Publicado GNOME 3.8 en galego

De novo o Proxecto Trasno comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.8. Esta última actualización de GNOME 3 representa 6 meses de duro traballo do Proxecto GNOME.

Esta nova publicación ven cargada de novidades no software e tamén dun gran traballo de tradución, xa que mantemos o nivel de tradución da interface no 100% e estendémolo a tradución da documentación a máis módulos, chegando ao 48%.

3.8 é o resultado de 6 meses de traballo do Proxecto GNOME e contén 35936 contribucións de aproximadamente 960 persoas. Onde se puxo un especial enfoque en pulir os pequenos problemas e facer o sistema máis consistente.

Se está interesado en axudarnos a facer GNOME mellor, calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software.

Que hai de novo en GNOME 3.8

GNOME 3.8, como o seu predecesor, ven completo de melloras na interface de usuario. Conta con un gran número de novas funcionalidades, incluíndo unha Vista xeral de Actividades máis potente e pulida, a integración total das orixes de entrada para usar diferentes idiomas e tamén incorpora outras pequenas melloras. En conxunto, todos estes cambios fan de GNOME 3 un escritorio aínda mellor.

Entre as melloras poderíamos destacar:

  • Vista xeral de actividades: mellorouse aínda máis a forma de buscar elementos no seu computador. Agora a vista de actividades pode buscar ficheiros no seu computador, paneis de preferencias e contactos, ademais da tradicional busca de aplicativos instalados.
  • Privacidade e compartición: Como parte do obxectivo de protexer a privacidade dos nosos usuarios, 3.8 inclúe un conxunto de preferencias de privacidade e compartición, as cales lle permiten controlar quen accede ao contido no seu computador, canta información persoal se mostra na pantalla e que características que vixían a súa actividade están activadas.
  • Renderizado de animacións mellorado: GNOME 3.8 obtivo un progreso tecnolóxico significativo na forma que os gráficos animados se renderizan. Ao mellorar a coordinación entre os compoñentes responsábeis de mostrar gráficos animados, acadouse unha incríbel mellora de eficiencia e rendemento.
  • Detalles: inclúese un gran número de pequenos arranxos e melloras. Arranxáronse moitos detalles para fornecer unha experiencia máis pulida. Destacamos a inclusión de as novas transicións animadas, melloras visuais e arranxos de usabilidade. Algunhas destas melloras foron parte da iniciativa “Cada detalle importa”, que arranxou preto de 60 erros durante o ciclo de desenvolvemento de 3.8.
  • Modo clásico: Para todos aqueles que votan de menos o modo de experiencia de escritorio tradicional de GNOME 2, en 3.8 engadiuse de volta construído completamente con tecnoloxías de GNOME 3.
  • E moitas outras máis
Se quere ver unha lista máis detallada das novidades de GNOME olle as notas de publicación (tamén en galego),

Novidades na tradución ao Galego

Este ciclo supuxo unha continuación do traballo iniciado na anterior publicación. Grazas a este traballo alcanzamos o 48% da documentación traducida ao galego.

  • Tradución dos aplicativos de GNOME:  Como sempre mantemos o nivel de tradución da interface de GNOME ao galego no 100%. Seguimos a cumprir cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno.
  • Tradución da documentación base: Fran Diéguez segue a traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir e mellorando a anterior. Acadamos nesta publicación 3.8 un 48% da tradución, porén agardamos que na versión de revisión, que se publicará nun mes, academos o 50%.
Darlle especial mención a tódolos contribuidores puntuais e principantes que seguen a mostrar que a tradución de GNOME foi e seguirá sendo traballo de moitos.
Podes ver o traballo levado a cabo nas traducións día por día na seguinte ligazón, aínda que esta ligazón non inclúe todas as traducións na documentación.

Galician translations for GNOME 3.8

Como obter o último GNOME

O código fonte de GNOME 3.8 está dispoñíbel gratuitamente para descargar e redistribuír, aínda que para a maioría de usuarios é aconsellábel agardar ata que GNOME 3.8 estea dispoñíbel a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus fornecedores. Con todo, na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.
[metaslider id=759]

Publicación de GNOME 3.6: 100% traducido ao galego

De novo o Proxecto GNOME comprácese en presentar a nova versión de GNOME, a 3.6. Esta última actualización de GNOME 3 representa 6 meses de duro traballo do Proxecto GNOME.

