Acaba de publicarse a versión 1.10.7 de A batalla polo Noroeste, un xogo de estratexia por roldas ambientado nun mundo de fantasía medieval, e un dos buques insignia dos videoxogos libres desde hai moitos anos.
Esta nova versión mellora a estabilidade do xogo, pero para a nosa comunidade a novidade máis importante desta nova versión é que está completamente traducida ao galego. Todos os textos que se poden traducir están en galego, incluídos os textos das imaxes como os mapas ou o logotipo do xogo.
O Proxecto Trasno leva dende o ano 2007 traballando na tradución deste xogo, e este é un fito importante para nós no campo dos videoxogos. Agora toca seguir traballando para asegurarmos de que esta tradución non baixe dese 100% que tanto nos custou conseguir a medida que o xogo vaia evolucionando.
O xogo pódese descargar desde a páxina oficial. Que mellor forma de colaborar co Proxecto Trasno que xogar unhas horas e informarnos de calquera erro na tradución?
Nota: Por un pequeno problema técnico o mapa principal do xogo non aparecerá traducido na versión 1.10.7, a pesar de que a imaxe que encabeza esta nova mostra dito mapa traducido. Aínda que xa se solucionou o problema, a imaxe non verá a luz ata a seguinte versión estable do xogo.