A AC Proxecto Trasno outorgará a «Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC» no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre do 2012

A AC Proxecto Trasno participará este ano na V edición do «Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira (PFC) con Software Libre (SwL)» outorgando a «Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC».

Coa concesión desta mención, cun premio por valor de 800€, pretendemos incentivar o desenvolvemento de software libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da localización de software libre ao galego.

Como se indican nas bases do premio, poden optar a esta mención aqueles proxectos:

  • que consistan no desenvolvemento de novas ferramentas de localización e tradución ou contribúan a algunha xa existente
  • que faciliten o traballo no campo da lingüística aplicada e a tradución
  • ou que melloren ou axilicen o labor de tradución e localización de software libre, especialmente ao galego

Nos proxectos con este fin valoraranse os seguintes aspectos:

  1. a inexistencia de solucións de software libre con capacidades semellantes, ou unha mellora substancial dalgunha solución xa existente
  2. o emprego de tecnoloxías libres e estándares abertos
  3. a utilidade para a localización de software e documentación libres

O Proxecto Trasno é punto de encontro do voluntariado de tradución de software libre ao galego. O proxecto leva activo e en pé dende finais do ano 1999 e abrangue aos grupos de tradución ao galego dos principais proxectos de software libre. A Asociación Cultural Proxecto Trasno naceu do seo do Proxecto Trasno no 2009 co fin de darlle soporte legal e mantelo viable de cara ao futuro.

Na ligazón do Premio ao mellor PFC en Software Libre están as bases deste premio.

NOTA: Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2012 da Xunta de Galicia.