A maxia da animación 2D en galego grazas ao Tupí

Tupí, o novo software libre de animación en 2 dimensións (2D), está sendo traducido ao galego. A arte da animación achégase a nós grazas ao traballo do trasnego Miguel Bouzada que fixo a localización da interface e está traducindo os titoriais e manual.

Tupí, con ese nome non pode ser outra cousa que un software de ADN amazónico, nace como derivado do proxecto KTooN e constitúe a partir de agora o único software de animación en galego cunha interface o suficientemente intuitiva e accesíbel tanto para nenos como para animadores profesionais. A tecnoloxía detrás do Tupí parte das bibliotecas Qt ás que se lles saca todo o rendemento mediante a linguaxe C++.

O proxecto de desenvolvemento baséase no modelo do software libre, tanto para o software como para os contidos desenvolvidos, arredor da cal se está creando unha comunidade mundial de artistas, desenvolvedores e co apoio de empresas e institucións. Ao ser un proxecto nacente, está nun momento de máxima receptividade a innovacións e desenvolvementos como a posibilidade de traballo colaborativo simultáneo nun mesmo proxecto de animación.

Tupí pódese instalar cos paquetes oficiais en Debian pero está dispoñíbel para calquera distribución GNU/Linux grazas ao fornecemento do código fonte; tamén está dispoñíbel un manual para compilación en Mac e está en proxecto levalo á plataforma Windows.

Ubuntu 12.04 “Precise Pangolín” xa dispoñíbel en galego

Proxecto Trasno ten o pracer de presentar un dos grandes fitos do software libre en galego. A nova versión 12.04 LTS de Ubuntu, que terá actualizacións durante os vindeiros 5 anos, relevando así á versión LTS 10.04, co que a comunidade galega de tradución ao software libre vinculada a Proxecto Trasno cerra un círculo de ampliación e mellora constante da presenza do galego na máis popular das versións de GNU-Linux do mundo.

Nesta nova versión o galego segue  a estar entre as linguas que acadan un maior nivel de adaptación, localización, á súa comunidade de referencia (18ª entre as únicas 40 do mundo en que se considera traducida completamente), malia o pequeno número de voluntarios incorporados ultimamente a este esforzo, o que impide completar o proceso dese 96% ata o 100%, como sería óptimo é desexable.

Con esta versión queremos, pois, facer un chamamento público a todos e todas os  que cun pouco de interese e constancia poderían supoñer o necesario relevo para manter neste privilexiado nivel unha das máis transcendentes obras colectivas de tradución de software de Galicia, xa que en Ubuntu conflúen moitos dos esforzos de varios dos aplicativos en galego máis populares (Firefox, Thunderbird, Gnome, KDE, LibreOffice, etc).

E resulta ben doado, non hai máis que poñerse en contacto con nós a través da lista de correo (http://listas.trasno.net/listinfo/proxecto) ou das canles en Facebook ou Google+ por exemplo e serviremos gustosamente de compañeiros e guías ou, mellor aínda, directamente no UGT (Ubuntu Galician Translators)

Xa ora, veña, a actualizarse!!

Sobre as novidades e aspectos concretos remitímosvos á nota de prensa oficial de Canonical, empresa responsable de Ubuntu:

Ubuntu 12.04 LTS ten como obxectivo conquistar o escritorio empresarial

● Enfocado á área de traballo da empresa, o novo Ubuntu 12.04 LTS é o único sistema operativo que combina unha plataforma open-source libre con cinco anos de actualizacións garantidas e a opción de asistencia comercial.
● Grazas a Unity, o seu IGU (interface gráfico de usuario) exclusivo, ademais de aplicativos de ofimática nativos e asistencia para solucións de virtualización de escritorio líderes, que lles permite aos usuarios traballar máis produtivamente sobre o recentes PC, portátiles e clientes lixeiros.

Londres, 26 de abril de 2012:

Canonical lanzou Ubuntu LTS 12,04 para o escritorio. Significa a cuarta versión de edición de longo prazo (LTS) do sistema operativo favorito do mundo libre, con actualizacións de mantemento garantidas por cinco anos.

