Os nosos bos amigos de Inestable acaban de convocar o I Festival de curtametraxes Creative Commons Cinestable, que se celebrará este vindeiro 5 de Agosto en Ordes. Os trasnegos teremos o inmenso pracer de poder estar alí apoiando esta pioneira iniciativa galega!.
O festival, que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura de Ordes, A Coruña, consta dun concurso de curtametraxes e unha gala de proxección de cine con licenza Creative Commons, onde se proxectarán as mellores cintas a nivel mundial. O festival rematará coa entrega dos premios ás mellores curtas. A entrada ao festival está aberta a todo o público: así que non faltedes!.
Para o concurso, calquera que presente unha cinta con licenza CC pode optar a levarse os máis de 800€ en premios que conceden os Inestables. Cintas en calquera lingua e calquera temática de calquera produtor do estado serán válidas. Os trasnegos estaremos alí para outorgar o premio á mellor curta en lingua galega!.
O prazo de entrega de cintas xa está aberto. Se tes unha curta licenciada en Creative Commons, preśentaa e senón ainda podedes discorrer un pouco, facer un guión, coller unha cámara e producir unha. Amateur ou profesional, todo vale.
A Asociación Inestable leva case unha década promocionando o software libre e a cultura libre na comarca de Ordes. Dende trasno desexámoslle moita sorte con esta novidosa iniciativa!.