A Mesa gaña o II premio Rosalía de Castro de Lingua

A Mesa pola Normalización Lingüística recolleu este pasado sábado o premio Rosalía de Castro de Lingua, convocado pola Deputación da Coruña e que nesta segunda edición lle foi concedido a organización. Desde o Proxecto Trasno queremos darlle os nosos sinceros parabéns.

A concesión do galardón publicouse o pasado 26 de abril durante unha rolda de prensa na que se salientou que se trata dun premio honorífico e sen dotación económica, e que recaeu na Mesa pola Normalización Lingüística “pola súa traxectoria de 25 anos a prol da normalización da lingua galega en moitos ámbitos sociais e públicos e como impulsora continuada da legalidade derivada da Lei 2/1983 de normalización lingüística de doutras leis autonómicas e do Estado”.

O acto formal de entrega do galardón tivo lugar este pasado 7 de maio, durante a IV edición da Festa da Lingua que se celebrou en Carballo.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística impúxose a outras sete candidaturas, “todas elas merecedoras do premio”, segundo manifestou o voceiro do xurado. Entre as candidaturas incluíase a nosa candidatura, a do Proxecto Trasno, e que foi presentada por segundo ano consecutivo por varios Grupos de usuarios de software libre de Galicia. A estes colectivos e entidades querémoslle agradecer o esforzo de redacción da prosta e a entrega da candidatura ao premio. Desde o Proxecto Trasno seguiremos traballando arreo coma ata agora, poñéndolle futuro ao galego.

A Eduard Punset gústalle o Cinestable

punsetOs rapaces da asociación Inestable veñen de anunciar que a Eduard Punset lle gusta o Cinestable, o primeiro festival de curtas con Creative Commons que se fai en terras galegas (e a trasno tamén 😉 ). O polifacético catalán regaloulles a súa última obra de divulgación «A viaxe ao poder da mente» cunha dedicatoria, do seu puño e letra, para o festival .

Algún afortunado de entre o público que asista a gala do día 5 poderá levar a casa o exemplar asinado por Punset. Será alguén de entre todos aqueles que participen na votación do premio do público a mellor curta do festival quen poida saborear esta lectura que descobre nunha «viaxe intima» os misterios do funcionamento da mente humana cun exemplar asinado polo autor. Esta obra pecha a triloxía composta por «A viaxe á felicidade» e «A viaxe ao amor», ambas grandes exitos que veñen de abraiar a millóns de lectores. Para alguén que  é xurista, escritor, economista e político tal éxito demostra ademais que é un brillante divulgador científico. Sen dúbida, un bo regalo.

Aproveitamos para recordar que a AC Proxecto Trasno participa nesta iniciativa co premio á mellor curta en galego. Animámosvos a presentar as vosas cintas en CC e senón a vernos na gala deste próximo día 5 na vila de Ordes!.

 

 

Inestable convoca o “I Festival Cinestable”, e Trasno estará alí

minnelli_logoOs nosos bos amigos de
Inestable acaban de convocar o
I Festival de curtametraxes Creative Commons Cinestable
, que se celebrará este vindeiro 5 de Agosto en Ordes.  Os trasnegos teremos o inmenso pracer de poder estar alí apoiando esta pioneira iniciativa galega!.

Cartel do Cinestable

O festival, que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura de Ordes, A Coruña, consta dun concurso de curtametraxes e unha gala de proxección de cine con licenza Creative Commons, onde se proxectarán as mellores cintas a nivel mundial. O festival rematará coa entrega dos premios ás mellores curtas. A entrada ao festival está aberta a todo o público: así que non faltedes!.

Para o concurso, calquera que presente unha cinta con licenza CC pode optar a levarse os máis de 800€ en premios que conceden os Inestables. Cintas en calquera lingua e calquera temática de calquera produtor do estado serán válidas. Os trasnegos estaremos alí para outorgar o premio á mellor curta en lingua galega!. 

