O núcleo e a documentación de A batalla por Wesnoth completamente en galego

O 9 de xaneiro do 2011 completouse a tradución e revisións do núcleo de A batalla por Wesnoth, conformado por máis de 3300 cadeas. A mellor parte de ter o núcleo completamente en galego é que resulta moi doado detectar erros de internacionalización, calquera texto que non apareza traducido no xogo e non sexa unha campaña (a documentación é allea á parte gráfica do xogo) é probablemente porque non está correctamente internacionalizado. Foi así como se detectou un pequeno erro. Os desenvolvedores do xogo solucionárono en menos dunha hora, e as novas cadeas froito desa corrección xa foron tamén traducidas ao galego.

Durante a revisión dos ficheiros de tradución, fíxose especial fincapé en empregar o vocabulario acordado durante a Trasnada ’10, se ben hai que dicir que as traducións existentes xa se adaptaban bastante ben aos criterios escollidos na Trasnada, e non fixeron falla grandes cambios ao respecto. Foron de especial axuda as regras desenvolvidas por Marce Villarino para a detección de posibles casos mediante a ferramenta Pology de KDE.

Posterior ao fito de completar a tradución do núcleo, publicouse a versión 1.9.4 do xogo. A póla 1.9 é o que se chama unha “póla de desenvolvemento”, e aínda que se pode ir adiantando as traducións durante o seu desenvolvemento, estas non teñen un papel fundamental. Así, xusto antes de publicar esta nova versión actualizáronse os ficheiros de tradución con novos cambios nos textos en inglés, polo que algunhas das mensaxes da axuda do xogo aparecerán en inglés a pesares dos esforzos. Pero as traducións deses textos xa se enviaron, pouco despois da publicación desta versión, e estarán sen dúbida listas para a publicación da versión estable final, a 1.10, para a que aínda non hai planificada unha data de publicación.

E non se enviaron só as actualizacións dos textos do núcleo, senón que tras a publicación da versión 1.9.4 enviáronse tamén as revisións da documentación, que comprende as páxinas man e o manual web. Agora, no que respecta aos ficheiros oficiais do Wesnoth, só resta revisar a tradución das campañas e, finalmente, traducir as imaxes (que ata o momento non se traduciron nunca ao galego). Posteriormente barallarase a posibilidade de traducir tamén as campañas non oficiais.

Nos últimos días ademais solucionouse outro dos erros do xogo dos que informara o equipo de tradución ao galego, confirmouse outro, e informouse dun terceiro relacionado co manual interno do xogo. Isto foi consecuencia do propio proceso de tradución, que esixe fixarse en todos os detalles, e que como se pode comprobar acaba axudando directamente ao propio desenvolvemento do xogo. Esperemos que se vaian solucionando para que a versión final sexa unha verdadeira xoia.

Aquí pode verse o estado de toda a tradución ao galego (o núcleo confórmano os primeiros nove ficheiros). Estoutra é unha lista das linguas en que está dispoñible o núcleo do xogo (o galego de primeiro).