Ubuntu 16.04 está na rúa

Acaba de publicarse a nova versión de Ubuntu 16,04 (LTS) con asistencia durante 5 anos e tradución completa ao galego. Ubuntu 16.04 que aparece co nome Xenial Xerus e unha especie de esquío como icona, xa non será compatíbel co controlador de gráficos propietario AMD Catalyst coñecido como fglrx. No seu canto, Canonical recomenda o uso de alternativas libres de Radeon e AMDGPU. Os que teñades unha tarxeta gráfica de AMD/ATI Raedon deberiades ter isto en conta antes de anovar xa que non haberá controladores gráficos propietarios AMD/ATI até presumibelmente finais de ano. Os controladores libres teñen funcionalidades limitadas que deberiades probar desde un Ubuntu CDLive ou USBLive antes de instalar o sistema no disco. Se non vos satisfai o seu rendemento quizais debades agardar polos novos controladores propietarios que se liberarán posteriormente, especialmente se es un «gamer».

Unha das principais melloras de Ubuntu 16.04 é a compatibilidade para paquetes Snappy (paquetes que incorporan as dependencias) coa idea de preparar o sistema operativo para Unity 8 e para unha futura integración cos aplicativos dos dispositivos móbiles, apuntando á converxencia de sistemas. Con isto Ubuntu ofrecerá un novo sistema de paquetería para mellorar a seguranza e a fiabilidade dos aplicativos e facilitar que os desenvolvedores poidan ofrecernos sempre as últimas versións dos programas válidas para todas as versións de Ubuntu. Non substituirán os paquetes .deb, pero ofrecen unha alternativa na que os aplicativos non estará subordinados ás dependencias para actualizarse.

O aplicativos empaquetados en Snaps estarán illados do resto do sistema, de xeito que poderemos instalos sen preocuparnos de que o proceso afecte ao funcionamento doutros aplicativos.

Novas funcionalidade do Ubuntu 16.04 LTS

  • Linux kernel 4.4: Ubuntu 16.04 LTS baséase nunha publicación de Linux da serie 4.4 con asistencia de longa duración.
  • Python anovouse á versión 3.5 aínda que Python 2 seguirá dispoñíbel.
  • O Centro de Software de Ubuntu desaparece para dar paso a un máis eficaz GNOME Software para descarga de aplicativos. Deste xeito a experiencia na tenda de aplicativos será máis rápida.
  • GNOME Calendar vén incluído predeterminadamente.
  • Empathy e Brasero xa non virá instalados na versión estándar.
  • Chromium vén anovado á versión 48.
  • Firefox vén anovado á versión 45.
  • Mellor integración do Iniciador co Nautilus.
  • Posibilidade de ter os menús sempre visíbeis.
  • As buscas en liña do Panel veñen desactivadas predeterminadamente como demandaban moitos usuarios desde hai tempo.
  • As teclas rápidas do HUD cambian de Alt a Alt+espazo. Os controis predeterminados das xanelas cambian a Alt+Súper para evitar incompatibilidades detectadas no funcionamento con xogos e escritorios virtuais.

ubuntu_16.04_launcher

Unity e Compiz

  • O 16,04 trae un Iniciador mellorado que se integra co xestor de ficheiros e os dispositivos.
  • Disporá dunha opción no centro de control de Unity para mostrar sempre os menús.
  • Novas barras de desprazamento superpostas no Panel
  • Posibilidade de mover o Iniciador á banda inferior da pantalla. Ubuntu 16.04 Desktop virá con Unity 7 pero co Unity 8 como opcional. Un dos grandes cambios visuais para esta versión é a capacidade de mover a posición do Iniciador ao fondo da pantalla. Aínda que non se fará de xeito doado para os usuarios básicos xa que haberá que tocar o editor da configuración. Alternativamente podemos instalar programas como Unity Tweak Tool para facer este e outro axustes.

Libre Office

LibreOffice 5.1 vén cun feixe de melloras, entre outras:

  • LibreOffice trae como predeterminado o tema Breeze de Ubuntu.
  • Mellora no guionizado (scripting) de Python e nas interfaces de programación de aplicativos (bindings).
  • Compatibilidade para WebDAV vía HTTPS.

Writer word processor

Engadida a posibilidade solicitada por moito tempo de agochar os espazos baleiros entre páxinas de xeito que todos os bordos superiores e inferiores das páxinas, os números de páxina e a área en gris entre elas poida ocultarse.

A combinación de correspondencia (mailmerge) in Writer pode usar follas de cálculo como orixe de datos http://vmiklos.hu/blog/mail-merge-embedding.html

E se xa decidiches anovar ou instalar o Ubuntu 16,04:

  • Vai a Software e actualizacións nos axustes do sistema.

    ubuntu_16.04_gnome-software

  • Selecciona a terceira lapela chamada Actualizacións.
  • Activa a opción «Notificarme de novas versións de Ubuntu» no menú despregábel e selecciona «Para calquera versión».
  • Preme Alt+F2 e escribe «update-manager» (sen comiñas) na caixa de ordes.
  • O xestor de actualizacións debería abrir e informar de que está dispoñíbel a nova distribución 16.04 LTS.
  • Preme Anovar e sigue as instrucións da pantalla.

