Trasno presenta OpenOffice.org 3.2.1

Xa está dispoñíbel a nova versión da suite ofimática libre e aberta por definición. Permite crear documentos dinámicos, analizar datos, deseñar presentacións atractivas e realizar debuxos espectaculares. OpenOffice.org 3.2.1 foi desenvolvido pola comunidade OpenOffice.org e temos versións estábeis  para sistemas Windows, GNU/Linux, Unix, Mac e Solaris.

OpenOffice.org 3.2.1 é o que se chama unha versión micro, xa que non engade funcionalidades novas senón unha corrección de erros e solución de problemas, especialmente de seguridade, sobre a anterior versión 3.2 polo que recomendamos a actualización a todos os seus usuarios.

Tradución

Nesta última versión 3.2.1,
tanto o aplicativo como a Axuda están en proceso de ampla revisión co obxectivo de ofrecer a tradución con máis alta calidade posíbel. Estanse aplicando os avances terminolóxicos da comunidade así como unha homoxeneización interna global da que carecía ata agora xa que desde o 2006 realizáronse varias vagas de tradución que foron ampliando a porcentaxe de galeguización pero sen aplicar unha revisión sobre etapas anteriores. OpenOffice.org 3.2.1 ten logo unha tradución en curso de mellora que agardamos que culmine na nova versión 3.3 prevista para este outono.

Participa

O proxecto de tradución precisa máis voluntarios. Hai moitas maneiras de colaborar (tradución, probas, difusión, formación, etc.). O proxecto de galeguización está aberto a calquera que teña interese en colaborar, para iso non dubidedes en pasarvos pola páxina do proxecto (blog.openoffice.gl), onde poderedes contactar directamente coa coordinación do equipo de tradución para involucrarvos no proxecto.
Probablemente OpenOffice.org sexa un dos proxectros máis importantes de software libre e unha das traducións con máis transcendencia en galego.