O editor html BlueGriffon en galego

Proxecto Trasno anuncia a dispoñibilidade da tradución oficial do editor html BlueGriffon.

BlueGriffon é un editor libre de páxinas web (html, css, etc) que pode ser descargado desde a súa páxina oficial.

Trátase dun novo editor de contido visual (WYSIWYG). Creado a partir do motor de renderizado web Gecko, o mesmo motor que Firefox, é unha solución moderna e robusta para editar páxinas conformes cos últimos estándares da Web.

A versión estábel actual é a 1.5.2 e está dispoñibel para Windows, Mac OS X e Linux.

Para galeguizar a interface en tanto non se incorpora a localización á vindeira versión pódese empregar un .xpi, que podes descargar desde a súa web.

A localización ao galego deriva dos traballos realizados polos seguintes alumnos e os tradutores de Proxecto Trasno que participaron no IV Fiadeiro de Software Libre da USC:

– Rubén González Bermúdez
– Jesús Manuel Saavedra Carballido
– Enrique Estévez
– Antón Méixome

Actualización das regras do Pology

As regras do filtro check-rules da ferramenta pology foron actualizados segundo os acordos da Trasnada 11.0.

Esta actualización presenta regras básicas polo que é de esperar que polo momento detecten grande cantidade tanto de falsos positivos como falsos negativos.

Para mellorar na escollas das regras a aplicar a cada caso particular, engadiuse un ficheiro README onde se explica a estrutura dos identificadores das regras.

Asemade revisáronse as licenzas dos distintos ficheiros, que se distribúen sob unha BSD de 3 cláusulas no caso dos ficheiros de regras e no da documentación a «The FreeBSD Documentation License».

O navegador Chromium e o S.O. ChromeOS traducidos ao galego

Despois de que o día 9 de decembro fose anunciada a apertura das traducións destes aplicativos ao través da plataforma «Launchpad» de Ubuntu, o equipo galego de tradución de Ubuntu (o Ubuntu Galician Translator) púxose mans a obra, constituíu o «Launchpad Galician Translators» e comezou a súa tradución. Froito deste esforzo foi o ter acadado a súa tradución total no día 19 de decembro, o que levou aos responsábeis a ternos felicitado publicamente, xa que fomos un dos primeiros idiomas en ter traducidos todos os ficheiros ao 100% (xunto co chinés e o éuscara).

Salientar que o galego partía en situación de desvantaxe fronte a outros idiomas, xa que a maioría (dos actualmente rexistrados) xa tiñan o navegador traducido, co que só lles restaba traducir o 40,25% do total.

1 2 3 4 5