Os trasnegos sumarémonos á comunidade de O Zulo de Mugardos para celebrar o «Software Freedom Day 2010», o día do Software libre que se celebra este 18 de setembro.
A AC O Zulo de Mugardos, dentro do «Ciberencontro Kernel 2010», quixeron convocar a todas as comunidade do software libre galegas para celebrar con eles este evento, dentro do marco do Kernel 2010. O SFD é unha festividade pensada para:
- “divulgar os beneficios que supón (tanto técnica, social e economicamente) o emprego de “FOSS” – aplicacións informáticas de código aberto e libres,nos eidos da educación, administración, ámbito doméstico, empresarial, técnico, …”
- o fomento da igualdade de oportunidades mediante a tecnoloxía e o seu uso libre
- promover o diálogo construtivo sobre o dereito e responsabilidade da sociedade á liberdade da cultura e da información
O Proxecto Trasno, coma o resto de comunidades do software libre galega, estaremos alí para unirnos á celebración.
As actividades previstas para ese día, que comezará ás 11:00 horas, son:
- Presentación oficial distribución do sistema operativo para computadores con poucos recursos, GALPon MiniNo 1.2. Desenvolvida polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon). A súa potencialidade e prestacións.
- Obradoiro de instalación de GALPon MiniNo en computadores antigos,procedentes da renovación de equipos do Concello de Mugardos e que finalmente doará o Concello a asociacións e entidades sen afán de lucro.
- Foro – debate «O FOSS, “software e cultura libre” na sociedade do século XXI» , coa participación de representantes dos GULs (Grupo de usuarios de Linux e software libre) de Galicia.