Os docentes serán Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla e Antón Méixome, lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice.
Igual que nas anteriores edicións o obxectivo principal é promover o uso e coñecemento do software libre e da lingua galega na comunidade universitaria da USC a través da localización ao galego de aplicativos libres.
O fiadeiro está aberto a toda a comunidade universitaria da USC: alumnado, PDI e PAS, e ten un prezo simbólico de 10€. Os requisitos para participar son moi básicos, un nivel de inglés básico acorde co adquirido nos estudos de bacharelato, un nivel de galego acorde co adquirido nos estudos de secundaria, Celga 4 ou Perfeccionamento e un nivel de informática básico.
Conta con 20 prazas e para todos aqueles interesados xa está aberto o prazo de matriculación ata o vindeiro 22 de abril a través da Secretaría Virtual da USC.
O fiadeiro divídese nunha primeira parte de formación teórica-práctica onde o profesorado explicará como se localiza software dun xeito moi práctico o que dará pé a explicacións e resolución de dúbidas; e unha xornada de localización e lecer de 7 horas continuadas , onde os asistentes poñerán en práctica individualmente ou por parellas todos os contidos aprendidos traducindo conxuntos de cadeas dos aplicativos seleccionados:
O fiadeiro terá lugar na Aula I1 da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Campus Vida, Santiago de Compostela). os días:
- Xoves 25 de abril, de 12:00 a 15:00: proceso formativo previo de 3 horas (ferramentas de tradución, metodoloxía, cuestións lingüísticas: memorias de tradución, glosarios…)
- Sábado 27 de abril, de 10:00 a 19:00 (xornada de tradución ao galego de aplicacións de software libre, baixo a supervisión do profesorado do Fiadeiro, con pequenos descansos de lecer e xantar incluído.)
O sábado 27, dado que se trata dunha actividade continuada desde as 10 ata as 19 horas, haberá petiscos, bebidas e música para facer descansos a media mañá e a media tarde. Haberá tamén un lixeiro xantar común ofrecido pola organización.
Recoñecementos e premios
- 1 crédito de libre configuración curricular para todas as titulacións de 1º e 2º ciclo.
- Está solicitado o recoñecemento como competencia transversal para os graos
- Diploma de asistencia á actividade (por 12 horas). Haberá controis de asistencia en todas as sesións. Cómpre acreditar a asistencia ao 80% das horas.
- Constancia da experiencia de tradución da aplicación encomendada.
- Constancia nos créditos do aplicativo localizado dos seus autores ou autoras.
- Premio “Máis e mellor” para o equipo que traduza máis cadeas e con mellor calidade: un diploma acreditativo e unha dotación económica de 0,10 euros por palabra única traducida correcta. O premio farase público no mes de maio de 2013.
Traduciremos a plataforma Transifex e o software de preguntas e respostas Askbot