O prazo de entrega de cintas xa está aberto. Se tes unha curta licenciada en Creative Commons, preśentaa e senón ainda podedes discorrer un pouco, facer un guión, coller unha cámara e producir unha. Amateur ou profesional, todo vale.  Visita a páxina do concurso para coñecer as bases e como entregar a cinta.

A Asociación Inestable leva case unha década promocionando o software libre e a cultura libre na comarca de Ordes.  Dende trasno desexámoslle moita sorte con esta novidosa iniciativa!.

O novo Proxecto Trasno

Despois de 10 anos traballando a prol do software libre en galego (SwL, en diante) ou, se preferides do galego no SwL, despois de constituír a  Asociación  que represente legalmente ao voluntariado, cando sexa necesario, chegou o momento de presentar unha imaxe máis acorde cos tempos, de aí este novo web. Pero non é unha nova cara para os mesmos contidos, xa que incorporamos novas ferramentas e novas maneiras de establecer comunicación cos usuarios e entre os tradutores… que no fondo é o que serviu de catalizador para constituír a  Asociación . As novas ferramentas son o TiBoXeGlósima, delas falaremos despois; entre os novos medios están o noso foro, os perfís en Facebook, Twiter, Latri.ca e en Identi.ca. Pero seguimos tamén coa  lista de correo  que  funcionou ata agora  como canle principal.

Incorporamos tamén blogs para cada proxecto de tradución, nos que os seus coordinadores poderán ir informando de cada paso, temos tamén unha plaforma de tradución en liña (Pootle) e unha wiki  máis estensa e mellor artellada que a que viñamos utilizando; nela xa engadimos moita documentación útil para os tradutores, e máis que seguiremos a xerar.

 

TiBoXe do que falabamos antes é unha ferramenta libre (GPL) de consulta de terminografía informática, nacida no seo de Proxecto Trasno; o desenvolvedor principal é Fran Diéguez, coordinador do equipo de tradución de GNOME. Este aplicativo web aliméntase do traballo xa feito, das memorias de tradución de cada versión e dos glosarios lexicográficos xerados con elas. Para os máis técnicos diremos que é unha interface de corpus de traducións de software.

O  Glósima do Proxecto Trasno é un servidor de terminoloxía en web para o debate e a fixación terminolóxica ao servizo dos tradutores de software. Daquela, é un servizo complementario do TiBoXe. Con el pretendemos recuperar e sistematizar o inmenso traballo de afinación da terminoloxía da localización (adaptación) ao galego, tanto a elaborada polo propio Proxecto Trasno como por todos aqueles que se preocuparon con esta cuestión ao longo de máis de 15 anos. Hai miles de termos e miles de horas de esculca e debate para compendiar, moitos deles que foron estudados exclusivamente por tradutores vinculados ao Proxecto Trasno.  O sistema permite a definición de glosarios por idioma/s, ámbito e mesmo o grao de complexidade dun glosario; como servizo de comunidade xestiona o debate ata chegar a unha solución neolóxica que pretende servirlle ao tradutor como referencia de autoridade colectiva. Tamén así pretendemos facilitar o traballo dos investigadores do idioma e dar a coñecer a realidade de que o galego é unha lingua vivísima e perfectamente capaz para ser utilizada no sector tecnolóxico, que non ten máis problemas dos que calquera outra lingua de cultura ao enfrontarse ás últimas tecnoloxías da sociedade da información. Por estas razóns o sistema é necesariamente complexo e, neste momento está dando os seus primeiros pasos. O traballo principal recae en Leandro Regueiro,  J. Chaves e Antón Méixome, coordinador do proxecto galego de OpenOffice.org. Esta ferramenta tamén é libre (GPL) e todo o contido que aloxa fai parte libre da cultura en galego.

Agardamos que este traballo dea o seu froito, séndolles útil ás persoas para ás súas necesidades de presente, de futuro; para todos e todas  fornecemos aplicativos populares e de calidade contrastada. O Proxecto Trasno é agora máis aberto, máis funcional e máis interoperable, con fe anovada no software libre e na forza do traballo colaborativo.

1 5 6 7 8