Únete

Que é o Proxecto Trasno?

O Proxecto Trasno é unha comunidade independente e aberta de voluntarias/os que se dedican a localizar software libre ao galego. Daquela,

  • é un proxecto de colaboración por medio da Internet para traducir aplicativos e sistemas informáticos ao galego
  • é un proxecto que se dedica só ao software libre
  • é un proxecto formado por voluntarias/os, que contribúen o seu tempo e esforzo gratuitamente e con autoesixencia
  • é un punto de encontro para todos os que queremos que haxa tecnoloxía en galego, e tamén tecnoloxía para o galego
  • é un punto de referencia e reflexión para a necesaria creación, sistematización e difusión da terminoloxía informática en galego

A xente do proxecto comeza no ano 1999 e fórmase oficialmente coma o Proxecto Trasno no 2000. Dende o ano 2009 o Proxecto Trasno está amparado pola Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno,  que ten como obxectivo fundamental dar soporte legal, independencia e representatividade á comunidade Proxecto Trasno.

Anosar

Localizar software

O aguillón cultural para que os computadores nos falen galego ten xa unha longa tradición en galego. Arraiga como esforzo continuado por distintos grupos e iniciativas desde polo menos os anos 90 do pasado século XX, entre os que salientamos os precedentes de impacto social como Galego21, as Ciberirmandades da Fala, GzLiNuX, ou o noso precedente directo: GPUL-tradución pero a revolución informática é hoxe en día tan intensa, cambiante e global que segue a ser necesario anovar, estender e profundar nesta tarefa. Asemade das autoridades públicas responsábeis e as grandes corporacións privadas, que só garanten a normalidade para o castelán, a normalización lingüística do noso idioma propio debe ser un compromiso de calquera galego e de todas as institucións públicas e privadas, por civismo, por xustiza e por liberdade. Neste sentido somos irmáns de iniciativas e grupos de traballo como Softcatalá, Librezale, Softastur, Softaragonés, ou no ámbito da linguas romances europeas de grandes exemplos como Framasoft.

Que necesita o tradutor?

Para pode colaborar como tradutor cómpre :

  • que se saiba inglés, pois o software en orixe prográmase nesta lingua
  • que se saiba galego, pois traducimos ao galego
  • que se teñan uns coñecementos medios de informática (preferiblemente de sistemas tipo UNIX, como GNU-Linux)
  • que se comprendan as bases éticas e filosóficas da «cultura libre», do copyleft

mais, aínda que é certo que é necesaria esta serie de coñecementos previos, precísase especialmente xente que teña ganas de aprender porque:

  • pódese aprender ou mellorar o inglés traducindo
  • pódese mellorar o coñecemento de galego traducindo
  • e porque os detalles técnicos pódense ir adquirindo aos poucos, aínda que ao principio resulte complicado

De feito a comunidade de tradutores ao galego non só estivo e está composta por xente procedente da informática senón tamén doutros ámbitos e profesións moi diversas (deseñadores, filólogos, tradutores, biólogos, mestres, etc).

Pero ademais pódese colaborar de moitas outras maneiras: escribindo notas para publicar, xestionando as infraestruturas da comunidade, xestionando as redes sociais, difundindo as boas novas, probando as traducións e comunicándonos sen medo que atopamos erros na tradución do compañeiro, creando software para traducir, investigando, creando e depurando o modelo de lingua que utilizamos, redactando documentación, colaborando nas presentacións públicas do noso traballo,  doando recursos económicos ou de infraestrutura, etc.

Como ser un fosser (membro da comunidade do software libre)? Aquí tes unha explicación detallada do amplo ámbito en que se pode colaborar neste movemento de incidencia mundial.

axudanos

A cantidade de software que se pode traducir é inmensa e nunca se remata definitivamente porque o software muda, evoluciona, os responsábeis necesitan relevo ou xorden novas ramificacións tecnolóxicas como os móbiles, a Web, os sistemas operativos incorporados en calquera cousa, que cada vez teñen máis peso, así que sempre se precisa axuda. Se queres botar unha man traducindo, aquí van un resumo de «boas prácticas»:

