GALPon MiniNo chega a súa 1.2 RC1

Os desenvolvedores da distribución Linux GALPon MiniNo acaban de anunciar que está dispoñible a versión 1.2 RC1. Nesta nova fase de desenvolvemento hanse depurar os erros antes do lanzamento final da nova versión 1.2. Dende o proxecto piden xente que colabore probando a distribución e informando deses erros que aínda poida haber.

GALPon MiniNo, nada no 2008 da conxunción de dous proxectos independentes,  é unha distribución pensada para ordenadores con poucos recursos de hardware e construída sobre dunha base Debian Lenny. Emprega un entorno de escritorio construído con ROX-Filer e IceWM e ven xa con aplicativos lixeiros para traballos ofimáticos e multimedia. A distribucións está patrocinada polo grupo de amigos de Linux de Pontevedra, GALPon.

A distro do gatiño, con alma entre galego e andaluza, convértese con cada lanzamento na única derivada de Linux que sae cento por cento na nosa lingua, amais de en castelán.

Dende o Proxecto Trasno mandámoslles as nosas felicitacións aos desenvolvedores e desexámoslles moito éxito na nova versión.

Visitade a páxina do proxecto e descargádea!.