Trasnada 16.0 en Pontevedra

No Proxecto Trasno continuamos coas xuntanzas que chamamos as «Trasnadas». Nestas xuntas dedicámonos a pechar debates sobre terminoloxía en tradución de software libre, debater novos eidos de traballo, pero especialmente, recibir a os que queirades comezar a traducir software libre ao galego.

En que consiste a trasnada?

A trasnada sérvenos como unha sesión de traballo para lograr acordos e planificar o futuro dos proxectos de localización nos que traballamos (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice). Como noutras ocasións, e buscando producir traducións de calidade, o tema de debate fundamental será a actualización das normas de estilo e a terminoloxía neste ámbito da tradución.

Cando e onde

A xente de Trasno reunirémonos en breve en Pontevedra o vindeiro día 18 de xuño, a partir das 10.30 h. na Sede da FANPA, onde temos un lugar cedido onde poder traballar.

Tema: Creación do Manual de estilo para a tradución de software libre

En virtude do convenio de colaboración que asinamos coa AMTEGA, Proxecto Trasno ten prevista a elaboración dun pequeno manual de arredor de 30 páxinas para cubrir a carencia de materiais de referencia dos voluntarios e profesionais co fin de lograr un “xeito” de tradución homologable e homoxéneo.

O manual visa ofrecer unha fixación para os problemas máis correntes que permita aos novos tradutores incorporarse con garantías de calidade nos grandes proxectos de tradución.

Estades todos convidados.

Actividade en convenio con

logo_amtega