Ubuntu 16.04 está na rúa

Acaba de publicarse a nova versión de Ubuntu 16,04 (LTS) con asistencia durante 5 anos e tradución completa ao galego. Ubuntu 16.04 que aparece co nome Xenial Xerus e unha especie de esquío como icona, xa non será compatíbel co controlador de gráficos propietario AMD Catalyst coñecido como fglrx. No seu canto, Canonical recomenda o uso de alternativas libres de Radeon e AMDGPU. Os que teñades unha tarxeta gráfica de AMD/ATI Raedon deberiades ter isto en conta antes de anovar xa que non haberá controladores gráficos propietarios AMD/ATI até presumibelmente finais de ano. Os controladores libres teñen funcionalidades limitadas que deberiades probar desde un Ubuntu CDLive ou USBLive antes de instalar o sistema no disco. Se non vos satisfai o seu rendemento quizais debades agardar polos novos controladores propietarios que se liberarán posteriormente, especialmente se es un «gamer».

Unha das principais melloras de Ubuntu 16.04 é a compatibilidade para paquetes Snappy (paquetes que incorporan as dependencias) coa idea de preparar o sistema operativo para Unity 8 e para unha futura integración cos aplicativos dos dispositivos móbiles, apuntando á converxencia de sistemas. Con isto Ubuntu ofrecerá un novo sistema de paquetería para mellorar a seguranza e a fiabilidade dos aplicativos e facilitar que os desenvolvedores poidan ofrecernos sempre as últimas versións dos programas válidas para todas as versións de Ubuntu. Non substituirán os paquetes .deb, pero ofrecen unha alternativa na que os aplicativos non estará subordinados ás dependencias para actualizarse.

O aplicativos empaquetados en Snaps estarán illados do resto do sistema, de xeito que poderemos instalos sen preocuparnos de que o proceso afecte ao funcionamento doutros aplicativos.

Novas funcionalidade do Ubuntu 16.04 LTS

  • Linux kernel 4.4: Ubuntu 16.04 LTS baséase nunha publicación de Linux da serie 4.4 con asistencia de longa duración.
  • Python anovouse á versión 3.5 aínda que Python 2 seguirá dispoñíbel.
  • O Centro de Software de Ubuntu desaparece para dar paso a un máis eficaz GNOME Software para descarga de aplicativos. Deste xeito a experiencia na tenda de aplicativos será máis rápida.
  • GNOME Calendar vén incluído predeterminadamente.
  • Empathy e Brasero xa non virá instalados na versión estándar.
  • Chromium vén anovado á versión 48.
  • Firefox vén anovado á versión 45.
  • Mellor integración do Iniciador co Nautilus.
  • Posibilidade de ter os menús sempre visíbeis.
  • As buscas en liña do Panel veñen desactivadas predeterminadamente como demandaban moitos usuarios desde hai tempo.
  • As teclas rápidas do HUD cambian de Alt a Alt+espazo. Os controis predeterminados das xanelas cambian a Alt+Súper para evitar incompatibilidades detectadas no funcionamento con xogos e escritorios virtuais.

ubuntu_16.04_launcher

Unity e Compiz

  • O 16,04 trae un Iniciador mellorado que se integra co xestor de ficheiros e os dispositivos.
  • Disporá dunha opción no centro de control de Unity para mostrar sempre os menús.
  • Novas barras de desprazamento superpostas no Panel
  • Posibilidade de mover o Iniciador á banda inferior da pantalla. Ubuntu 16.04 Desktop virá con Unity 7 pero co Unity 8 como opcional. Un dos grandes cambios visuais para esta versión é a capacidade de mover a posición do Iniciador ao fondo da pantalla. Aínda que non se fará de xeito doado para os usuarios básicos xa que haberá que tocar o editor da configuración. Alternativamente podemos instalar programas como Unity Tweak Tool para facer este e outro axustes.

Libre Office

LibreOffice 5.1 vén cun feixe de melloras, entre outras:

  • LibreOffice trae como predeterminado o tema Breeze de Ubuntu.
  • Mellora no guionizado (scripting) de Python e nas interfaces de programación de aplicativos (bindings).
  • Compatibilidade para WebDAV vía HTTPS.

Writer word processor

Engadida a posibilidade solicitada por moito tempo de agochar os espazos baleiros entre páxinas de xeito que todos os bordos superiores e inferiores das páxinas, os números de páxina e a área en gris entre elas poida ocultarse.

A combinación de correspondencia (mailmerge) in Writer pode usar follas de cálculo como orixe de datos http://vmiklos.hu/blog/mail-merge-embedding.html

E se xa decidiches anovar ou instalar o Ubuntu 16,04:

  • Vai a Software e actualizacións nos axustes do sistema.

    ubuntu_16.04_gnome-software

  • Selecciona a terceira lapela chamada Actualizacións.
  • Activa a opción «Notificarme de novas versións de Ubuntu» no menú despregábel e selecciona «Para calquera versión».
  • Preme Alt+F2 e escribe «update-manager» (sen comiñas) na caixa de ordes.
  • O xestor de actualizacións debería abrir e informar de que está dispoñíbel a nova distribución 16.04 LTS.
  • Preme Anovar e sigue as instrucións da pantalla.

Se non aparece ese aviso podes tentar forzar a anovación desde a liña de ordes executando:

sudo do-release-upgrade

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*