Presentamos Trasno Translation Toolkit, ou Trebellos de Tradución de Trasno

03Levabamos xa un bo tempo pensando en solucionar un problema que se nos presentaba cada vez que queriamos facer un obradoiro de tradución de software. Normalmente nos espazos dispoñíbeis tiñamos que instalar todo o software preciso e isto adoitaba xerar dúbidas nos administradores dos equipos. Para solucionar este problema, pensabamos en dispor dunha ISO que puidera arrincarse, ben no inicio, ben nunha máquina virtual, sen ter necesidade de modificar o sistema operativo.

Outro posíbel uso da mesma é probar algunha ferramenta, que pensemos poida seren de utilidade para nós, sen necesidade de instalala ou que só precisamos para un uso esporádico.

Aproveitando a nova versión da GALPon MiniNo Ártabros (a 2.1) e a simplicidade para xerar unha ISO personalizada, e contando coa axuda desinteresada dos desenvolvedores da mesma, deseñamos unha distribución pensando só na tradución (realmente é unha personalización ou customización), na que incluír toda canta ferramenta e utilidade libre estiver dispoñíbel.

Unha das cousas que máis nos preocupaba era o consumo de RAM, xa que ao traballar en modo vivo (live), e tendo en conta que moitas das ferramentas de tradución traballan sobre Java, precisase canta máis RAM dispoñíbel mellor, e aí é onde a minino Ártabros é unha campiona.

Os desenvolvedores decidiron chamala minino-TTT (de Trasno Translation Toolkit ou Trebellos de Tradución de Trasno)

Neste momento temos dispoñíbel unha versión beta para que poidades probala e enviarnos as vosas suxestión:

  • Minino-TTT.iso
    • MD5 e92860290d1ff7f0939cc9208e91242d
    • SHA1 840dbbb4d8fd8908fcd8568257bfc9eb2f36c3d1
Trasno Translation Toolkit
Trasno Translation Toolkit

Paquetes dispoñíbeis

  • Ferramentas de uso xeral
    • FileZilla
    • VLC
    • MPlayer
    • Keepassx
    • Libreoffice
    • TaskCoach
    • OpenProj
    • gscan2pdf
    • OCRFeeder
  • Ferramentas de edición e comparación de textos/PDF
    • Pluma
    • Geany
    • Texmaker
    • Scribus
    • BlueGriffon
    • Kompozer
    • Meld
    • DiffPdf
    • python-pdfminer
  • Ferramentas especializadas para tradución de software
    • GTranslator
    • Lokalize
    • POEdit
    • QtLinguist
    • Virtaal
  • Utilidades especializadas para tradución de software
    • translate-toolkit
    • Potool
  • Ferramentas de tradución xeral
    • OmegaT
    • OmegaT+
    • Autshumato ITE
  • Utilidades de tradución xeral
    • TES
    • LanguageTool
    • LF Aligner
    • TextSTAT
    • TMXValidator
    • XLIFFChecker
    • Anaphraseus
    • Open Language Tools
    • Okapi Framework
    • OmegaT plug-ins & utilities
    • bitext2tmx
    • translate-toolkit
    • Petra REV
  • Dicionarios e tradutores automáticos
    • GoldenDict
    • Apertium-tolk
  • Vídeo/subtítulos
    • Gnome Subtitles
    • vobsub2srt
    • subtitleeditor
    • subtitleripper
    • subtitlecomposer
    • gaupol
    • ccextractor
    • aegisub – aegisub-l10n
    • telxcc
    • jubler

Podedes facer un DVD ou un USB. se decidides facer un USB non empreguedes unetbootin ou similar, usade a orde:

[sudo] dd if=/enderezo/onde/tendes/a_imaxe of=/dev/sdX bs=4M

Lembrade, o dispositivo USB non será sdb1 ou semellante, senón o dispositivo «completo», ou sexa sdb.
(Nota: os usuario e contrasinal predeterminados son «trasno/trasno»)

A Trasnada 13.0 – O Proxecto Trasno xúntase en Compostela

trasnada13_banner

No Proxecto Trasno continuamos coas xuntanzas que chamamos as «Trasnadas». Nestes eventos adicámonos a pechar debates sobre terminoloxía en tradución de software libre, debater novos eidos de traballo, pero especialmente, recibir a os que queirades comezar a traducir software libre ao galego.

Onde é?

A sexta trasnada, a Trasnada 13.o será este vindeiro día 12 de novembro en “O Ensanche” en Santiago de Compostela.

A sesión da mañá comezará as 11.00 e durará ata a 13.30. Está destinada a todos os que estamos no campo de localización e queiramos propoñer ou debater terminoloxía a empregar.

Na sesión da tarde (de 17:30 a 20:30) ensinaremos como configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre, ou resolver dúbidas que precisedes.

En que consiste a trasnada?