Se non aparece ese aviso podes tentar forzar a anovación desde a liña de ordes executando:

sudo do-release-upgrade

Proxecto Trasno presenta o novo GNOME 3.20

Publicamos o novo GNOME 3.20 en galego

O Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.20, completamente traducido ao galego. Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100%.

GNOME 3.20 é a última versión de GNOME 3, resultado de 6 meses de duro traballo da comunidade de GNOME. Contén importantes características novas, así como de pequenas melloras e arranxos de erros. En total, esta publicación incorpora 28933 cambios realizados por 837 contribuidores aproximadamente.

Ampliar información en GNOME en galego

Owncloud, a nube autónoma en galego

Da man de Miguel Bouzada, tradutor e co líder do equipo de tradución damos a coñecer que o software Owncloud está xa adaptado ao galego ao 100% na súa nova versión 0.6 en desenvolvemento e que resulta un complemento que recomendamos como alternativo a solucións de código privativo tipo Dropbox.

O sistema Owncloud é unha solución autónoma e de software libre para a «nube» persoal ou para un grupo de persoas que necesitan compartir ficheiros de calquera tipo, especialmente os habituais na ofimática: documentos, gráficos, música, etc. e xa coñecemos varios casos de utilización intensiva entorno colaborativo no noso país, como por exemplo a Oficina de Software Libre das universidades galegas integrada no CIXUG.

Estamos a falar da edición colaborativa! E en galego! Esta función integrase nunha aplicación chamada «Documentos ownCloud» e será parte do ownCloud 6. A xente pode ver e editar os seus documentos de texto ODF directamente no navegador, dentro do seu ownCloud. Outra cousa interesante é que pode convidar aos usuarios da mesma ownCloud para traballar conxuntamente no mesmo documento con vostede. Ou pode enviar ligazóns de convite por correo-e ás persoas fóra do seu servidor para colaborar con vostede no documento.

O equipo de tradución integrado por varios membros de Trasno así como outros tradutores voluntarios atraídos pola utilidade deste software leva traballando silandeiramente desde hai varios meses e coordínase a través do sistema de tradución en liña Transifex: https://www.transifex.com/projects/p/owncloud/language/gl/

A nova versión do sistema Owncloud trae importantes novidades, en palabras do responsable do seu desenvolvemento :

Benvidos a «Documentos ownCloud»

Nos últimos meses traballouse nunha función que será moi útil e popular. Todo o desenvolvemento ocorreu nun repositorio público en GitHub, pero non falamos diso en público e talvez non era obvio para a xente que o atopaba por casualidade.

Varias persoas poden navegar ao mesmo tempo no mesmo documento con diferentes cursores, e vostede pode ver os cambios que se realizan polos diferentes usuarios en diferentes cores. Cada usuario é identificado polo nome e pola imaxe avatar que introducimos en ownCloud 6.

 

 

Integramos esta característica coa colaboración dos nosos amigos de KO GmbH . A parte navegador baséase en WebODF cunha nova infraestrutura ownCloud para cargar, gardar, compartir documentos e un sistema para distribuír os cambios do documento.

Esta característica é especial en varios aspectos:

  • Funciona unicamente no seu servidor. Non hai comunicación con servizos centralizados como Google; polo que os seus datos sempre están protexidos contra calquera vixilancia externa.
  • Non se introducen novos requisitos no servidor. Abonda con botar andar o ownCloud e poñer un documento na raíz de documentos do servidor web e xa temos o noso propio servidor de edición colaborativa. Isto é moito máis doado de instalar e executar que, por exemplo Etherpad.
  • Todos os documentos baséanse en ficheiros ODT aloxados no seu ownCloud. Isto significa que vostede pode sincronizar os seus documentos no escritorio e abrilos co LibreOffice, Calligra, OpenOffice ou Microsoft Office 2013 en paralelo. Ou pode acceder a eles a través de WebDAV, se o prefire. Obtén tamén todas as outras características do ownCloud como o control de versións, o cifrado, recuperar e así sucesivamente. Isto é moi especial, penso.
  • Todo o código é software completamente libre. O PHP e os compoñentes de JS publícanse baixo a licenza AGPL. Isto é diferente á maioría das outras solucións. Algúns deles afirman ser de código aberto, mais co uso de Creative Commons como unha licenza de código que non é software libre.

Teña en conta que isto é só a primeira versión desta gran función. Non todos os elementos ODT son compatíbeis, mais estamos traballando en mellórala considerabelmente no futuro. Imos investir dun xeito moi especial nisto porque creemos que esta é unha característica moi importante, e que é moi útil para a xente.

Pode atopar máis información sobre esta función, incluíndo un vídeo de demostración e todas as outras novas características do ownCloud 6 aquí:

https://owncloud.org/six

Documentos ownCloud é parte da Beta 1 do ownCloud 6 que pode descargar aquí:

ownCloud 6 beta 1

Grazas á gran comunidade ownCloud que integrou esta anovadora característica. Un agradecemento especial aos nosos amigos de KO GmbH. É un pracer traballar con vostedes. E grazas a ownCloud Inc., que patrocina o desenvolvemento de software libre.

ownCloud é construído por unha gran comunidade cun proceso de desenvolvemento completamente aberto. Todos son benvidos a unirse a nós e axudar a construír software que pode protexer a todos nós da vixilancia externa. Se quere que o mundo sexa un pouco mellor, únase a nós en https://owncloud.org.

 

1 2 3 5