A OSL do CIXUG e Trasno formarán a futuros profesionais da tradución na localización de Software Libre ao galego

Aberto prazo de inscrición para o público en xeral ata o domingo 21 de dutubro. De haber quórum suficiente repetirase o obradoiro en aberto.

Os vindeiros días 22 e 26 de Outubro, a Oficina de Software Libre do CIXUG, en directa colaboración coa nosa Asociación Trasno, organiza un obradoiro de localización de software libre para estudantes da Facultade de Tradución da Universidade de Vigo. Os 50 alumnos do curso, repartidos en dous grupos, formaranse nas ferramentas e técnicas para introducirse na tradución de software libre ao galego durante un total de 3 horas cada grupo.

Para optimizar os resultados da formación e incrementar o asentamento das competencias do alumnado na materia, o obradoiro será eminentemente práctico, traballando cada alumno co seu computador.

Durante o obradoiro abordarase o ciclo completo de localización dun aplicativo libre, neste caso MyPaint.

Os aplicativos de TAC (Tradución Asistida por Computador) que se empregarán serán Lokalize+Pology e exemplificarase a reutilización e produtividade das memorias de tradución e dos ficheiros estándares de intercambio de terminoloxía xerados pola comunidade de tradución ao galego do proxecto Trasno. Por suposto, estes recursos están dispoñibles no formatos abertos TMX e TBX.

Esta actividade está incardinada co labo”r de divulgación do Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución (GELT) que está constituído da Universidade de Vigo como grupo oficial de investigación.

A maiores, a organización abre un prazo de inscrición para o público en xeral interesado en recibir esta formación no campo da localización e tradución de software libre ao galego. De haber suficientes inscritos, cun mínimo de 10 persoas, realizaríase a formación o mércores 24 de outubro pola tarde nas instalación do Cuvi.

Todos os interesados en inscribirse neste obradoiro do día 24 deben remitir antes do domingo 21 de outubro un correo cos seus datos ao enderezo da OSL do CIXUG: osl@cixug.es.

NOTA X
Esta nova actualizase en breve cos horarios e demais detalles pendentes de confirmación.

—-
Estes obradoiros forman parte das actividades que a OSL e o Asociación Cultural Trasno realizan ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

O Grupo de Estudos das Tecnoloxías Libres da Tradución (GETLT) desenvolve as suas actividades en aspectos relacionados con:

– a análise e o fomento do uso do software libre na prática profesional da tradución;
– a análise e o fomento do uso do software libre na formación das persoas que se dedican a esta actividade;
– a visibilidade e a proxeción do traballo desenvolvido polas comunidades que colaboran na tradución de proxectos libres;
– o estímulo a cooperación de estudantes, docentes e profesionais da tradución coas comunidades que colaboran na tradución de proxectos libres.

O Proxecto Trasno estará na Libre Software World Conference ’12

O vindeiro 18 e 19 de outubro celebrarase a terceira edición da Libre Software World Conference na cidade da Cultura en Santiago de Compostela. A LSWC’12 será o maior evento realizado en España sobre o Software Libre e suporá un punto de encontro a nivel internacional grazas á participación de expertos e profesionais de diferentes países.

Nesta edición o Proxecto Trasno temos a oportunidade de impartir o relatorio do venres 19 ás 16:30.

No relatorio faremos un resumo da historia do proxecto e do software libre que temos posto en galego. Explicaremos ademais como apostar polo software libre nos permite poñer sen atrancos o galego nas novas tecnoloxías e con iso abrirlle futuro á nosa lingua. Introduciremos ademais o impacto do software libre na conservación de linguas minoritarias e e os puntos positivos na introdución de aplicativos en sectores específicos ou países emerxentes.

A asistencia ao evento é gratuíta. Agardámosvos!.

A AC Proxecto Trasno outorgará a «Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC» no Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre do 2012

A AC Proxecto Trasno participará este ano na V edición do «Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira (PFC) con Software Libre (SwL)» outorgando a «Mención especial á promoción da lingua galega nas TIC».

Coa concesión desta mención, cun premio por valor de 800€, pretendemos incentivar o desenvolvemento de software libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da localización de software libre ao galego.

Como se indican nas bases do premio, poden optar a esta mención aqueles proxectos:

  • que consistan no desenvolvemento de novas ferramentas de localización e tradución ou contribúan a algunha xa existente
  • que faciliten o traballo no campo da lingüística aplicada e a tradución
  • ou que melloren ou axilicen o labor de tradución e localización de software libre, especialmente ao galego

Nos proxectos con este fin valoraranse os seguintes aspectos:

  1. a inexistencia de solucións de software libre con capacidades semellantes, ou unha mellora substancial dalgunha solución xa existente
  2. o emprego de tecnoloxías libres e estándares abertos
  3. a utilidade para a localización de software e documentación libres

O Proxecto Trasno é punto de encontro do voluntariado de tradución de software libre ao galego. O proxecto leva activo e en pé dende finais do ano 1999 e abrangue aos grupos de tradución ao galego dos principais proxectos de software libre. A Asociación Cultural Proxecto Trasno naceu do seo do Proxecto Trasno no 2009 co fin de darlle soporte legal e mantelo viable de cara ao futuro.

Na ligazón do Premio ao mellor PFC en Software Libre están as bases deste premio.

NOTA: Esta actividade forma parte das actividades que a asociación Proxecto Trasno desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2012 da Xunta de Galicia.

Como traducir unha páxina html aproveitando as vantaxes de transformación a formato .po

Proxecto Trasno recolle nun excelente tutorial de Miguel Bouzada como organizar a tradución e localización dunha páxina en html.

Este como nace da necesidade de dispor dun xeito doado de tradución, de ficheiros de axuda e de páxinas web, feitas con HTML (.htm, .html, .xhtml).

Pensado, inicialmente, para que os desenvolvedores fornezan un método estándar para a tradución, aos tradutores sen perfil técnico, serve tamén para aqueles tradutores máis avanzados que queren simplificar procesos, ou fornecer métodos máis doados a compañeiros de equipo.

Neste documento imos ver os seguintes pasos para completar o proceso:

Traballo a cargo do(s) desenvolvedor(es) ou do coordinador de traducións

1 Preparación das ferramentas e ficheiros
2 Conversión de HTML a .po
Traballo a cargo do(s) tradutor(es)

3 Proceso de tradución
Traballo a cargo do(s) desenvolvedor(es) ou do coordinador de traducións

4 Conversión de .po a HTML
5 Tradución de .xml
Traballo que debe definirse se o fai o tradutor ou o desenvolvedor/coordinador

6 Tradución (?) de imaxes

O manual completo no noso wiki:

http://wiki.trasno.net

Apto para todos os públicos 🙂

1 4 5 6 7 8 10