Ubuntu 12.04 LTS inclúe capacidade para virtualización de escritorio de Citrix e VMware, xunto a Microsoft RDP 7.1. Isto significa que os usuarios corporativos teñen agora unha selección de tres vías para a produtividade da oficina: entrega remota de aplicativos de escritorio, solucións baseadas na nube a través do navegador como Google Docs ou nativas, coma a suite LibreOffice compatíbel con Microsoft que ven preinstalada. Para as entidades que afrontan actualizacións custosas para o Windows 7, Ubuntu LTS 12,04 representa unha alternativa moito máis económica.

“Para implantacións de grandes empresas con procedementos planificación de longo prazo, Ubuntu LTS 12,04 é o noso mellor ambiente de traballo”, segundo Jane Silber, CEO de Canonical. “Grazas áo noso extenso conxunto de asociacións respecto do hardware, imos facer actualizacións regulares para apoiar os novos PC a partir de socios certificados como Dell, HP e Lenovo. E imos apoiar aínda máis a empresas que fagan o cambio a Ubuntu nos seus escritorios.”

Novo para os que actualicen a partir da última versión LTS será Unity, a interface de Ubuntu de usuario único. Tras moitas horas de probas con usuarios, foi mellorada aínda máis, para mellorar o día a día de produtividade a principiantes e expertos.

“A migración de todos os usuarios existentes de Ubuntu 10.04 á versión Ubuntu LTS 12,04 é algo que estamos ansiosos de lanzar e recoller os beneficios da facilidade de uso e funcionalidade adicional incorporada no ámbito de traballo do escritorio Unity” – PaweĹ Zieba, Consultor Senior das TIC Innovación da Capgemini BPO.

Canonical fornece asistencia comercial opcional para Ubuntu LTS 12,04 en forma de Vantaxe Ubuntu. O programa ofrece aos clientes corporativos unha selección de dous niveis de asistencia, xunto co acceso á administración Landscape ferramenta de aforro de tempo, que inclúe a conformidade, auditoría e recursos de xestión de recursos para grandes implantacións de escritorios. A diferenza doutras distribucións Linux, os clientes de Ubuntu teñen a opción de incluír a súa implantación masiva no contrato de asistencia, ou só un subconxunto que seleccione.

Grazas á estreita relación de Canonical cos principais OEM, Ubuntu LTS 12,04 xa está certificado para funcionar en máis de 20 ordenadores portátiles e de escritorio, con moitos máis a seguir nas semanas que virán.

Políticas rigorosas se implantaron para optimizar as pezas clave do código nos últimos dous anos. Como resultado, Ubuntu 12.04 LTS é máis robusto que nunca, arrinca aínda máis rápido que o seu antecesor e prolonga a duración da batería do portátil de forma significativa.

· Descargue Ubuntu LTS 12.04 hoxe en: www.ubuntu.com/download

· Faga un percorrido por Ubuntu LTS 12,04 en: www.ubuntu.com/tour

· Saber o que hai de novo en Ubuntu LTS 12,04 en: www.ubuntu.com/ubuntu/whats-new

· Vexa as principais características de Ubuntu 12.04 LTS e capturas de pantalla en: www.ubuntu.com/ubuntu/features

· Vexa unha lista de máquinas certificadas en www.ubuntu.com/certification

Trasno presenta un buscador no Dicionario da RAG para Firefox

Nun par de segundos e mediante un engadido para o navegador Firefox podemos ter o novo dicionario da RAG (DRAG) integrado na lista de buscadores. A consulta de calquera palabra e a súa definición faise nun tris. Respectouse a imaxe corporativa da RAG no complemento co obxectivo de colaborar tamén nesa “achega ao servizo público” ao que convidaba a propia RAG:  “Hoxe toca innovar“.

