O Proxecto Trasno estivo nas VII Xornadas de Software Libre de Mugardos

A veterana Comunidade do Zulo de Mugardos, que traballa dende o 2003 puxando polo software e a cultura libre, quíxonos convidar este ano ás súas VII Xornadas de Software Libre, que se celebraron este pasado 26 de Xuño na casa do Concello de Mugardos.

Alí puidemos desfrutar do programa preparado que incluía:

  •  Achegamento a Ubuntu 10.04 – Oscar Amor
  • Drupal, máis que un xestor de contido – Alberto Permuy
  • Presentación Asociación Comunidade O Zulo
  • Procesos de localización ó galego – Miguel Bouzada e Miguel Branco do Proxecto Trasno
  • P2P: estado actual, Somos todos piratas? – Carolina Montero
  • Dominios interoperábeis. A convivencia é posíbel: Sistemas libres e privativos. Asociación Ghandalf (Roberto Vieito)
e como non, desfrutar da compañía da xente da comunidade. Dende o Proxecto Trasno agradecémoslle ao Concello de Mugardos e aos amigos da Comunidade do Zulo a súa amabilidade e simpatía. Para calquera que se acerque a Mugardos agora podémoslle recomendar unha visita ao peirao e o polbo que se prepara na vila.
As xornadas foron retransmitidas en liña ao vivo.

GALPon MiniNo chega a súa 1.2 RC1

Os desenvolvedores da distribución Linux GALPon MiniNo acaban de anunciar que está dispoñible a versión 1.2 RC1. Nesta nova fase de desenvolvemento hanse depurar os erros antes do lanzamento final da nova versión 1.2. Dende o proxecto piden xente que colabore probando a distribución e informando deses erros que aínda poida haber.

GALPon MiniNo, nada no 2008 da conxunción de dous proxectos independentes,  é unha distribución pensada para ordenadores con poucos recursos de hardware e construída sobre dunha base Debian Lenny. Emprega un entorno de escritorio construído con ROX-Filer e IceWM e ven xa con aplicativos lixeiros para traballos ofimáticos e multimedia. A distribucións está patrocinada polo grupo de amigos de Linux de Pontevedra, GALPon.

A distro do gatiño, con alma entre galego e andaluza, convértese con cada lanzamento na única derivada de Linux que sae cento por cento na nosa lingua, amais de en castelán.

Dende o Proxecto Trasno mandámoslles as nosas felicitacións aos desenvolvedores e desexámoslles moito éxito na nova versión.

Visitade a páxina do proxecto e descargádea!.

Inestable convoca o “I Festival Cinestable”, e Trasno estará alí

Os nosos bos amigos de Inestable acaban de convocar o I Festival de curtametraxes Creative Commons Cinestable, que se celebrará este vindeiro 5 de Agosto en Ordes.  Os trasnegos teremos o inmenso pracer de poder estar alí apoiando esta pioneira iniciativa galega!.

O festival, que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura de Ordes, A Coruña, consta dun concurso de curtametraxes e unha gala de proxección de cine con licenza Creative Commons, onde se proxectarán as mellores cintas a nivel mundial. O festival rematará coa entrega dos premios ás mellores curtas. A entrada ao festival está aberta a todo o público: así que non faltedes!.

Para o concurso, calquera que presente unha cinta con licenza CC pode optar a levarse os máis de 800€ en premios que conceden os Inestables. Cintas en calquera lingua e calquera temática de calquera produtor do estado serán válidas. Os trasnegos estaremos alí para outorgar o premio á mellor curta en lingua galega!. 

O prazo de entrega de cintas xa está aberto. Se tes unha curta licenciada en Creative Commons, preśentaa e senón ainda podedes discorrer un pouco, facer un guión, coller unha cámara e producir unha. Amateur ou profesional, todo vale.

A Asociación Inestable leva case unha década promocionando o software libre e a cultura libre na comarca de Ordes.  Dende trasno desexámoslle moita sorte con esta novidosa iniciativa!.

1 7 8 9