Estivemos en Mugardos no Día do Software Libre

Este pasado Sábado tivemos a sorte de estar a canda a Comunidade de O Zulo no seu Kernel 2010 celebrando o Día do Software Libre. Alí puidemos desfrutar da compaña de representantes de case todas os grupos galegos da comunidade libre.

Pola mañá tivemos ocasión de estar na presentación da distro Linux GALPon MiniNo na súa versión Aldaguaira da man dun dos seus desenvolvedores, e a vez trasnego, Miguel Bouzada.

Igualmente, representantes dos LUGs tivemos a ocasión de participar nun foro de debate sobre do software libre. Debatemos sobre do estado da comunidade galega, da administración e a sociedade civil e do estado do software libre en xeral.

E amais de desfrutar do ambiente de do kernel 2010, fomos máis que ben acollidos polo Zulo e polo Concello de Mugardos. De feito, mirade os agasallos cos que viñemos!. Ademais da camisola de rigor deste tipo de eventos, levámonos un libro da «Historia de Mugardos» de JA. Carneiro Rey e MA. Rodríguez Vázquez.

Moitas grazas ao Concello de Mugardos e á Comunidade do Zulo por todo!

O Proxecto Abalar e o galego

Esta semana estivemos a recibir información de como se estaba executando o Proxecto Abalar que levará ás aulas este ano uns 15.000 netbooks. Nestes momentos sabemos que levarán un Ubuntu Netbook Edition e que contará con soporte lingüistico a varios idiomas. Educación, ante preguntas dalgúns docentes, confirmou que levarán preinstalado o galego e, a petición destes, outros idiomas que se imparten no noso sistema educativo. Porén descoñecemos se o galego será o idioma predefinido nos sistemas. Por este motivo decidimos poñernos en contacto directamente coa Dirección Xeral da que depende o proxecto e solicitar que o sexa.
Hoxe queremos facer pública a carta enviada para coñecemento de todos.
A José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa
Carta de requirimento do idioma Galego por omisión no Proxecto Abalar.
Estimado Sr. Mira,
Á asociación estanos a chegar información sobre dos detalles de implantación do proxecto Abalar procedementos de docentes e quixeramos expor algunhas dúbidas e solicitudes.
Encontramos moi positiva a inclusión de software libre nos ordenadores que os cativos empregarán, falamos da edición para netbooks do sistema operativo, Ubuntu (Linux). Coa mesma, e debido a elección deste sistema operativo ábrese de súpeto a posibilidade dun verdadeiro soporte multilingüístico con ferramentas de corrección ortográfica, thesaurus e interfaces traducidas a ducias de idiomas. Sabemos que teñen solicitudes para que inclúan por defecto varios dos idiomas que se imparten no sistema educativo ademais das linguas oficiais da comunidade autónoma. Isto sería realmente positivo en tanto permite aos docentes desas asignaturas diferentes enfoques ás súas materias.
Mais o tema que nos ocupa na nosa asociación e no grupo que representamos, o Proxecto Trasno, é o idioma galego. Para que teña unha referencia, o Proxecto Trasno nace no 1999 da man de universitarios da FIC da Universidade da Coruña e outros voluntarios que tiñan formados grupos na rede daquela, para adicarse a localizar (isto é traducir e dar soporte lingüístico) software libre ao galego. Nestes dez anos o traballo realizado polos voluntarios do proxecto é inmenso, tanto que hoxe por hoxe temos sistemas operativos totalmente galeguizados. Este é o caso do sistema operativo que se implantará dentro do proxecto Abalar. A Ubuntu Netbook Edition está totalmente traducida ao galego, conta con correctores ortográficos na nosa lingua e outro tipo de soporte lingüístico. E é máis, o esforzo da nosa comunidade na súa tradución e interese polo seu mantemento asegura que a tradución se manterá ao longo do tempo.
A información que nos chega é que o idioma por defecto, malia estar instalado o galego, será o castelán. Inda que sabemos que para calquera usuario é moi sinxelo cambiar o idioma do seu equipo, consideramos que sería positivo para a normalización do idioma galego que fora este a lingua por defecto. Isto ademais brindaría a oportunidade á comunidade educativa, e á sociedade en xeral, de descubrir que existe software en galego e que teñen a posibilidade de empregalo se o desexar. Sería ademais un voto de confianza no voluntariado do noso proxecto, que tanto esforzo poñemos en que exista tecnoloxía na nosa lingua. 
Saiban, que para calquera dúbida sobre do soporte lingüístico do software libre ao galego, de como se pode implementar correctamente ou calquera dúbida ou axuda que precisen relacionada coa localización, pódennos contactar e poñerémonos á súa disposición. Saiban ademais, que neste proceso de implantación poden contar coa experiencia na materia dos grupos de software libre da nosa comunidade.
Saúdos cordiais, 
Abegondo, 17 de Setembro do 2010
Miguel Branco
Presidente da AC Proxecto Trasno

