Publicado o novo Ubuntu Maverick co 100% da súa interface en galego

A Ubuntu 10.10, publicada onte 10-10-10 ás 10:10:10, anunciada como o «Perfect 10» acadou un fito ben importante para a comunidade de localización de software libre. Por primeira vez acadamos o nivel do 100% de tradución ao galego, superando así o 86% que xa acadaramos na pasada versión LTS.

Seguimos mellorando a calidade das traducións e aumentando a porcentaxe da mesma. Sen dúbida isto non sería posíbel sen a colaboración dos proxectos orixinais, dos que está formado Ubuntu, e do traballo alí feito. Proxectos como KDE, GNOME, XFCE, Debian, Translation Project e moitos máis.
Isto permítenos dicir que actualmente o Galego é unha das 6 únicas linguas coa porcentaxe de tradución ao 100%. Linguas tan importantes (en número de falantes) como o castelán, inglés da Gran Bretaña, Alemán ou Portugués do Brasil.
Se queres formar parte deste equipo tes unha boa oportunidade no 1º festival de tradución de software libre ao galego que se celebra este sábado na localidade de Ordes. No cal tentaremos entre todos os asistentes atopar e solucionar erros nas traducións e acadar consensos entre todos os proxectos de localización de software libre ao Galego. Porén, se nunca traduciches un aplicativo podes asistir ao festival xa que nel teremos sesións de introdución para que traducir os teus aplicativos favoritos sexa doado e divertido.

O equipo de tradución ao galego de Ubuntu sitúa o idioma galego nos postos máis altos

O equipo de localización ao galego de Ubuntu vén de informar que acadou os máximos niveis de tradución de toda a súa historia, colocándose no posto 17 na clasificación de idiomas en Ubuntu, por diante da comunidade catalá e tan só a 3 postos da comunidade portuguesa.

Isto supón que no último ano avanzáronse 3 postos nesta clasificación, xa que o galego ocupaba o posto número 20 cando se publicou a Ubuntu 9.04, e que, de seguir este excelente ritmo, dentro dun ano sería posible estar entre os 15 primeiros idiomas con maior nivel de tradución de Ubuntu.

Grazas ao seu excelente traballo a futura Ubuntu LTS 10.04 será a distribución de Ubuntu que máis traducida vai estar ao galego e, o máis importante, coa mellor calidade en toda a súa historia. Nos últimos tempos o equipo de localización está poñendo unha especial énfase na supervisión, corrección, control de coherencia terminolóxica e de estilo e coordinación cos equipos de traducións dos distintos proxectos, aplicativos ou escritorios, que conforman Ubuntu.

Este esforzo merece todo o noso eloxio e recoñecemento, e moito máis aínda se facemos unha comparativa entre o número de tradutores que conforman os distintos equipos de tradución de Ubuntu dos idiomas galego, portugués e catalán. O equipo galego conta con só o 37% dos tradutores ao idioma portugués e o 69% dos tradutores ao idioma catalán.

A pesar desta notable diferenza de forza efectiva de traballo, o noso equipo traduciu aproximadamente unhas 2000 cadeas máis que o equipo catalán, e unhas 7000 cadeas menos que o equipo portugués.

Grazas a este enorme esforzo, concentrado especialmente no último trimestre, a vindeira Ubuntu LTS 10.04 estará traducida ao galego en máis do 65%, tendo en conta que nesta cifra están incluídos tanto o escritorio Gnome, como KDE, así como moitos aplicativos dispoñibles para Ubuntu, non estando neste incluídos outros aplicativos, como por exemplo OpenOffice.org, Firefox, Thunderbird, … , xa que a súa tradución depende só de cada proxecto en particular, o que coñecemos como “upstream”.

Evidentemente, que unha comunidade tan pequena obteña tan bos resultados merece todos os nosos parabéns, pero non elimina a necesidade de facer un chamamento á colaboración e participación.

Se a comunidade de tradutores medra, os resultados poderán ser moito máis amplos e con menor esforzo.

Así que animámosvos a que vos unades á comunidade de tradución ao galego de Ubuntu.

1 2 3