Aspectos técnicos da tradución

Este documento afonda nalgúns aspectos técnicos que cómpre ter en conta á hora de traducir.

Marcas de substitución

As marcas de substitución (placeholder) son cadeas de texto que o programa traducido substituirá por outro texto.

É importante saber identificar as marcas de substitución, porque deben copiarse na tradución, en xeral sen cambios.

O formato das marcas de substitución depende da tecnoloxía que se use no programa, e ás veces un mesmo programa pode usar distintos tipos de marca en distintas cadeas. Os seguintes son exemplos de formatos de marcas de substitución:

  • Printf: %d, %s…
  • %1, %2…
  • %(foo)d, %(bar)s…

Ao traducir unha mensaxe con marcas de substitución, cómpre entender o que representa cada marca, a información pola que se vai substituír, e así colocalas de maneira correcta na tradución.

A maioría dos formatos de marcas de substitución permiten cambiar a orde das marcas de substitución sen problemas. Porén, no caso de printf hai que engadir o campo de parámetro ás marcas de substitución para poder cambialas de orde. Por exemplo:

  • %s has been saved by %s
    • %2$s gardou %1$s

No mellor dos casos, omitir ou cambiar incorrectamente unha marca de substitución fará que a substitución non funcione, e que a persoa usuaria non vexa toda a información que o programa quere mostrar. No peor dos casos, o programa quebrará ao intentar usalo en galego.

Atallos de letra

Certos programas permiten navegar a súa interface con teclas de letras. Cada elemento da interface con texto que permite interacción (menús, botóns, caixas de verificación) ten asignada unha letra, que se mostra ao premer Alt, e premer Alt e a letra, ou simplemente a letra nalgúns contextos, selecciona o elemento.

Estes atallos de letra (mnemonics) adoitan definirse precedendo a letra correspondente no texto orixinal cun símbolo, normalmente &.

Ao traducir unha mensaxe cun símbolo de atallo de letra, deberás mantelo na tradución. Pero podes cambiar a letra que precede.

Porén, ao decidir que letra da tradución precedes co símbolo, ten en conta o resto de entradas que existen no mesmo contexto da interface tamén terán letras de seu, e se dous ou máis elementos teñen asignadas a mesma letra, os atallos de letra só permitirán acceder ao primeiro, polo que cómpre intentar que, nun mesmo contexto, cada elemento teña unha letra de seu.

Ten en conta tamén que marcar como atallos letras con tiles non funciona en todas as aplicacións.

Idealmente, deberías atopar cada contexto no programa que traduces, e decidir que letra asignar a cada elemento, favorecendo as letras máis relevantes nos elementos máis importantes. Por exemplo, F no menú de Ficheiro ou A nun botón de Abrir.

En caso de non poder determinar que outros elementos existen no mesmo contexto ao traducir un texto con atallo de letra, podes manter a letra orixinal se tamén existe na tradución. Se a letra orixinal non está na tradución, usar unha letra pouco frecuente que apareza na tradución, p. ex. «z» ou «h».