Proxecto Trasno presenta o novo GNOME 3.20

Publicamos o novo GNOME 3.20 en galego

O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.20, completamente traducido ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.20 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28933 cambios realizados por 837 contribuidores aproximadamente.

Ampliar información en GNOME en galego

Día da lingua materna, fálalle galego, comunícate libremente

Dia_lingua_materna

Para que as novas xeracións e as futuras que están por vir teñan a oportunidade de utilizar o noso idioma cos medios que hoxe se utilizan, nós tamén nos sumamos ao Día da Lingua Materna.

Traballamos agora e sempre para que sexan libres e orgullosos falantes, escribentes, fotógrafos, matemáticos, físicos, deportistas, viaxeiros, astrónomos, funcionarios, xente da súa casa, para todas e todos.

O software libre é o voso aliado para utilizar o galego. En galego somos donos do noso, somos máis libres.

Os trasnegos

Novidades sobre o sitio web

Ave fénix do Proxecto Trasno

Como xa anunciamos en Ave fénix, o sitio web estivo caído e houbo que recuperalo. Froito diso decidiuse simplificar a cantidade de servizos, así como a súa localización, e polo tanto durante as últimas semanas o sitio web contivo unha gran cantidade de ligazóns rotas.

Agora mesmo a maior parte das ligazóns rotas deberían estar arranxadas. Por exemplo xa se poden volver descargar as memorias de tradución e os resultados terminolóxicos das Trasnadas. O servizo de consulta de terminoloxía está agora dispoñible no dominio termos.trasno.net que cremos que é moito máis fácil de identificar.

Desafortunadamente seguimos sen servizo para a consulta de memorias de tradución, aínda que temos algúns plans en marcha que esperamos que fructifiquen durante este ano de xeito que o novo servizo estará dispoñible nun futuro en memorias.trasno.net.

No referente ás memorias de tradución acabamos de publicar varias memorias novas en formato TMX, incluíndo a tradución de Moodle 2.7. Podedes descargalas na lista de memorias de tradución.

PuntoGal celebra o seu primeiro aniversario

Proxecto Trasno forma comprácese en formar parte da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal que xestiona para todos os galegos o dominio .gal

PuntoGal celebra o seu primeiro aniversario no Culturgal con deseños de ReiZentolopuntogal-nos

O dominio galego en internet celebra o seu primeiro aniversario con preto de 3.000 nomes rexistrados. Fai un ano que o rexistro do .gal está aberto á cidadanía sen restrición, concedéndose por orde de chegada. Para celebrar este aniversario, PuntoGal participará un ano máis no Cultural en Pontevedra, que ten lugar entre o 4 e o 6 de decembro, ocupando o stand 41. Con motivo da efeméride, a asociación presentará durante a feira o froito da súa colaboración con Rei Zentolo. Trátase dunha serie de deseños que homenaxea á revista Nós e outra na que se utiliza o humor como maneira darlle promoción o dominio.

Entre os dominios rexistrados neste primeiro ano figuran institucións públicas e privadas de todo tipo, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares. Estes usuarios escollen un .gal para promover a súa marca, salientando o valor engadido de ser galego e facer comunidade, conseguindo unha diferenciación clara en internet.

O apoio institucional da Xunta de Galicia que, co decreto 74/2015 regula a presenza na internet da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia baixo o dominio .gal, foi tamén importante para PuntoGal no 2015. Aínda que non foi o único. A asociación recibe continuamente mostras de apoio, dentro e fóra de Galicia, que axudan a manter vivo este proxecto singular e seguir loitando pola súa expansión. En palabras da directora xeral de .gal, Edita de Lorenzo, “seguimos traballando para que moitas das empresas privadas galegas vexan a vantaxe de ter o seu enderezo en internet no marco de .gal”. Esta labor de difusión e promoción é un dos obxectivos de .gal para o novo ano, aposta que se verá reforzada axiña cunha nova páxina web que contará, entre outras ferramentas, cun cadro comparativo de prezos dos diferentes rexistradores, un panel para as promocións vixentes e un sistema de publicación e difusión segmentada das noticias de interese que xera a asociación.

PuntoGal é unha entidade sen ánimo de lucro que ten o compromiso de reinvestir os beneficios que consiga unha vez consolidado o dominio en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. Por iso anima á cidadanía, unha vez máis, a rexistrar os seus dominios baixo este paraugas común. A asociación agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto. O dominio é voso.

Asociación PuntoGal

1 2 3 4 10