A AC Proxecto Trasno celebra a súa 1ª asemblea ordinaria do ano

«Dende a directiva da AC Proxecto Trasno queremos informar de que  este Sábado 17 de Xullo ás 16:30 no Centro Cívico de Monelos, na Cidade d’A Coruña, celebramos a primeira asemblea ordinaria do ano. A esta asemblea están chamados todos/as os/as socios/as para decidiren sobre da orde do día. Porén queremos facer extensivo este chamamento a todos/as os/as localizadores/as ao galego que non forman parte da asociación para que poidan coñecernos, preguntarnos e dar a súa opinión sobre dos temas que nos ocupan ou mesmo asociarse.

Previo á cita celebraremos un xantar informal, así que no tocante ao persoal, está é unha xuntanza de amigos e compañeiros de grupos de traballo que espero que todos os asistentes desfrutemos. No tocante á asociación, dende a directiva esperamos que a asemblea nos sirva de catálise definitiva neste novo arrinque do Proxecto Trasno.

Na asociación confiamos que neste ano de traballo marquemos as bases dun futuro próspero para a localización ao galego: renovando e ofrecendo novos espazos e servizos, recursos e apoio a todos os tradutores. »

Miguel Branco

Presidente da AC Proxecto Trasno

Para informarse ou preguntar sobre da reunión, póñanse en contacto neste enderezo de correo.

Teñen un mapa detallado do lugar de encontro embaixo.

Ver 1º Asemblea de Trasno 2010 en un mapa más grande

MeeGo acada o 100% na súa localización ao galego da man de Proxecto Trasno

O núcleo de MeeGo o S.O. libre para equipos portátiles dos tipos netbook, smartphone, integrados en vehículos,  etc… que ven ser o proxecto resultante da fusión de Moblin (Intel) e Maemo (Nokia), hospedado pola Linux Foundation, ven de quedar traducido ao 100% ao galego.

Salientar que, neste momento, o galego é o unico idioma que acada a súa total tradución.

A tradución de MeeGo levase da man do seu coordenador, Felipe Xil, desde Proxecto Trasno e nel colaboran Xose Calvo e Miguel Anxo Bouzada. Traducese a traves dunha interface en “Transifex” que permite o traballo en local, co que resulta moi doado e sinxelo o seu mantemento.

Só nos queda agardar que integren o antes posíbel este traballo nas actualizacións da actual versión 1.0

Engadir que a empresa lider en telefonía mobil no noso estado (e nalgúns outros) vai dar apoio a plataforma MeeGo

Parte do exito da tradución correspondelle ao equipo de Gnome, xa que MeeGo emprega actualmente este contorno, aínda que está a traballar tamén nun contorno baseado en KDE/Qt empregando Plasma

O Proxecto Trasno estivo nas VII Xornadas de Software Libre de Mugardos

A veterana Comunidade do Zulo de Mugardos, que traballa dende o 2003 puxando polo software e a cultura libre, quíxonos convidar este ano ás súas VII Xornadas de Software Libre, que se celebraron este pasado 26 de Xuño na casa do Concello de Mugardos.

Alí puidemos desfrutar do programa preparado que incluía:

  •  Achegamento a Ubuntu 10.04 – Oscar Amor
  • Drupal, máis que un xestor de contido – Alberto Permuy
  • Presentación Asociación Comunidade O Zulo
  • Procesos de localización ó galego – Miguel Bouzada e Miguel Branco do Proxecto Trasno
  • P2P: estado actual, Somos todos piratas? – Carolina Montero
  • Dominios interoperábeis. A convivencia é posíbel: Sistemas libres e privativos. Asociación Ghandalf (Roberto Vieito)
e como non, desfrutar da compañía da xente da comunidade. Dende o Proxecto Trasno agradecémoslle ao Concello de Mugardos e aos amigos da Comunidade do Zulo a súa amabilidade e simpatía. Para calquera que se acerque a Mugardos agora podémoslle recomendar unha visita ao peirao e o polbo que se prepara na vila.
As xornadas foron retransmitidas en liña ao vivo.

GALPon MiniNo chega a súa 1.2 RC1

Os desenvolvedores da distribución Linux GALPon MiniNo acaban de anunciar que está dispoñible a versión 1.2 RC1. Nesta nova fase de desenvolvemento hanse depurar os erros antes do lanzamento final da nova versión 1.2. Dende o proxecto piden xente que colabore probando a distribución e informando deses erros que aínda poida haber.

GALPon MiniNo, nada no 2008 da conxunción de dous proxectos independentes,  é unha distribución pensada para ordenadores con poucos recursos de hardware e construída sobre dunha base Debian Lenny. Emprega un entorno de escritorio construído con ROX-Filer e IceWM e ven xa con aplicativos lixeiros para traballos ofimáticos e multimedia. A distribucións está patrocinada polo grupo de amigos de Linux de Pontevedra, GALPon.

A distro do gatiño, con alma entre galego e andaluza, convértese con cada lanzamento na única derivada de Linux que sae cento por cento na nosa lingua, amais de en castelán.

Dende o Proxecto Trasno mandámoslles as nosas felicitacións aos desenvolvedores e desexámoslles moito éxito na nova versión.

Visitade a páxina do proxecto e descargádea!.

1 37 38 39 40 41