A trasnada sérvenos como unha sesión de traballo para lograr acordos e planificar o futuro dos proxectos de localización nos que traballamos (ie., dende Debian, GNOME, KDE a LibreOffice). Como noutras ocasións, e buscando producir traducións de calidade, o tema de debate fundamental será a terminoloxía neste ámbito da tradución.

Por outra banda, será un espazo público ao que se pode achegar quen queira coñecer o proxecto ou colaborar connosco.

Pódese seguir a través da rede?

Os interesados no evento póden colaborar polas canles IRC do proxecto (#proxectotrasno en freenode). As novas que se vaian producindo iranse subindo aos nosos perfís nas redes sociais (véxase a sección de chíos no web). Estade moi atentos ás redes e animádevos a interactuar connosco ese día!.

As presentacións empregadas subiranse ao web con posterioridade e os resultados dos debates terminolóxicos publicaremolos despois da trasnada.

NOTA: Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2013 da Xunta de Galicia.

 

Nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego

Dende o Proxecto Trasno informámosvos do lanzamento dunha nova versión do corrector ortográfico Hunspell para o galego e o seu engadido para o navegador Mozilla Firefox.

Hunspell para o galego: versión 13.10 «Padre Sobreira»

A nova versión do corrector ortográfico Hunspell é a 13.10 «Padre Sobreira». Estivo baixo a coordinación de Antón Méixome e con importantes contribucións de Adrián Chaves. Con iso, temos unha moi relevante actualización do corrector e que podemos empregar xa con LibreOffice, OpenOffice, Mozilla Firefox, Mozilla Thunderbird e Google Chrome. Funciona ademais noutros aplicativos privativos, como é o caso de Mac OSX, InDesign, memoQ, Opera e SDL Trados (mais que non aconsellamos por motivos filosóficos e de bloqueo que lle fan á nosa lingua).

O corrector Hunspell é a única ferramenta de corrección ortográfica de código aberto que existe para o galego. As novidades que trae consigo esta versión son:

  • A refabricación do código de xeración do dicionario
  • Terse engadido novas fontes, especialmente derivadas da Galipedia; (toponimia e onomástica), unidades, * marcas e terminoloxía informática
  • A incorporación de suxestións da comunidade
  • Terse engadido ducias de regras de suxestións para erros frecuentes
  • A corrección de erros de morfoloxía e afinación de determinadas conxugacións verbais
  • Unha completa recollida de datos históricos sobre o desenvolvemento

Como se instala?

En LibreOffice ou OpenOffice engádese o corrector como unha extensión máis. En LibreOffice Word teríamos que facer clic en “Ferramentas” -> “Xestión de extensións” e seleccionar o ficheiro descargado antes (hunspell-gl-13-10.oxt.zip). Nese momento realízase a instalación. Comprobade que no Xestor de extensións o corrector estea activado e que cando se queira usar o corrector que a lingua do documento sexa o galego (na barra inferior da xanela de LibreOffice e OpenOffice indícase a lingua do documento).

Engadido para Mozilla Firefox

Grazas ao traballo de damufo podemos instalar o engadido para Mozilla Firefox e termos a esta nova versión do corrector traballando no noso navegador web.

Achéganos as dúas versións deste lanzamento: a “comunidade” que inclúe achegas da comunidade e outra que só contén os termos recollidos polo VOLGa (Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega). Están dispoñibles para descargar aquí:

Pode ser de utilidade para os ususarios que queiran ter as dúas versións do corrector instaladas, facerse co Dictionary Switcher para poder intercambiar o modelo de corrección que necesitamos.

Paquete .deb para instalación automática en sistemas operativos da familia Debian

En preparación da man de Fran Diéguez e que estarán dispoñíbeis no repositorio de código libre SourceForge:

Como nos podes axudar?

O Proxecto Trasno é unha comunidade aberta, nada no ano 1999, que nos adicamos a traducir o software libre á lingua galega. Ademais disto, realizamos algúns proxectos de desenvolvemento, como xestores de memorias de tradución ou a mellora do corrector ortográfico. Quéreste unir a nós?

En canto ao corrector ortográfico, as vosas achegas son moi importantes: podédesnos axudar a melloralo. Para iso,

  • Asegurádevos de instalar correctamente a última versión do corrector
  • Se atopades un erro, comprobádeo dúas veces. Acudide ao dicionario e a outras fontes bibliográficas e asegurádevos de que si que é un erro. É un termo que aparece marcado como un erro pero non o é?. Ou o contrario, é un termo que o corrector non o subliña pero que si que o é?.
  • Se hai ese erro informádenos del escribindo ao correo “proxecto (at) trasno.gal” ou directamente dende as nosas redes socias. Dádenos a información completa: dicídemos a frase na que descubristes ese erro ou definide o termo que vexades que falta.

Con iso, nas seguintes versións do corrector mellorarémolo grazas ás vosas achegas.

Ligazóns

Proxecto en Gitlab