O Proxecto Trasno anuncia a nova versión en galego de Ubuntu, esta vez co tótem «Raring Ringtail» (lémur de cola anelada) e que fai o número 13.04, como corresponde coa nomenclatura de “ano.mes” á que xa nos ten afeitos Canonical. A nova versión de Ubuntu saíu ao público o pasado día 25 de maio.
Por suposto, xunto coa Ubuntu propiamente dita publicáronse Kubuntu, Xubuntu, Lubuntu, e Ubuntu GNOME, a gran novidade, como xa anunciaron desde o equipo de Gnome galego.
Para facer unha visita guiada ás novidade, pódese dar un paseo por aquí: http://www.ubuntu.com/tour/en/
Polo contrario, as novidades pódense apreciar en detalle na nota oficial da versión na que Canonical informa de que esta é a primeira versión en adaptarse ao novo período de 9 meses de asistencia técnica, e non os 18 anteriores, mentres que as versións LTS (Long Term Service) como a 12.04 última seguirán tendo 5 anos de asistencia.
Os usuarios salientan a mellora espectacular no rendemento ao computador que se acada con esta nova versión
A tradución ao galego
Tamén temos que salientar que a tradución galega acadou un inédito posto 13º na clasificación mundial de cobertura da distribución o que supón subir case 5 postos, de entre os xa máis altos entre todos os idiomas, en só un ano. Hai exactamente un ano estabamos 18º internacional.
Neste momento somos pois a segunda das linguas ibéricas, por detrás do español e incluído o portugués, cunha galeguización que acadou o 98% do total.
(Premer sobre a imaxe para ver en detalle)
Malia que xa hai tempo que o equipo galego, especialmente o grupo de Proxecto Trasno, avisamos de que facía falta un relevo na tradución desta importante distribución, a tradución mantense a este algo nivel porque Ubuntu está a herdar o importante traballo que se fai «augas arriba» de Ubuntu, en Debian e moitos outros proxectos, por exemplo. No entanto, nada garante que isto se manteña no tempo, así que outra vez animamos a que os que queiran colaborar contacten co UGT (Ubuntu Galician Translation) para proseguir co traballo.
Non vaia ser que nos pase como ao propio Ring-tailed lemur, en perigo de extinción cando está en liberdade.
Descargar o novo Ubuntu
Para obter unha imaxe ISO apropiada para instalar, pódese ir a
http://releases.ubuntu.com/13.04/
Os galego está incluído 🙂