e que chega ao soporte en papel financiado pola Deputación da Coruña, a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e a Xunta de Galicia, e que xa ten asegurado unha nova reimpresión ao abeiro do convenio cos grupos de usuarios de software libre coa SX de Modernización e Innovación Tecnolóxica da cal AC Trasno é asinante.
Constitúe esta obra unha boa mostra de colaboración entre as distintas institucións, que facilitan a asesoría técnica e lingüística e medios para a impresión, e a sociedade civil, que sacou este proxecto de tradución tecnicamente complexo. As arredor de 5000 liñas do manual (resultado dun corpo de tradución de 9000 liñas) a penas foi traducido a un par de linguas máis. Con este acto formal as tres entidades implicadas na edición comezarán agora a distribución das súas propias reimpresións do Manual en función das necesidades que ten cada unha e do diverso público para o que se fixo.
Considérase que tanto a implantación na rede de locais socioculturais do Concello de Dodro, as aulas libres da USC así como os cursos de formación da Asociación Trasno serán os primeiros en recibir este material. Sen dúbida a implantación do programa Abalar (baseado no mesmo sistema operativo) será unha fonte de demanda importante para este tipo de materiais e así se espera que se poida seguir mantendo actualizado de cara ao futuro.