  1. Rexístrate na lista de correo
  2. Escribe un correo á lista e preséntate: podes contarnos algo sobre ti e que aplicativos che gustaría traducir
  3. Bótalle un ollo á Guía de estilo da tradución e aos Termos frecuentes
  4. Bótalle un ollo á Introdución á tradución de software
  5. Familiarízate cun programa para traducir software (o que se chama unha ferramenta, que adoitan ser multiplataforma: Virtaal, Poedit,  OmegaT, etc. Mellor que sexa software libre para que te poidamos axudar.
  6. Sigue as instrucións que o coordinador, do grupo ao que te unes, che indique ou as instrucións da páxina oficial do proxecto.
Tamén podes botar unha man:
  1. informando de erros en traducións xa feitas no noso foro
  2. revisando as traducións xa feitas
  3. traballando en recursos lingüísticos, manuais, elaborando métodos e procesos de calidade e ou de axuda técnica no noso wiki
  4. difundindo que existen aplicativos xa traducidos, facendo campaña para que se galeguicen
  5. facendo guías ou titoriais de software en galego
  6. colaborando na realización de actos ou actividades de formación ou difusión

Que traduzo?

Se decides traducir e estás que non sabes a que meterlle o dente, podes comezar por mirar nos aplicativos que temos en proxectos activos, no menú Proxectos e unirte a ese equipo de traballo. Se non te convencen podes mirar os aplicativos que ti mesma/o usas acotío e que che gusten a ver cales son software libre e mirar a ver se xa se traduce.

Podes tamén achegar algo do teu tempo traducindo nas novas plataformas web, sen instalar nin configurar nada, nin asumir maior esforzo ca un pouco do teu tempo, comodamente desde calquera sitio (Crowdin, Pootle, Transifex, plataformas de tradución propias dos proxectos, etc. por aí tamén adoitamos estar estrebellando) Cando teñas unha idea contacta connosco. Se non tes nin idea de por onde comezar, pregúntanos a través da lista de correo ou nas redes sociais e recomendarémosche algún.

As posibilidade son amplas. Algúns exemplos:
  • Distribucións Linux: Debian, Mandriva, openSUSE , Ubuntu…
  • Contornos de escritorio: GNOME, KDE, LXDE, Xfce…
  • Ofimática: Koffice, LibreOffice
  • Multimedia: VLC, SMplayer, Blender, Inkscape, Scribus, KDELive…
  • Internet: Kopete, Pidgin, XChat, Liferea, Gwibber, Evolution, Kontact, Quassel…
Os grupos máis relevantes teñen unha páxina propia á que accedes dende o menú principal “Proxectos” . Cada proxecto ten información específica en cada unha delas. Tamén podes atopar información no wiki de Trasno ou desde logo preguntando tanto na lista coma facendo un comentario no mesmo web, que responderemos o mellor que saibamos. Tamén podes preguntar abertamente en sitios como Preguntoiro ou Oque.gal e, naturalmente os proxectos de software libre teñen foros, listas de correo, páxinas de coordinación e persoas que che van axudar no que poidan.

8 comments

  1. Non sabendo inglés; sendo o meu galego coloquial e nada ortodoxo; non podo contribuir traducindo.
    Así e todo, detectei en LibreOffice e Apache OpenOffice hai algúns erros na traducción dos nomes de funcións en CALC tales como nomes idénticos para funcións
    diferentes que coido compre corrixir.
    Cómo vo-las fago chegar?

  2. Eu estou axudando a traducir o twitter ao galego, e xa levamos moito feito. Pronto estará dispoñible para Ios e para Android e xa está dispoñible para ordenadores

  3. Isto de agregase a trasno é moi complicado, ademais quen usa hoxe en dia rolda de correo? fíxenme un lio para querer entrar na rolda de correos , como se amaña iso …

    1. Ola Xabier, máis sinxelo non pode ser:

      http://listas.trasno.net/listi

      As roldas de correo seguen a ser o estándar de participación de máis do 90% dos proxectos de localización de software (tradición dos desenvolvedores). A alternati va son aqueles proxectos que utilizan unha plataforma web como Ubuntu (que utiliza Launchpad.net) ou Creative Commons (que utiliza Transifex.net) e aínda moitos outros que combinan listas e web como LibreOffice.

      1. Á lista xa me suscribin, pero coma se non me suscribirá, nin me manda mensaxes, nin podo entrar, e agora incluso para postear aqui, pideme o e-mail, non era máis fácil un sistema de foros? unha só nick e moverse por toda a web?

      2. Pois xa é a segunda vez que che respondo, é esto non furrula, tampouco o de darse de alta na rolda de correo, non pasa nada nin sequera hai un e-mail de benvida ou confirmación …

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*