A Mesa gaña o II premio Rosalía de Castro de Lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística recolleu este pasado sábado o premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña e que nesta segunda edición lle foi concedido a organización. Desde o Proxecto Trasno queremos darlle os nosos sinceros parabéns.

A concesión do galardón publicouse o pasado 26 de abril durante unha rolda de prensa na que se salientou que se trata dun premio honorífico e sen dotación económica, e que recaeu na Mesa pola Normalización Lingüística “pola súa traxectoria de 25 anos a prol da normalización da lingua galega en moitos ámbitos sociais e públicos e como impulsora continuada da legalidade derivada da Lei 2/1983 de normalización lingüística de doutras leis autonómicas e do Estado”.

O acto formal de entrega do galardón tivo lugar este pasado 7 de maio, durante a IV edición da Festa da Lingua que se celebrou en Carballo.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística impúxose a outras sete candidaturas, “todas elas merecedoras do premio”, segundo manifestou o voceiro do xurado. Entre as candidaturas incluíase a nosa candidatura, a do Proxecto Trasno, e que foi presentada por segundo ano consecutivo por varios Grupos de usuarios de software libre de Galicia. A estes colectivos e entidades querémoslle agradecer o esforzo de redacción da prosta e a entrega da candidatura ao premio. Desde o Proxecto Trasno seguiremos traballando arreo coma ata agora, poñéndolle futuro ao galego.