Traducir é entender o que expresa un texto nun idioma, e expresar o mesmo noutro idioma. As traducións deben ser naturais, indiferenciábeis de textos escritos directamente no idioma final. As seguintes técnicas poden axudar.
Evita as pasivas directas
Coidado co abuso de pasivas directas:
- File couldn’t be opened
- Non se puido abrir o ficheiro
- [Cfr. *O ficheiro non puido ser aberto]
Evita os posesivos redundantes
Moitos dos determinantes posesivos utilizados en inglés son redundantes en galego:
- Click to apply your changes.
- Prema para aplicar os cambios.
- Repeat the last two steps for each frame in your animation.
- Repita os últimos dous pasos de cada un dos marcos da animación.
Evita a formalidade excesiva
En inglés adóitase empregar unha formalidade excesiva nas peticións á persoa usuaria, que cómpre evitar ao traducir:
- You may want to check your password.
- Verifique o contrasinal.
- [Cfr. *É posíbel que desexe verificar o seu contrasinal.]
- You must enter an e-mail address.
- Escriba un enderezo de correo electrónico.
- [Cfr. *Debe escribir un enderezo de correo electrónico.]
- Please, select a folder.
- Seleccione un cartafol.
- Incluír «por favor» nunha tradución só acae cando se está pedindo un favor, como pedirlle á persoa usuaria que envíe un informe aos desenvolvedores cando atopa un erro nun programa.
Cando é preciso reestruturar un enunciado
En xeral o galego utiliza enunciados máis longos que o inglés. Moitas veces dúas frases do inglés equivalen a unha única frase en galego e o tradutor pode xulgar adecuado unilas para conseguir unha redacción máis espontánea. Isto pode ser realizado a través da coordinación das dúas frases, a través da utilización de pronomes relativos, ou por medio doutros métodos.
- The menus are context sensitive. This means that those menu items are available that are relevant to the work currently being carried out.
- Os menús son sensíbeis ao contexto, o que significa que as opcións dos menús que están dispoñíbeis son aquelas relevantes para o traballo en execución nese momento.
Tamén pode ser necesario o proceso inverso, isto é, converter un enunciado da versión orixinal en dous na versión traducida.
- Remember to create one separate print job for each fax, otherwise, the first recipient will receive all the faxes.
- Lembre crear unha tarefa de impresión para cada fax. Evitará así que sexa o primeiro destinatario quen reciba todas as mensaxes de fax.
En calquera caso, sempre se debe ter claro que o inglés e o galego posúen regras de puntuación propias e non sempre equivalentes. Cando é preciso reconstruír un enunciado débense respectar as regras de puntuación correspondentes ao idioma «meta».
- Your signature file is too large. It has been truncated, please make the file smaller.
- Truncouse o ficheiro de sinatura porque é demasiado grande. Reduza o seu tamaño.
Cando non se pode manter a mesma orde dos elementos dunha frase
As regras que marcan a orde secuencial dos constituíntes das frases son diferentes en inglés e en galego. Aínda que se trate de regras de moi difícil sistematización, calquera falante nativo é quen de identificar unha secuencia mal ordenada. Para evitar traducións literais estrañas á lingua destino, é preciso ter presente que a orde dos elementos é un factor importante.
- An iterative method is used to calculate the internal rate of return.
- Para calcular a taxa interna de devolución utilízase un método iterativo.
- [Cfr. *Un método iterativo é usado para calcular a taxa interna de devolución.]
- This link needs to be opened with an application.
- Para abrir esta ligazón precísase dunha aplicación.
- [Cfr. *É necesario abrir esta ligazón cunha aplicación.]
- A line corresponding to the circle radius appears in the circle.
- Aparece no círculo unha liña correspondente ao seu raio.
- [Cfr. *Unha liña correspondente ao raio do círculo aparece neste.]
- You must place the variable between brackets to create a query.
- Para crear consultas coloque a variábel entre corchetes.
- [Cfr. *Debe colocar a variábel entre corchetes para crear unha consulta.]
Cando hai elementos lingüisticamente superfluos
A omisión é unha técnica moi utilizada na tradución. Hai elementos que, cando trasladados ao idioma meta, se tornan tremendamente redundantes e complican a interpretación do texto. Entre eses elementos podemos destacar os pronomes persoais suxeito, os posesivos e algúns adxectivos e adverbios.
A gramática do inglés esixe a explicitación dos pronomes suxeito e, por tanto, non é redundante a súa repetición. En galego, contrariamente, pódese prescindir deles.
