Convidámosvos á festa de lanzamento de GNOME 3

Co lanzamento da versión 3, o proxecto Gnome dá un enorme salto cualitativo tanto dende o punto de vista tecnolóxico, como dende o punto de vista funcional. Deste xeito, a nova versión representa a nova xeración do escritorio libre por excelencia.
Para difundir a trascendencia deste lanzamento, o vindeiro xoves 28 de abril na aula 3.1 da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, celebraremos a Gnome 3 Lauch Party galega.
Para profundizar axeitadamente en Gnome3, temos preparado o seguinte programa:
  • 18:00 – 18:15    Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
  • 18:15 – 18:45    Presentación do proxecto GNOME
  • 18:45 – 19:15    Demo de GNOME 3
  • 19:15 – 19:45    GNOME 3  galeguizado
  • 19:45 – 20:00    Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3!!
A Launch Party galega está sendo organizada pola Asociación Ghandalf en colaboración coas Asociacións Gpul e a Asociación Trasno, contando co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Convenio 2011 coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre.
En base ao programa exposto, percorreremos a interesante historia do proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos disfrutar de Gnome 3 en galego dende o primeiro día.
Para rematar a launch party, repartiremos agasallos entre todos os asistentes. A maiores das camisolas, chapas, tazas, etc. conmemorativas do lanzamento, tamén podes conseguir un portatil con Gnome 3, listo para que poidas empregar a última versión deste exitoso escritorio libre!

Publicado o novo GNOME 3.0 ao 100% en galego

Benvidos ao futuro. Benvidos á nova versión do GNOME 3.0!

GNOME 3.0 é un fito moi importante na historia do Proxecto GNOME. Esta publicación introduce un novo paradigma no escritorio deseñado para os usuarios de hoxe en día e adaptado a un maior rango de dispositivos de computación.

As tecnoloxías de desenvolvemento de GNOME foron melloradas substancialmente nesta publicación 3.0. Modernizadas e racionalizadas, permitirá aos desenvolvedores fornecer unha mellora experiencia de usuario con menos tempo e esforzo. Ademáis GNOME 3.0 ven cos mesmos aplicativos de GNOME que os usuarios coñecen e nos que confían, a maioría dos cales recibiron importantes melloras.

Novidades no desenvolvemento

A versión 3.0 de GNOME introduce un novo escritorio. Elegante e bonito, foi deseñado para permitirlle ás persoas facer as cousas de forma sinxela, confortabel e baixo control. O escritorio 3.0 é a continuación do enfoque do Proxecto GNOME en fornecer un contorno de escritorio sinxelo de usar por todos. Esta versión inclúe unha gran cantidade de novas características.

Pode obter máis información sobre o escritorio de GNOME 3, incluíndo demostracións en vídeo, no sitio web específico de GNOME 3.

Novidades na tradución

En referencia á tradución, o Equipo de Tradución ao Galego do GNOME non quixo deixar de aproveitar o impulso e incríbel traballo dos desenvolvedores nesta publicación para tamén darlle un importante pulo ás traducións:

  1. Facendo, como xa é costume, que o idioma Galego sexa dos primeiros en ter completada a tradución.
  2. Mellorando a calidade das tradución mediante revisións ortográficas, técnicas e finalmente contextuais das traducións de tódolos aplicativos.

Podedes botar unha ollada ao noso traballo diario en http://l10n.gnome.org/teams/gl.

Agradecementos

Esta publicación non puido ser posíbel sen o intenso traballo e adicación da comunidade GNOME. Parabéns e grazas a todos os que o fixeron realidade. Finalmente eu, Fran Diéguez, como coordinador da tradución ao Galego quixera darlle unha especial mención neste caso aos que axudaron na tradución e apoiaron a mesma.

  1. Miguel Bouzada
  2. Darío Villar Veres
  3. Gonçalo Cordeiro
  4. Leandro Regueiro

e en xeral ao Proxecto Trasno grazas ao cal estamos facendo que os principais proxectos de Software Libre estean, tamén, na nosa ben querida lingua, lucindo con traducións harmonizadas e corrixidas.

Publicado o novo GNOME 2.32 co 100% da interface traducida e o 10% da documentación

Desde o grupo de tradutores de GNOME ao galego vimos de colaborar na publicación do GNOME 2.32 seguindo a planificación de desenvolvemento de GNOME. Trátase da última versión do escritorio GNOME da rama 2.x para a que de agora en diante só se publicarán versión de mantemento. Estamos moi ilusionados xa que este supón o último paso para chegar á esperada GNOME 3.0 que agardamos ter lista para abril de 2011

Como xa ven experimentando desde fai algunhas versións de GNOME, GNOME 2.32 atópase traducida ao 100% ao galego grazas ao todos os compoñentes da nosa pequena máis intensa comunidade de voluntarios de tradución ao galego de GNOME. Desde aquí queremos destacar o traballo de colaboración de Marcos Lans, Carlos Real e aos asistentes ao Curso de Localización de Software Libre da USC polo seu esforzo.

Un dos puntos máis salientábeis e novidosos desta publicación é que agora cóntase co 10% da axuda ao usuario traducida. GNOME está experimentando grandes cambios tecnolóxicos internos o que se reflicte na creación dunha nova documentación. Desde o grupo de tradución ao Galego de GNOME non quixemos deixar de aproveitar esta oportunidade e xa estamos levando a cabo o proceso de tradución desta nova documentación.

Animámosvos a que colaboredes con esta laboura contactando co gupo a través da rolda de correo de tradución ao galego de GNOME ou a través do Proxecto Trasno, do que formamos parte a meirande parte dos proxectos de tradución ao galego de Software Libre.

O escritorio GNOME 2.32 vén, como en cada nova versión, con características novas, melloras, solucións a erros e traducións, se ben é certo que GNOME 2.32 non presenta unha gran cantidade de novas funcionalidades nos aplicativos xa que os desenvolvedores de GNOME continúan enfocando o seu traballo na preparación da vindeira versión GNOME 3.0.

Ademais tamén foron traducidas as notas de publicación de GNOME 2.32 polo que todos os que esteades interesados en ver as características máis interesantes de cara ao usuario podedes velas desde alí.

Nova rolda de coordinación das traducións ao galego do GNOME

Logo dun proceso de votación dentro do grupo de tradutores de GNOME ao galego xa fai uns cantos meses e trala súa solicitude, a GNOME Foundation acaba de concederlle ao grupo de tradutores a rolda oficial gnome-gl-list almacenada nos seus servidores.

O novo enderezo da rolda é: http://mail.gnome.org/mailman/listinfo/gnome-gl-list 

Para enviar mensaxes a esta rolda pódese enviar un correo ao enderezo: gnome-gl-list en gnome.org.

Esta nova rolda ven a substituír a antiga rolda gnome@g11.net e pasará a ser o punto central de discusión e desenvolvemento do GNOME en galego usando a mesma infraestrutura que os compañeiros doutros idiomas levan usando dende fai bastante tempo.

O propósito desta rolda é ser o punto central onde os usuarios de GNOME en Galego poidan enviar erros de tradución e para os integrantes do grupo ter un punto centralizado de coordinación das traducións. Ademais ao estar aloxados nos servidores de GNOME permitimos que os membros ou supra-coordinadores de GNOME poidan ter un acceso directo connosco.

Nos vindeiros días tentarase importar as anteriores mensaxes que estaban en primeira instancia na rolda de Mancomun e na actual gnome en g11n.net

1 2 3 4