FAQ

Sobre do Proxecto Trasno

1. Que é o Proxecto Trasno?

É o proxecto de tradución e adaptación (localización) de software libre ao galego. Pretende ser o punto de encontro onde se reúnen todos aqueles que traballan na localización ao galego. O proxecto está formado exclusivamente por voluntarios, que altruistamente realizan esta labor. Tes máis información aquí.

2. Trasno é un acrónimo con algún significado?

Non é nada en concreto. Foi unha proposta de Francisco X. Vázquez Grandal que tras unha votación saíu elixida como nome do proxecto. Intentóuselle buscar algún xeito que definise o proxecto a partir de “trasno” mais non se conseguiu nada acaído. Ás veces tense dito de broma o sermos os “TRAdutores Sen NOme”.

3. Como xorde o proxecto?

(Ir á primeira mensaxe histórica da lista proxecto@trasno)

As orixes de Trasno están en dous grupos que traballaban por separado. Na primavera de 1999 nace o grupo Gzlinux, fundado por Manuel A. Fernández Montecelo e Nuno André Novo (WoDeN), para dedicarse á tradución de documentación (guías e manuais). Por outra banda en xullo de 1999 iniciase no GPUL (Grupo de programadores e usuarios de Linux da Universidade da Coruña) un subproxecto, coordinado por Jacobo Tarrío, para a tradución das utilidades de GNU e de programas libres en xeral (A elección foi moi democrática ;-D).

Ámbolos grupos evolucionaron por separado ata que a principios do 2000 membros dun e doutro, así como xente que traballaba independentemente destes grupos, decidiron fusionarse nun único grupo.  Este grupo, o nacente Proxecto Trasno, serviu dende entón como punto de referencia para todo aquilo relacionado coa galeguización do software libre.

4. Por que traducir ao galego se xa temos o inglés, o portugués e o castelán?

E porqué non?  A normalización da lingua debería ser transversal e ter reflexo en todos os aspectos da nosa vida cotiá. As novas tecnoloxías son xa unha parte fundamental da nosa realidade cultural e  parece lóxico que o galego estea presente nelas. O motor fundamental que alenta aos voluntarios a dedicar horas de traballo e esforzo persoal a localizar é este. Así mesmo, á xente que se dedica á tecnoloxía tamén quere e precisa que poidan exercer o seu traballo na súa lingua, se for o galego.

5. Por que localizar só software libre?

Os aplicativos que non teñen licenzas libres, é dicir, propietarios ou privativos non están interesados ou non adoitan permitir a localización a linguas non maioritarias ou oficiais. Isto en parte é debido a que a localización é un proceso economicamente caro co cal decídese traducir só a linguas con moitos usuarios e que se espera vaian a resultar economicamente rendibles para a empresa propietaria do produto.  Tampouco existe habitualmente un interese por abrir a tradución ao público por diversos motivos: por manter segredos comerciais, por entender que non reporta beneficio ningún… Naqueles casos nos que se permite a tradución libre do aplicativo, adóitanse aplicar cláusulas restritivas para o autor da tradución. A este non se lle concede a propiedade da tradución, non ten a seguranza de que se remate usando a súa tradución, non se lle permite reutilizar a tradución etc.

Considerando o anterior e a realidade socioeconómica e sociolingüística, a lingua galega está e sempre estivo ignorada polos fabricantes de software privativo.

En cambio as propiedades do software libre facilitan a localización a calquera lingua. Que o software libre se poida modificar, compartir e reutilizar é unha garantía de que as traducións se poden facer, se usarán, se poderán mellorar e de que os usuarios poden compartir eses aplicativos en lingua galega cos seus amigos, sen restrición nin custe ningún.

Ademais, o mundo do software libre entende que a localización achégalles un recurso valioso aos usuarios: a liberdade de elección de lingua e promociona activamente que se localice. Ese proxecto sae gañando conseguindo novos sectores de poboación que o usen. Proba desta vontade é que as distribucións Linux e os ambientes de escritorio, que son os proxectos máis relevantes, están traducidos a centos de linguas de todos os tipos. Tradúcese a linguas con millóns de falantes e tamén a linguas de miles de falantes. Tradúcese a linguas oficiais e tradúcese a linguas non recoñecidas. Tradúcese a linguas vivas e tradúcese a linguas mortas ou artificiais.

