Desde «Proxecto Trasno» (http://www.trasno.net/), o equipo de tradutores ao galego de software libre, queremos anunciar que os vindeiros 4 e 5 de Outubro (sábado e domingo) en Santiago de Compostela celebraremos un encontro no que participaremos os grupos de tradutores de linguas minorizadas da península ibérica: Proxecto Trasno, SoftAstur, Librezale, SoftAragonés e SoftCatalá.
Entre os asistentes están múltiples integrantes dos devanditos grupos de tradución, así como algún membro de equipos de tradución extrapeninsulares, como é o caso do Francés representado por Pascal Chevrel. Ademais achegaranse persoas de toda Galicia interesadas na tradución de software e nos grupos de tradución asistentes.
Ao longo deste encontro debatirase e intercambiaranse coñecementos sobre diversos temas relacionados coa tradución de software libre, especialmente nos seguintes proxectos pero sen limitarse a eles:
- Mozilla
- LibreOffice e Apache OpenOffice
- Debian GNU/Linux
Ademais celebraranse uns obradoiros/mesas redondas sobre as temáticas:
- Terminoloxía
- Programas e recursos para a tradución
- Memorias de tradución
- Estrutura e tecido organizativo
O programa completo está dispoñible para a súa consulta pública.
Invitamos a participar e colaborar connosco a todas as persoas interesadas, independentemente da súa pertenza a algún dos grupos de tradución ou proxectos indicados enriba.
Esta actividade forma parte das actividades que Proxecto Trasno realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.