- Forms are created based on a database table or database query. They display the data in a visually pleasant fashion and can be used to enter data or edit data.
- Os formularios créanse con base nunha táboa ou consulta de base de datos. Presentan os datos dunha forma visualmente atractiva e poden ser utilizados para introducir ou editar datos.
Así tamén, o contexto pode permitir omitir na tradución moitos adxectivos do inglés que, cando se traducen, fan o texto caótico e denso. En inglés é posíbel utilizar como adxectivo case calquera substantivo. Basta con situalo ao lado doutro substantivo para o cualificar. A estrutura literal en galego resultaría demasiado artificial mais na localización de software adoita ser preciso mantela para evitar situacións de ambigüidade. De aí que aparezan expresións como cabeceira de fila (row header) por oposición a cabeceira de columna (column header), aínda que a tradución máis axeitada sería simplemente cabeceira. Vexamos algún exemplo de omisión de adxectivos:
- If you are in a spreadsheet and the contents of the clipboard are spreadsheet cells, then a different Paste Special dialog appears.
- Se ten aberta unha folla de cálculo e o contido do portapapeis son celas, aparece unha caixa de diálogo de Pegado especial diferente.
- [Cfr. *Se ten aberta unha folla de cálculo e o contido do portapapeis son celas de folla de cálculo, aparece unha caixa de diálogo de Pegado especial diferente.]
- Set game scenario.
- Defina un escenario.
- [Cfr. *Defina un escenario de xogo.]
Entre os adverbios que se poden omitir destaca currently, sobre todo cando aparece nunha frase en que o tempo do verbo é o present continuous:
- Leave the game you’re currently playing.
- Deixar o xogo en que está a participar.
- [Cfr. *Deixar o xogo en que está a participar actualmente.]
Finalmente, é preciso ter en conta o feito de que en inglés a repetición en xeral é considerada elegante, ao contrario do galego, en que as regras estilísticas esixen a utilización de elementos de substitución, como os pronomes entre outros, para evitar a aparición reiterativa dos mesmos elementos. Para aumentar a cohesión dos textos galegos ás veces é preciso desfacer ese tipo de repeticións estilisticamente desaxeitadas.
- You can position an anchored item by dragging the item to another location.
- Para colocar un elemento ancorado arrástreo até outro lugar.
- You can now for example insert a footer for the Default Page Style only, or insert footers to both Page Styles, but with differently formatted page number fields.
- Agora pode, por exemplo, inserir un pé de páxina só no estilo de páxina predefinido ou en ambos os estilos, mais con campos numéricos formatados de xeito diferente.
Cando é preciso acrecentar algún elemento
Nas aplicacións informáticas é frecuente encontrar unha linguaxe simplificada en que se observa certa tendencia a resumir ao máximo os enunciado ás veces por motivos de espazo. En ocasións, o mantemento dese tipo de linguaxe simplificada produce frases inadecuadas ao contexto en galego.
Cando non existe o condicionamento do espazo é recomendábel reestruturar a secuencia introducindo os elementos necesarios. Isto é aplicábel, por exemplo, ás preguntas que constan unicamente dun infinitivo ou á omisión dos artigos.
- Copy?
- Desexa realizar unha copia?
- [Cfr. *Copiar?]
- Installing extensions…
- Instalando as extensións…
- [Cfr. *Instalando extensións…]
Cando non hai un equivalente cultural
Durante o proceso de localización é posíbel que xurda nalgún momento a necesidade de encontrar un equivalente para un elemento do texto orixinal que provocaría ruído no texto traducido por diferentes motivos. Pode tratarse de realidades alleas ao contexto cultural da comunidade de destino que teñen que ser reinterpretadas, ou pode tratarse simplemente de elementos para os cales é fácil encontrar unha analoxía máis harmónica, como acontece no caso dos nomes propios ou topónimos utilizados como exemplo (vid. sección correspondente).
- City / State / Country
- Cidade / Provincia / País
- James Stewart, Galway
- Xacobe Silva Caride, Bande
Cando hai erros no orixinal
O localizador debe aproveitar para realizar melloras na calidade lingüística do produto cando se presenta a oportunidade. Ás veces encóntranse erros de dixitación ou até de redacción na versión orixinal dalguns aplicativos, non só de código aberto. Nestes casos é perfectamente recomendábel reestruturar o texto de xeito que fique máis clara a mensaxe, e recoméndase que quen traduce se poña en contacto con quen desenvolve para suxerirlle unha mellora, unha contribución ao proxecto.