Publicado o novo Ubuntu Maverick co 100% da súa interface en galego

A Ubuntu 10.10, publicada onte 10-10-10 ás 10:10:10, anunciada como o «Perfect 10» acadou un fito ben importante para a comunidade de localización de software libre. Por primeira vez acadamos o nivel do 100% de tradución ao galego, superando así o 86% que xa acadaramos na pasada versión LTS.

Seguimos mellorando a calidade das traducións e aumentando a porcentaxe da mesma. Sen dúbida isto non sería posíbel sen a colaboración dos proxectos orixinais, dos que está formado Ubuntu, e do traballo alí feito. Proxectos como KDE, GNOME, XFCE, Debian, Translation Project e moitos máis.
Isto permítenos dicir que actualmente o Galego é unha das 6 únicas linguas coa porcentaxe de tradución ao 100%. Linguas tan importantes (en número de falantes) como o castelán, inglés da Gran Bretaña, Alemán ou Portugués do Brasil.
Se queres formar parte deste equipo tes unha boa oportunidade no 1º festival de tradución de software libre ao galego que se celebra este sábado na localidade de Ordes. No cal tentaremos entre todos os asistentes atopar e solucionar erros nas traducións e acadar consensos entre todos os proxectos de localización de software libre ao Galego. Porén, se nunca traduciches un aplicativo podes asistir ao festival xa que nel teremos sesións de introdución para que traducir os teus aplicativos favoritos sexa doado e divertido.