A RAG agradece os engadidos do Dicionario para Firefox e Chrome

A Real Academia Galega fíxose eco dos engadidos desenvoltos por Antón Méixome dende o Proxecto Trasno para Mozilla Firefox e do mesmo para Google Chrome desenvolto por Cabozo e que se pode consultar no seu blog. A Real Academia Galega dinos na súa nova:

 

Proxecto Trasno e Cabozo, dous colectivos sen ánimo de lucro dedicados a trasladar software libre á nosa lingua, veñen de integrar o Dicionario da Real Academia Galega en liña nos navegadores Firefox e Chrome respectivamente, dous dos máis usados do mercado.[…]

A Academia quere saudar e cumprimentar estas iniciativas de Cabozo e Trasno que contribúen, co seu labor desinteresado, a aumentar a difusión do galego na rede, así como a espallar unha ferramenta, o Dicionario da RAG en liña, concibida precisamente para atender as demandas nacidas no contexto da chamada “sociedade da información”.

Estimamos o seu interese por este traballo realizado de xeito voluntario e agradecemos que redifundiran a nova.

A redifusión e os novos voluntarios son esenciais para nós xa que precisamos poder seguir tendo a forza necesaria para aportarmos á nosa sociedade todo o que agora o galego precisa na sociedade da información.