Celebramos o Día do Software Libre en Mugardos

Os trasnegos sumarémonos á comunidade de O Zulo de Mugardos para celebrar o «Software Freedom Day 2010», o día do Software libre que se celebra este 18 de Septembro.

Software Freedom Day 2010

A AC O Zulo de Mugardos, dentro do «Ciberencontro Kernel 2010», quixeron convocar a todas as comunidade do software libre galegas para celebrar con eles este evento, dentro do marco do Kernel 2010. O SFD é unha festividade pensada para:

  • “divulgar os beneficios que supón (tanto técnica, social e económicamente) o emprego de “FOSS” – aplicacións informáticas de código aberto e libres,nos eidos da educación, administración, ámbito doméstico, empresarial, técnico, …”
  • o fomento da igualdade de oportunidades mediante a tecnoloxía e o seu uso libre
  • promover o diálogo contrutivo sobre o dereito e responsabilidade da sociedade á liberdade da cultura e da información

O Proxecto Trasno, coma o resto de comunidades do software libre galega, estaremos alí para unirnos á celebración.

As actividades previstas para ese día, que comezará ás 11:00 horas, son:

  • Presentación oficial distribución do sistema operativo para computadores con poucos recursos, GALPon MiniNo 1.2. Desenvolvida polo Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon). A súa potencialidade e prestacións.
  • Obradoiro de instalación de GALPon MiniNo en computadores antigos,procedentes da renovación de equipos do Concello de Mugardos e que finalmente doará o Concello a asociacións e entidades sen afán de lucro.
  • Foro – debate «O FOSS, “software e cultura libre” na sociedade do século XXI» , coa participación de representantes dos GULs (Grupo de usuarios de linux e software libre) de Galicia.

Premio Trasno á mellor curta en galego do I Festival de curtametraxes Cinestable

O 5 de agosto tivo lugar en Ordes o I Festival de curtametraxes Creative Commons Cinestable, organizado pola asociación Inestable e que pretende promover a creación de obras libres ou creative commons. Entraron a concurso 11 curtametraxes e Trasno participou aportando un premio de 200 € á mellor curtametraxe en galego. Os outros premios eran o do xurado (600 €) e o do público (100 €).

O xurado trasnego con Dolores Iglesias, directora da curta pemiada como mellor en galego, RC14

O xurado de Trasno estivo formado por Miguel Branco, Xosé Calvo e Xabier Villar. O obxecto deste premio era promover a creación artística con licenzas libres en lingua galega e para isto tivéronse en conta o uso que se facía do idioma e a atención á corrección lingüística, sen valorar outros elementos, para os que estaban pensados os outros premios. Realmente, das 11 curtas, 10 estaban en galego. O xurado decidiu concederlle o premio a RC14, de Dolores Iglesias, unha historia centrada arredor dun reloxeiro que sospeita da súa muller e para a que prepara unha vinganza.

RC14, o noso favorito

 

Trasno no «Ben Falado!»

O espazo televisivo do Ben falado! de hoxe estivo adicado ao Proxecto Trasno.  O xa veterano programa da grella da TVG Ben falado! é un microespazo diario de cinco minutos adicados á lingua galega e presentado por Xesús Ferro Ruibal,  académico do centro Ramón Piñeiro.  O capítulo emitido hoxe, día 29 de Xullo,  foi rodado en Maio contando coa colaboración dalgúns dos membros do proxecto e nel tivemos a oportunidade de facer un pequeno repaso ao que é o noso proxecto e da dirección na que esperamos que avance.

Este vídeo, coma o resto dos contidos da canle, está dispoñíbeis en CRTVG televisión á carta.

Desexamos que o espazo servira para darnos a coñecer ao público xeral e para divulgar o noso labor no eido da lingua. Agardamos que, dun xeito ou outro, vos anime a colaborar connosco.

Dende trasno queremos agradecer a amabilidade e profesionalidade de todo o equipo do Ben falado!, moi especialmente  á Maria Carballeira.

 

O Proxecto Trasno estivo nas VII Xornadas de Software Libre de Mugardos

A veterana Comunidade do Zulo de Mugardos, que traballa dende o 2003 puxando polo software e a cultura libre, quíxonos convidar este ano ás súas VII Xornadas de Software Libre, que se celebraron este pasado 26 de Xuño na casa do Concello de Mugardos.
4745041721_0a06b09abc

Alí puidemos desfrutar do programa preparado que incluía:

  •  Achegamento a Ubuntu 10.04 – Oscar Amor
  • Drupal, máis que un xestor de contido – Alberto Permuy
  • Presentación Asociación Comunidade O Zulo
  • Procesos de localización ó galego – Miguel Bouzada e Miguel Branco do Proxecto Trasno
  • P2P: estado actual, Somos todos piratas? – Carolina Montero
  • Dominios interoperábeis. A convivencia é posíbel: Sistemas libres e privativos. Asociación Ghandalf (Roberto Vieito)
e como non, desfrutar da compañía da xente da comunidade. Dende o Proxecto Trasno agradecémoslle ao Concello de Mugardos e aos amigos da Comunidade do Zulo a súa amabilidade e simpatía. Para calquera que se acerque a Mugardos agora podémoslle recomendar unha visita ao peirao e o polbo que se prepara na vila.
As xornadas foron retransmitidas en liña ao vivo e podédelas ver de novo nesta ligazón, incluíndo o noso relatorio, claro está.
1 5 6 7