Mandriva Linux, a distro de base francesa, acaba de liberar a versión 2010.1 “Spring”. Esta versión “máis rápida e máis sexy” da veterana distribución sae en tres versión diferentes (One Edition, Free Edition e Powerpack), para 32-bits e 64-bits e con GNOME e KDE Plasma SC. Para todos aqueles que queiran probar Linux por primeira vez, Mandriva é unha opción a considerar seriamente.
Os galegos podémola desfrutar na nosa lingua grazas ao traballo do trasnego Alejo Pacín, que continua a tradución noutrora realizada por Leandro Regueiro. Esta versión chega co 78% de interface traducida o que coloca o galego entre as 25 idiomas con bo soporte lingüístico para esta versión da distribución.
Mandriva Linux 2010.1 “Spring” ofrece novidades coma a conta de convidado, un novo método de instalación e un mellorado Mandriva Directory Server. Incorpora recentes versións de aplicativos ben coñecidos coma Mozilla Firefox 3.6.6, OpenOffice 3.2 ou os navegadores Chromium e Opera. Tamén Moovida, un centro multimedia.
A versión co contorno de escritorio GNOME 2.30.1, incorpora un anticipo do novo Gnome-Shell, a nova interface gráfica do contorno que revolucionará a interacción do usuario co escritorio e que veremos desenvolta ao completo na futura versión 3.0. Ao escritorio GNOME incorpóranse o editor de vídeo PiTiVi e o cliente de mensaxería Empathy, en substitución de Pidgin.
Os que elixan o contorno de escritorio KDE atoparanse coa versión KDE Plasma SC 4.4.3, unha versión moi sólida e estable da nova serie de KDE. Con este escritorio atoparémonos, entre outros, coa integración do escritorio con Nepomuk, a novidosa tecnoloxía do escritorio semántico, a navalla suíza da reprodución de son Amarok 2.3.1, o xestor de finanzas persoais Skrooge, Kopete e KMess como clientes de mesaxería, a suite ofimática KOffice 2.2.0 e o xestor de fotografías Digikam 1.3.0. Mandriva é unha das mellores distribucións integrando KDE SC.
Para aquelas máquinas con poucos recursos tamén hai dispoñible a versión da distribución con Xfce, un contorno de escritorio lixeiro.
Se es un devoto desta distribución e che interesa participar na súa tradución ao noso idioma, visita a sección do noso web sobre deste proxecto de localización, que coordina Alejo, e infórmate de como axudarlles.
PD: Tedes información máis detallada no web de Mandriva e no blogue de Alejo. Podedes descargar a distro dende aquí.