Celebramos o Día do Software Libre en Mugardos

Os trasnegos sumarémonos á comunidade de O Zulo de Mugardos para celebrar o «Software Freedom Day 2010», o día do Software libre que se celebra este 18 de setembro.

A AC O Zulo de Mugardos, dentro do «Ciberencontro Kernel 2010», quixeron convocar a todas as comunidade do software libre galegas para celebrar con eles este evento, dentro do marco do Kernel 2010. O SFD é unha festividade pensada para:

  • “divulgar os beneficios que supón (tanto técnica, social e economicamente) o emprego de “FOSS” – aplicacións informáticas de código aberto e libres,nos eidos da educación, administración, ámbito doméstico, empresarial, técnico, …”
  • o fomento da igualdade de oportunidades mediante a tecnoloxía e o seu uso libre
  • promover o diálogo construtivo sobre o dereito e responsabilidade da sociedade á liberdade da cultura e da información

O Proxecto Trasno, coma o resto de comunidades do software libre galega, estaremos alí para unirnos á celebración.

As actividades previstas para ese día, que comezará ás 11:00 horas, son:

  • Presentación oficial distribución do sistema operativo para computadores con poucos recursos, GALPon MiniNo 1.2. Desenvolvida polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon). A súa potencialidade e prestacións.
  • Obradoiro de instalación de GALPon MiniNo en computadores antigos,procedentes da renovación de equipos do Concello de Mugardos e que finalmente doará o Concello a asociacións e entidades sen afán de lucro.
  • Foro – debate «O FOSS, “software e cultura libre” na sociedade do século XXI» , coa participación de representantes dos GULs (Grupo de usuarios de Linux e software libre) de Galicia.

Premio Trasno á mellor curta en galego do I Festival de curtametraxes Cinestable

O 5 de agosto tivo lugar en Ordes o I Festival de curtametraxes Creative Commons Cinestable, organizado pola asociación Inestable e que pretende promover a creación de obras libres ou creative commons. Entraron a concurso 11 curtametraxes e Trasno participou aportando un premio de 200 € á mellor curtametraxe en galego. Os outros premios eran o do xurado (600 €) e o do público (100 €).

O xurado trasnego con Dolores Iglesias, directora da curta pemiada como mellor en galego, RC14

O xurado de Trasno estivo formado por Miguel Branco, Xosé Calvo e Xabier Villar. O obxecto deste premio era promover a creación artística con licenzas libres en lingua galega e para isto tivéronse en conta o uso que se facía do idioma e a atención á corrección lingüística, sen valorar outros elementos, para os que estaban pensados os outros premios. Realmente, das 11 curtas, 10 estaban en galego. O xurado decidiu concederlle o premio a RC14, de Dolores Iglesias, unha historia centrada arredor dun reloxeiro que sospeita da súa muller e para a que prepara unha vinganza.

RC14, o noso favorito

 

1 35 36 37 38 39 41