Como xa ven sendo costume o grupo de tradución de GNOME ao galego traballou duro para ter a esta nova versión completamente traducida ao Galego, pero ademais coa sorpresa de contar coa documentación base traducida ao Galego. Desta forma complétase a experiencia de GNOME en Galego por tódolos recunchos. Calquera dúbida que teña un usuario no uso de GNOME poderáo consultar no seu propio idioma.

Desde a última versión , 3.4, aproximadamente 980 persoas fixeron 31500 cambios a GNOME. Das cales perto de 700 son contribucións do grupo de tradución de Galego. Calquera pode involucrarse en GNOME para axudarnos a mellorar o noso software. Se está interesado en traballar en GNOME, pode unirse.

Novidades na tradución ao Galego
Estes últimos meses estiveron completos de traballo para no lado do noso grupo de traballo xa que nesta versión hai moitas melloras. Ao inicio deste ciclo, en marzo deste ano, puxémonos como meta ser o primeiro ambiente de escritorio libre en galego que tivera ademais documentación para os seus usuarios en galego. E por outra banda mellorar a calidade das traducións xa feitas. Xa que postos ao traballo así chegaron os froitos:

Revisión completa dos aplicativos de GNOME: temos que darlle as grazas a Leandro Regueiro que armado de pacencia, tesón e boas ferramentas revisou unha revisión completa e profunda dos principais aplicativos de GNOME en galego. Desta forma GNOME agora cumpre cos últimos acordos de terminoloxía publicados pola Asociación Proxecto Trasno Foron máis de 3 semanas revisando de forma altruista o noso ambiente de escritorio.
Tradución da documentación base: logo de varios meses de traballo sobre o que os nosos integrantes chaman “a peor parte para traducir”, Fran Diéguez traduciu a documentación base formadas por máis de 65000 palabras para traducir. Polo que agora os usuarios do ambiente de escritorio poderán consultar a axuda no idioma galego.
Como comentábamos anteriormente a tradución dos aplicativos que forman GNOME 3.6 requiriu perto de 700 cambios nos repositorios de GNOME, estándo en varias semanas entre os primeiros no número de contribucións a GNOME.
Darlle especial mención a tódolos contribuidores puntuais e principantes que seguen a mostrar que a tradución de GNOME foi e seguirá sendo traballo de moitos.

Para máis información visitade: o sitio web do grupo de tradución de GNOME ao galego

Publicado o novo GNOME 3.4 ao 100% en galego


Ven de publicarse o novo GNOME 3.4, a primeira versión do Ano da Accesibilidade de GNOME.

Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na moderna concepción do escritorio GNOME 3. Ademais fíxose un importante traballo na mellora da accesibilidade deste contorno de escritorio.

E por suposto, unha vez máis GNOME 3.4 está dispoñíbel 100% en galego. Nesta ocasión ademais con una meta que se nos meteu na cabeza, chegar ao 40% da documentación (tamén accesíbel por web) e minimizar o número de aplicativos con traducións parciais dos aplicativos extras de GNOME, chegando así até o 77%  tamén en galego. Esta última meta realizouse uns minutos antes de que finalizara o tempo.

Cambios importantes

Como se pode ler nas notas de publicación de GNOME 3.4 (tamén en galego), esta nova versión chega cargada de melloras e novidades que teñen como resultado un GNOME 3 máis brillante, máis ordenado e máis seguro.