Se non fose polo software libre non habería un sistema operativo cento por cento en galego como o que hoxe existe. Por todo isto, o proxecto fixo e fai unha aposta decidida polo software libre.

6. Entón, porqué hai software privado en galego?

Existen algunhas versións de sistemas operativos e aplicativos coñecidos que foron traducidos ao galego. O proxecto non ten ningunha relación con estas traducións. Esas traducións son froito do acordo comercial entre unha compañía de software a algunha entidade local ou administración.

O proxecto non considera ético o financiamento con fondos públicos de produtos que, primeiro, só reporten beneficios á empresa que vende ese produto e, segundo, que non libere as traducións e os recursos xerados durante a localización.

7. Non se encargou a administración da tradución de software libre?

Si, puntualmente. Nalgún momento a administración realizou ou subcontratou a tradución de determinadas versións de aplicativos coñecidos ao galego. Porén, os aplicativos continuamente liberan versións con novas traducións así que ter localizados eses aplicativos require un esforzo continuo. No caso da Administración significaría o financiamento continuado deses proxectos e iso, entendemos, é insostible.

Con todo, consideramos que é a comunidade de voluntarios a que se ten que encargar de facer, manter e mellorar as localizacións do software libre, sen prexuízo de que a administración o facilite ou ofreza medios ou persoal.

8. Hai máis grupos traducindo software libre? Que relación mantedes con estes?

Ao longo de todos estes anos foron varias as iniciativas que apareceron para promocionar a lingua galega nas novas tecnoloxías, cuns ou outros obxectivos. Tamén, ao longo deste tempo houbo xente que se dedicou á actividade sen participar en ningún grupo. Hoxe por hoxe, hai algún grupo con obxectivos non exclusivamente de localización ou con posicionamentos diferentes ao noso e tamén xente que independentemente mantén algunha localización. Con todos mantemos ou intentamos manter relacións cordiais e de invitación á colaboración.

Porén durante todo este tempo ningún grupo dedicado á localización callou como o fixo o Proxecto Trasno. Proba disto é o labor continuado de máis de dez anos e de que todos os coordinadores das localizacións máis relevantes do software libre están involucrados no proxecto.

9. Como contacto convosco? E como podo colaborar?

Podes contactar connosco tal e como che explicamos aquí.
Para por colaborar primeiro diríxete aquí e logo contacta connosco. De bo grado te guiaremos nas túas dúbidas e axudarémosche a comezar a localizar. Precisamos xente para seguir facendo informática en galego!

Non só nos podes axudar traducindo. Tamén podes:

  • difundir que existe informática en galego e promocionando o seu uso
  • unirte aos nosos grupos en redes sociais e difundir o noso labor
  • corrixir erros en aplicativos, dos que podes informar na lista, nas redes ou nos comentarios
  • elaborar recursos lingüísticos ou titorías de software libre no noso wiki
  • axudándonos a elaborar terminoloxía en galego:  para isto contacta con nós por correo
  • contribuír patrocinando á Asociación Proxecto Trasno, para que no proxecto teñamos medios ou recursos

10. Que normativa seguides?

Cada tradutor é libre de seguir a norma que estime correcta xa que traducir é unha actividade voluntaria. Malia a todo, consideramos que o debate normativo non nos pertence a nós senón que lle corresponde aos filólogos e expertos na materia e á sociedade no seu conxunto. Así que nos grupos, nos que hai varias persoas traballando, axustámonos á norma da Real Academia Galega por ser a considerada oficial. En consonancia, a guía de estilo xeral que recomendamos está baseada nesta norma.
Isto non exclúe de que quen queira realice traducións a normas diferentes como a da AGAL. Calquera interesado en facelo terá a nosa axuda para todo o que precise.

