O Proxecto Trasno é unha comunidade aberta de voluntarios que se dedican a localizar software libre ao galego. Isto é,
- é un proxecto de colaboración por medio da Internet para traducir aplicativos informáticos ao galego
- é un proxecto que se dedica só ao software libre
- é un proxecto formado por voluntarios, que contribúen o seu tempo e esforzo gratuitamente
- un punto de encontro para todos os que queremos que haxa tecnoloxía en galego
Dende o ano 2009 o Proxecto Trasno está amparado pola Asociación Cultural para a Galeguización de Software Libre Proxecto Trasno.
Algo de historia
As orixes de Trasno están en dous grupos que traballaban por separado. Na primavera de 1999 nace o grupo Gzlinux, fundado por Manuel A. Fernández Montecelo e Woden, para dedicarse á tradución de documentación (guías e manuais). Por outra banda, en xullo de 1999 iniciase no GPUL (Grupo de programadores e usuarios de Linux da Universidade da Coruña), un subproxecto coordinado por Jacobo Tarrío para a tradución das utilidades de GNU e de programas libres en xeral.
Ámbolos grupos evolucionaron por separado ata que a principios do 2000 membros dun e doutro, así como xente que traballaba independentemente destes grupos, decidiron fusionarse nun único grupo. Este grupo, o nacente Proxecto Trasno, serviu dende entón como punto de referencia para todo aquilo relacionado coa galeguización do software libre. (Saber máis)
»» Únete