  • Melloras no aspecto, interface e usabilidade dos aplicativos:
    Neste ciclo de publicación a principal preocupación do proxecto GNOME centrouse nos seus aplicativos. Así, os novos aplicativos publicados na anterior versión 3.2 obtiveron actualizacións importantes para facelos máis limpos e máis doados de usar sen descoidar
    por suposto ao resto de aplicativos existentes que tamén recibiron unha revisión para que deste modo sexan máis consistentes e estean mellor integrados con GNOME 3.
  • Moitas outras pequenas melloras: as melloras incrementais e a limpeza foi un dos focos máis importantes nesta publicación. O resultado é que GNOME recolleu un gran número de pequenas melloras que achegan un gran incremento na calidade. Grazas á nova iniciativa Cada detalle importa, enfocada na mellora da calidade da vista de actividades, coidáronse moitos pequenos detalles, incluíndo melloras nas etiquetas do iniciador de aplicativos, novas etiquetas de xanelas e títulos, mellor navegación do rato, estilos de texto máis lexíbeis e un «Taboleiro» máis doado de usar.
  • Compatibilidade para videochamadas e «Live Messenger». Empathy, inclúe unha nova interface de chamada de voz e videochamada. Isto fornece unha forma moi boa de facer videochamadas e está completamente integrado en GNOME 3, polo que pode responder de forma doada e rápida ás videochamadas que reciba. Ademais nesta versión incorpora compatibilidade con «Windows Live Messaging» e o chat de Facebook, polo que conversar con amigos é máis doado que nunca.
  • Preferencias do sistema melloradas: revisouse o deseño e disposición dos paneis de configuración das preferencias do sistema.
  • Mellor compatibilidade de hardware: realizáronse esforzos na mellora da compatibilidade e integración de hardware, facendo que GNOME 3 funcione con máis dispositivos hardware e fornecendo unha experiencia máis completa.
  • Melloras en accesibilidade. GNOME 3.4 é a versión máis accesíbel ate a data, con énfase na confiabilidade e usabilidade para todos. GNOME iniciou a campaña de recollida de fondos Amigos de GNOME para impulsar o seu compromiso coa accesibilidade con máis  recursos para facer do 2012 o Ano da accesibilidade para GNOME. Esta publicación inclúe importantes melloras nas características de accesibilidade de GNOME entre as que se inclúe:
  • Mellora na integración de Orca. A compatibilidade de GNOME 3 cos lectores de pantalla mellorou o que significa que os usuarios do lector de pantalla Orca agora poden usar GNOME 3 como o seu contorno de computación. Esta integración seguirá desenvolvéndose en futuras publicacións, e recomendámoslle aos usuarios de Orca que nos envíen os seus comentarios.
  • Modo de contraste alto mellorado.
  • Configurar o zoom para axeitarse a vostede : As novas opcións de zoom engadidas permítenlle cambiar o factor de magnificación, o seguimento do rato, a posición da vista magnificada na pantalla e activación de punto de mira para axudarlle a atopar o punteiro do seu rato ou área táctil.

O código fonte de GNOME 3.4 está dispoñible gratuitamente para descargar e redistribuír , aínda que para a maioría de usuarios é aconsellable agardar ata que GNOME 3.4 estea dispoñible a través da súa distribución GNU/Linux ou dos seus provedores. Con todo na web do proxecto é posible consultar a información sobre como obter GNOME para probalo.

Queremos darlle as grazas á Oficina de Coordinación FLOSS da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galiza por redactar a meirande parte desta nova podendo así centrarnos no que nos gusta: Facer desta última publicación de GNOME, a publicación con máis calidade e mellor cobertura do idioma Galego.

Publicación de GNOME 3.2, recursos lingüísticos e informe de tradución

Logo varios meses de duro traballo publicouse a nova versión de GNOME 3.2, a primeira versión dende a publicación do innovador contorno GNOME 3.0, co que o proxecto emprendeu unha gran reformulación da interface de usuario para transformarse nunha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta nova versión, GNOME mellora aínda máis a experiencia do usuario con numerosos retoques no tema visual e introducindo novos e modernos aplicativos perfectamente integrados na nova concepción do escritorio GNOME 3. Con certo retraso agora publicamos o informe de tradución da versión 3.2 de GNOME ao galego.

O traballo neste ciclo consistiu na tradución e revisión das máis de 40.000 cadeas do núcleo deste contorno de escritorio e na anovación das cadeas en base aos novos consensos que a comunidade de localización galega leva acordado no último ano e medio.

Ademais cabe destacar que o importante incremento na porcentaxe de tradución da documentación, dun 11% no anterior ciclo até o 32% no actual. O cal fai aínda máis doado o uso do escritorio GNOME para os usuarios principiantes por contar con un recurso moi importante no idioma galeg. A día de hoxe o escritorio GNOME é un dos poucos proxectos localizados ao galego con dito nivel de tradución da documentación.

Este informe de tradución resume os cambios, melloras e eventos que aconteceron ao longo do último ciclo de tradución. Entre outros puntos o informe relata o proceso de tradución, os cambios no proceso de revisión, estatísticas de número de cadeas traducidas ao longo das versións, capturas de pantalla do estado do proxecto no Damned Lies e finalmente as perspectivas de futuro para os vindeiros ciclos.

1 2 3 4