Tupí, o novo software libre de animación en 2 dimensións (2D), está sendo traducido ao galego. A arte da animación achégase a nós grazas ao traballo do trasnego Miguel Bouzada que fixo a localización da interface e está traducindo os titoriais e manual.
Tupí, con ese nome non pode ser outra cousa que un software de ADN amazónico, nace como derivado do proxecto KTooN e constitúe a partir de agora o único software de animación en galego cunha interface o suficientemente intuitiva e accesíbel tanto para nenos como para animadores profesionais. A tecnoloxía detrás do Tupí parte das bibliotecas Qt ás que se lles saca todo o rendemento mediante a linguaxe C++.
O proxecto de desenvolvemento baséase no modelo do software libre, tanto para o software como para os contidos desenvolvidos, arredor da cal se está creando unha comunidade mundial de artistas, desenvolvedores e co apoio de empresas e institucións. Ao ser un proxecto nacente, está nun momento de máxima receptividade a innovacións e desenvolvementos como a posibilidade de traballo colaborativo simultáneo nun mesmo proxecto de animación.
Tupí pódese instalar cos paquetes oficiais en Debian pero está dispoñíbel para calquera distribución GNU/Linux grazas ao fornecemento do código fonte; tamén está dispoñíbel un manual para compilación en Mac e está en proxecto levalo á plataforma Windows.