Nesta páxina recolleremos os resultados derivados das diferentes Trasnadas realizadas polo Proxecto Trasno. Publicaremos os acordos sobre terminoloxía en formato estándar TBX (Term Base eXchange), así como o impacto que poidan ter eses resultados noutros eidos da localización de software libre.
Durante estas xuntanzas resolvéronse vellas discusións como a de «window», de «tab» ou «firewall», o que supón un gran avance na homoxeneización das traducións ao galego.
Impacto das Trasnadas
Pology
O traballo de asentamento de terminoloxía xa se incorporou a ferramentas de comprobación automática como o Pology, e con ese obxectivo, o trasnego Marce Villarino creou as regras de comprobación para as traducións que aplicaron os consensos acadados pola comunidade. Estas regras xa están integradas na versión oficial de Pology.
Con estas regras xa se corrixiron ducias de traducións en varios dos programas máis importantes do Proxecto Trasno, como Xfce, KDE e GNOME. Desta maneira os acordos das Trasnadas pasan a ser o estándar efectivo actual de aplicación xeral.
O Pology pódese descargar, xunto coas regras para o galego, desde o repositorio de subversion de KDE executando a seguinte orde nunha liña de ordes:
svn co svn://anonsvn.kde.org/home/kde/trunk/l10n-support/pology
Para obter máis información sobre como usar Pology para realizar comprobacións, pódese consultar no apartado “Revisión”, sección de GNOME no wiki do Proxecto Trasno.
Glosarios en formato TBX
Ademais publicáronse os resultados no formato terminográfico estándar TBX (Term Base eXchange) tanto para que poidan ser usados nas ferramentas de asistencia para a tradución (TAC) como para recoller todos os datos pertinentes e documentar os acordos adoptados. Este glosario irase ampliando coas achegas das futuros acordos nas «Trasnadas» periódicas que organiza a nosa asociación. Pode descargar o glosario cos acordos das diferentes Trasnadas empregando a seguinte ligazón:
- Recomendado! Descargar glosario cos acordos de todas as Trasnadas ata a Trasnada 12.0 (incluída) adaptado ás ferramentas
Ademais está dispoñíbel para a descarga o ficheiro TBX cos acordos de todas as Trasnadas xunto cos termos do antigo glosario do Proxecto Trasno:
Este glosario compendio tamén se irá ampliando cos acordos das sucesivas «Trasnadas» que organiza a nosa asociación.
Páxina web dinámica para a consulta dos acordos terminolóxicos
Para facilitar a consulta de todos os acordos das Trasnadas así como das entradas do antigo glosario do Proxecto Trasno que aínda continúan vixentes, o Proxecto Trasno creou unha páxina web dinámica que se pode abrir e consultar con calquera navegador web. Para poder realizar unha consulta dinámica é imprescindible que o navegador web empregado teña activado Javascript, en caso contrario a páxina será totalmente estática aínda que se poderá seguir consultando a terminoloxía empregando as capacidades de busca do navegador.
Esta páxina dinámica irase actualizando tamén a medida que se incorporen novos acordos das sucesivas «Trasnadas».
A páxina tamén se pode consultar en http://termos.trasno.gal desde calquera ordenador con conexión á Internet.
One comment
Comments are closed.