Instrucións de instalación:

1. Prema sobre a imaxe inferior que o levará á páxina onde descargalo

2. Prema no botón «+Add to Firefox» ou «+Engadir a Firefox» e acepte a instalación.

Xa está instalado e úsase como calquera outro buscador.

Ás persoas que non están familiarizadas con esta funcionalidade, cómprelles saber

Como se usa?

Como con calquera outro “motor de busca” que ten ou que instalemos no Firefox, encóntrase dispoñíbel na caixa superior da dereita, á beira da barra de enderezos. Naturalmente despois de instalalo, o buscador DRAG simplemente incorpórase á lista dos dispoñíbeis (Google, Yahoo, Wikipedia, etc). Para usalo, hai que seleccionalo…

1.Seleccionalo

2. Verá que quedou seleccionado cando nesa caixa apareza o “logo” do DRAG…

3. Os resultados das buscas usan a xanela en uso do Firefox, así que para non perder o sitio onde se estaba, ou abrimos unha nova xanela ou, despois de buscar, volvemos atrás.

Logo de facer a nosa consulta, para deixar de usar o dicionario e volver a realizar a busca na Rede ou noutro buscador, hai que volver seleccionar o buscador da Internet que queiramos (Google, Yahoo, etc.) como vimos antes.

Se lle gustou tamén pode deixar unha mensaxe na páxina de Mozilla onde se descarga para axudar á súa difusión.

Nota: Este pequeno complemento é, en si mesmo, completamente independente do servizo oficial que presta o DRAG. O add-on para Firefox DRAG segue as políticas de publicación e licenzamento da Fundación Mozilla. En concreto, este complemento sae á luz coa licenza LGPLv3.

A Comunidade de Software Libre celebra o Día da Liberdade dos Documentos

Proxecto Trasno súmase co resto da comunidade de software libre galega http://galpon.org ; http://ociorum.org ; http://comunidadeozulo.org ; http://piratasdegalicia.org/dfd2012/ ; http://toniocastro.wordpress.com/ ; http://webmelisa.es/ ; http://www.bestarruza.com/ ; http://www.kutus.es) e xunto coa internacional ao día da reivindicación do formatos abertos para os nosos documentos. Para poder compartilos, para permitir a interoperabilidade dos sistemas e para garantir a sostibilidade da información.

Libera os teus documentos!

Día da liberdade dos documentos

28 marzo 2012

Libera os teus documentos!

O Día da Liberdade dos Documentos (DFD) é unha iniciativa levada adiante por organizacións do campo do acceso ao coñecemento, a non discriminación e o software libre, segundo iniciativa da FSF (Free Software Foundation) en todo o mundo.

O obxectivo é chamar atención sobre a importancia de conservar os documentos dixitais que empregamos en formatos libres e baixo estándares abertos, así como promover a adopción de formatos de documentación abertos, integrar unha rede global e coordinar actividades para difundir a importancia destes conceptos na era dixital.

Chamar a atención sobre este tema permitiranos construír un modelo de comunicación dixital onde ningunha persoa sexa discriminada ou tratada con menores beneficios que outra polo software que emprega. En particular, é especialmente preocupante cando é a Administración Pública quen xestiona as súas comunicacións de modo tal que discrimina a quen utilizan software libre e beneficia ou mantén a posición dominante dunha soa empresa ao requirir o uso dos seus produtos para comunicarse coa Administración Pública.

Normativa de uso de estándares abertos da Xunta de Galicia:


Directriz 1
✔ Os documentos que se poñan a disposición dos usuarios deben estar en formatos abertos, preferiblemente PDF (de acordo coa ISO 32000) ou ODF.
No caso de publicación de documentos en formatos pechados (por exemplo os creados co Microsoft Office) débense habilitar alternativas en formatos abertos


Lembremos que existen suites ofimáticas libres como LibreOffice, Calligra, OpenOffice.org ou KOffice, e outros programas de software libre como Abiword que permiten cumprir estes obxectivos. Todo este software libre é traducido na actualidade por membros do Proxecto Trasno.

1 2 3 4