11. Atopei erros nas traducións. Como se poden corrixir?

As traducións non están libres de erros. Tampouco as traducións realizadas por empresas, de produtos libres ou privados, o están.
O tradutor púidose equivocar entendendo o texto inglés, redactar mal, introducir unha falta de ortografía, un espazo de máis… Ademais algúns aplicativos teñen traducións que poden estar feitas fai anos con outras revisións da norma ou noutra normativa, ser feitas por varias persoas en diferentes momentos e non casar, non ser revisadas… Hai proxectos para traducir tan grandes que é moi laborioso revisar toda a tradución así que nestes é case inevitable que existan erros.
Porén, aspiramos á perfección 🙂  así que ante calquera erro podes:
  • avisar na lista dese erro, describíndoo, dando información de en que aplicativo está e en que versión concretamente
  • ou corrixilo ti mesmo se sabes como acceder ao ficheiro de tradución e logo remitilo ao proxecto
Se o erro está un proxecto que coordinamos nós comprobarémolo e corrixirémolo. Se non está nun proxecto noso contactaremos co tradutor deste e informarémolo para que o corrixa.

Sobre da Asociación Proxecto Trasno

1.- Que é a Asociación Proxecto Trasno e para que existe?

A Asociación proxecto Trasno é unha asociación autonómica sen ánimo de lucro que ampara ao Proxecto Trasno. Foi creada polos propios membros do grupo no 2009 co ánimo de resolver problemas existentes e de impulsar o labor do proxecto de cara a afianzalo no futuro.  A asociación ocúpase de:

  • asistir e formar os localizadores
  • manter a infraestrutura do proxecto
  • crear e manter novos servizos de axuda aos localizadores
  • representar o proxecto ante a Administración e outras entidades ou colectivos
  • promocionalo

A asociación non ten ánimo de lucro e o financiamento que poida existir está destinado a cubrir os gastos de aloxamento e mantemento dos servizos do Proxecto así como a cubrir os gastos de actividades de formación, promoción e difusión da actividade de localización. Obviamente tamén os custos do propia existencia e actividades como asociación con responsabilidades cara os seus socios.

2. É necesario pertencer á asociación para participar no Proxecto?

Non absolutamente. Calquera se pode unir a Proxecto Trasno e non estar inscrito como socio da asociación correspondente. Iso si, é requisito indispensable participar no Proxecto para poder rexistrarse na asociación: é dicir, todos os asociados son tradutores.

Porén, suxerímoslle ás persoas que localicen software libre que se inscriban na asociación. Rexistrándose como tales poderán participar na toma de decisións da asociación, que ao cabo, repercuten na dirección e sustentabilidade do proxecto.

Usar aplicativos en galego

Que programas están en galego?

Hai literalmente centos de aplicativos de software libre en galego. As principais distribucións GNU-Linux (Ubuntu, openSUSE, Mandriva), os principais ambientes de escritorio (GNOME, KDE, Xfce) e os seus aplicativos asociados (Amarok, K3b, Digikam, Banshee, Gwibber, Evolution…) e outros (VLC, SMplayer, Minitube…) están xa en galego. Isto non quere dicir que non precisemos axuda 😉

Onde consigo as traducións e como as instalo?

Se vas instalar Linux ou calquera outro SO escolle o noso idioma durante a instalación. Se xa o usas pero non están en galego asegúrate de que no panel de control ou na configuración da distribución, no apartado de linguas, de que escolleras o galego. O sistema obterá automaticamente os ficheiros necesarios para que todos os programas pasen a estar en galego así como correctores ortográficos e outros recursos da lingua.

Se usas Mac OS X ou Windows, na meirande parte dos casos só terás que escoller o noso idioma, quizais necesariamente facendo unha instalación «personalizada» durante a instalación ou nas preferencias do aplicativo.

Poida que algún aplicativo precise que instales o paquete de lingua por separado. Nese caso deberías ter información de como facelo na súa páxina web.

Onde consigo software libre?

Podes descargar as distribucións Linux e todos os aplicativos libres de balde da Internet. Tes información na wikipedia das distribucións máis coñecidas e as páxinas web de cada unha delas.

Calquera dos grupos de usuarios de Linux de Galicia te pode axudar a buscar software libre. Tamén nós. Algúns deles teñen locais sociais ata onde te podes acercar para que che mostren e instalen software libre ou nos encontros, xornadas, obradoiros que organiza a comunidade de software libre galega encontrarás apoio.

Leave a Reply

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*